venres, 3 de maio de 2013

Apuntes de Toponimia do concello de VIVEIRO

A toponimia do concello de Viveiro é un reflexo da rica macro e micro historia dos pobos que aquí se asentaron e habitaron.
Xa que logo, podemos atopar primeiramente topónimos de orixe prerromana, entre os que temos  desde o río Landro ata Landrove, así como o río de Loiba, irmán etimolóxico da parroquia do mesmo nome. De aí pasamos polas innúmeras trazas da nosa cultura latina como no nome das uillae de Flavinius (Chavín) ou Bonimentius (Boimente), pasando polos ecos de tradición xermánica, a tamén antiga uilla de Aroaldus (Aralde).
Os tempos de guerras refléxanse nas referencias aos postos de vixía, como a Costoira, o Monte de Faro ou As Fachas.
As referencias á pesca son tamén innúmeras, desde a Atalaia ata a Balea.
A páxina achega, pois, este percorrido, en orde alfabética, que pretendemos sexa usado como material de consulta para aqueles que tivesen interese polo que hai agochado tras dos nomes dos lugares.

Nota: non reproducimos a lista exhaustiva, excluímos aqueles con significado transparente.

___________________________________________________________

ABELEDO (Galdo -lugar das Chairas)
Este topónimo remite a un terreo no que abundan as abeleiras.


ABELLEIRA, A (Galdo, microtop. de Faro)
O lugar de Galdo figura atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía:
 .. "enel marco que se halla en el lugar de Jimarreira y de este a otro que esta en el lugar de abelleira en medio de la casa que havita maria rodriguez viuda" ... 

O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Por tanto, o topónimo remite a un lugar no que hai colocadas colmeas. Nalgúns casos, o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.

ABRELA, A (Covas)
Diminutivo de "abra", 'baía pequena onde poden fondear as embarcacións' (cf. RAG).

Sobreira  definía "abra"  como "cualquer espazo de mar na terra, sen porto nin
nada" (cf. J. Sobreira, Fr. J. "Papeletas de un diccionario gallego. Ms. s. XVIII", Ed. de J. L. Pensado. 1979).

ABUÍN (Boimente, Valcarría)
De (uilla) Avolini, forma en xenitivo de Avolinus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, expotación agraria) que hubo neste lugar. 
Este é un nome de orixe latina.

ACEAVELLA (San Pedro de Viveiro -lugar dos Muíños)
Composto "acea vella". Ver AS ACEAS.


ACEAS, AS (Viveiro)
ACEÑAS, AS (Viveiro)
"As Aceas" é a versión máis común en galego, descoñecemos a razón pola preferencia do termo en castelán cando foi oficializado o topónimo.
Os apelativos "acea" e "aceña" proveñen do árabe as-sanya 'nora, muíño da fariña'. No dicionario "acea" é definida como "Muíño situado nunha ría, que aproveita para o seu funcionamento a auga acumulada durante a preamar". Este foi o caso deste lugar.
As aceas non tiñan "rodicio" senón unha roda vertical similar a unha nora.


ACIDO, O (Galdo)
Este topónimo é interpretado por Nicandro Ares como derivado do latín acinitum, sitio onde abunda o acinus 'herba silvestre, acio' (cf. N. Ares. "Estudos de toponimia galega". Vol I: 505). 
Este lugar figura co nome "ACIDO" no dicionario de Madoz (séc. XIX).

ADRADO, O (Covas)
Unha "adra" é "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal". Neste caso sería un "(monte) adrado", monte comunal repartido (cf. DdD).


ALAMPARTE (Landrove)
Fermoso nome, a partir de "alemparte", un adverbio arcaico "da outra banda, do outro lado", aplicado a terreos e lugares, indicando xeralmente 
a situación "da outra banda do río".
Neste caso concreto debe remitir ao Rego de Bravos, quedando ao outro lado (a igrexa de) Galdo. De feito, o tramo final dese río divide as freguesías de Galdo e Landrove.

ALBARIÑO, O (Viveiro)
Segundo Navaza, os termos "Albariña" e "Albariño" son diminutivos de "albar" para formas fitotonímicas como "carballo albariño", "uva albariña" ou "toxo albariño". Tamén sindica que algúns dos topónimos "Albariño" e "Albariña" podería ser diminutivo de "árbore", de arboriña > alboriña (cf. G. Navaza, 
2006. "Fitotoponimia Galega"). 

ALBOI (Celeiro, Faro)
Aparece atestado no Catastro de Ensenada para Faro de 1753, ao describir os límites da freguesía:
 .. "al sitio de alboy"...
Deriva dun *(uilla) Albonii, forma en xenitivo de Albonius, referindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval que existiu neste lugar. 
O nome Albonius, xa atestado en época romana na Península Ibérica e na italiana, tería orixe quer latina, a partir de Alb(i)us, ou prerromana.

ALDEA, A (Faro)
A voz "aldea", de orixe árabe (do andalusí aḍḍáy’a), aínda que incorporado tardiamente no galego, tivo unha gran difusión, tendo 134 ocorrencias na toponimia galega (cf. A. Boullón, 2021. "Panorama da toponimia galega (a través dos seus nomes máis frecuentes)", in Estudos Linguísticos e Literários 71).
En efecto, non aparece na documentación galega ata o séc. XII, e en referencia a núcleos galegos aparece no século XIII (“in aldea de Pineyra de predicto monasterio” a.1223, Ferreira de Pallares).
En galego mantivo o significado semellante ao que tiña en árabe: ‘núcleo pequeno de poboación, de carácter rural e con poucos veciños’.

ALFEIRÁ (San Pedro de Viveiro)
Este topónimo debe remitir ao apelido dun antigo posesor do lugar. Os Alfeirán
 foron unha das catro liñaxes destacadas de Viveiro. 
O apelido "alfeirán" provirá dun alcume, pois ten as acepcións seguintes:
* 'persoa que se alfeira ("encrespa, irrita") facilmente'.
* Derivado de "alfeiro": "coidador de porcos". É un termo recollido no galego medieval e no portugués actual (cf. Priberam DDGM).
* Derivado de significado alternativo de "alfeiro": "gado que non cría. É un termo tamén recollido no portugués actual (cf. Priberam).

Este lugar figura rexistrado con este nome no Dicionario de Madoz (séc. XIX).


ALLÁS (Chavín)
Plural de "allal", "alleiro", terreo plantado de allos ou propicio para eles.
 Algúns destes topónimos aludirían aos allos bravos, que 
abundan en campóns e prados, e teñen certo interés para o gado. Así o propón Coromines (OC, voz Aiades) para topónimos cataláns na montaña como Puig dels Alls ou Mas de l’Aller.
 A existencia do topónimo "Allares" en Valcarría reforza esta hipótese  - no entanto, Navaza mantén a dúbida sobre a súa orixe fitotoponimia (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

Aínda que haxa outras posible interpretacións, semellan improbables. A
 orixe que postula Nicandro Ares para este topónimo, a partir do patronímico Allius,  sería estraña, pois sería unha forma mixta, co uso do xenitivo xermánico, Allianes, non imposíbel mais improbábel. Se xuntamos esta baixa probabilidade coa alta ocorrencia como fitotopónimo (e.g. en Valcarría), aplicamos a "navalla de Occam" e decantámonos por ser plural de "allal", a solución máis económica. 

ALLARES (Valcarría)
Pode remitir a un terreo plantado de allos ou propicio para eles. Dado que as aliáceas abundan en campóns e prados, e teñen certo interés para o gado, algúns destes topónimos aludirían aos allos bravos. Así o propón Coromines (OC, voz Aiades) para topónimos cataláns na montaña, como Puig dels Alls o Mas de l’Aller. 
A existencia do topónimo ALLÁS en Chavín reforzaría esta hipótese. No entanto, para Allares, Navaza mantén a dúbida da súa orixe semántica (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

Alternativamente, non se pode descartar tratarse da variante de "anllares", do latín angularis, indicando un punto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. Porén, o cóbado máis do Rego do Loureiro,o  máis próximo, non queda moi preto, senón a máis de medio quilómetro, polo que non semella a interpretación máis probable.

Dada a existencia de "Os Allás" en Viveiro e "O Alleiral" en Muras, que son claros abundanciais, a interpretación máis probábel debe ser a primeira indicada. 

ALTAMIRA (Viveiro, Galdo, Faro)
É un topónimo frecuente en Galiza, con 13 poboacións rexistradas no Nomenclátor, así como múltiplos microtopónimos, e igualmente presente no resto da Península. 
Pode ser o que pareza, lugar en alto con boa visibilidade, derivado do verbo "mirar". Sería, pois, un caso análogo ao dos topónimos (O) Viso.
Outra orixe alternativa sería que remitise a unha antiga propiedade do Viscondado de Altamira.

Por outro lado, autores como Rosa Pedrero apuntan a que podería ter orixe prelatina, en relación á forma prerromana "mira", presente en hidrónimos como Mirante (<*Mira-nt-i), Miranzo (<*Mira-nt-io), etc, que inclúen sufixos -nt- de orixe prerromana (cf. R. M. Pedrero, 1996. "El hidrónimo prerromano Mira"). É interesante reparar tamén en Mirela, co típico diminutivo usado para afluentes ou para o cauce alto dos ríos (e.g. o "Sarela"), que volve a confirmar o carácter hidronímico do elemento *mira. En canto ao elemento inicial "al-t-", podería corresponder coa raíz indoeuropea *al- 'elevar', o mesmo que o latín altus ou o celta alto.

Como indicado previamente, tamén podería ter acontecido que a orixe do
s tres topónimos "Altamira" existentes no concello tivesen relación co viscondado de Altamira, talvez este fose o lugar orixe de tal viscondado ou ben simplemente propiedade do viscondado, tal como comentamos de seguido. 
Viveiro pertenceu no século XV ao primeiro Visconde de Altamira, aínda non é claro se a orixe do viscondado de "Altamira" foi en Galiza ou non. Parece ter sentido que fose así, e que tivese a orixe na poboación de "Altamira" en Galdo. Alternativamente, tamén se postula que tivese a orixe na "Altamira" de Cabezón de Pisuerga (Valladolid), un cerro onde houbo unha fortaleza ata o século XIX (cf. aquí); sexa como for, tal como indicamos, poderia ser que o nome referise a propiedades do dito viscondado.

Este lugar figura con este nome no dicionario de Madoz (séc. XIX).

ALVARELLE (Covas)
Podería corresponder con (uilla) Arborelli, forma en xenitivo de Arborellus, nome en diminutivo de Arborius, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina.
Alternativamente, o termo podería proceder dun dimunutivo de árbore, arborella, que tería relaxado a pronuncia a arborelle como ocorre noutros casos con esta terminación. Cf. aquí.


AMARELÁ (Galdo)
Esta poboación figura con este nome no dicionario de Madoz (séc. XIX).

Este topónimo foi estudado por Piel, derivándoo de (uilla) Amarellanauilla altomedieval que tería pertencido a unha persoa chamada Amarellus (cf. J. M. Piel, "Estudos de linguística histórica galego-portuguesa").

Porén, pensamos que máis ben debe remitir a unha antiga posesora de nome María Lá. En efecto, Lá foi alcume e apelido común na Idade Media, xa atestado no 1160:
" .. quam habeo de meo patre Petro Lana et matris mee Helvira .." (cf. CODOLGA).
O nome María é relativamente común na toponimia, así temos en Chavín o lugar d'A Maraleixa (María Aleixa), e tamén atopamos A Marapega no Vicedo, así como A Maraboa e A Maradona en Barreiros. Igualmente, xa sen síncope, atopamos a correspondente "A María Dona" en Silán (Muras).

Xa máis improbábel, non se pode descartar que simplemente viñese do adxectivo amarelo, no sentido de "(terra) amarelenta" ou, como indica Nicandro Ares, citando a Leite, remita ao nome dunha planta de cor amarela (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I). 

AMARGOSO, O (Boimente, Chavín)
O Catastro de Ensenada para Chavín (1753) atesta este lugar ao mencionar os límites da freguesía:
     ..."del que sigue tambien al marco de amargoso"...
O significado é incerto, probablemente se trate dunha reinterpretación dun "O Margoso", lugar onde abunda a marga "rocha arxilosa de cor abrancazada, moi rica en cal, usada para fertilizar a terra" (cf. DdD).
Esta hipótese refórzaa a existencia dos topónimos A Margosa nos concellos de Pol, das Nogais e de 
Cerdedo Cotobade, Margosas (O Corgo), O Prado Marguento" (Cangas), As Margosiñas (Cerdedo Cotobade), O Margado (Val do Dubra), O Margazal (l. de Rioaveso, Vilalba), As Margas (Bande).

Teoricamente, tamén "margoso" puido ter o significado de "morteiro", 'lugar estercado para viveiro de hortalizas". Este é o significado de "marxal", adicional ao de "lugar onde abunda a marxa ou margo". Porén, rexeitamos en principio esta hipótese por localizarse "O Amargoso" en terreo de monte, impropio para este fin.

Finalmente, comentar que se debe rexeitl unha orixe na caracterización do terreo de "amargo", referido á calidade da terra ou asociado ao alcume de antigo posesor. A razón para rexeitalo é que o sufixo -oso serve para adxetivar nomes (chuvia/chuvioso), en canto neste caso "amargo" é xa adxectivo, e por tanto *"amargoso" nin existe nin é necesario.

AMIDAL, O (Covas)
AMIDO, O (Faro)
Alude a un lugar onde abundaban os ameneiros ou amieiros.

AMEIXOA, A (Vieiro)
Debe aludir á acción de ameixoar (xuntar as ovellas, o gado), o mesmo significado que os topónimos A Ameixoada (O Vicedo), o lugar onde se realizaba o ameixoamento. Trataríase, xa que logo, dun deverbal do mesmo modo que temos, por exemplo, os topónimos "A Estoxada" e "A Estoxa" remitindo á acción de estoxar (tirar os toxos), ou A Cavada, etc. 

Por outro lado, Nicandro Ares interpreta Ameixoa como diminutivo do substantivo "ameixa" ‘molusco bivalvo comestible’ (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011). Porén, non parece moi probable esta orixe para un topónimo.
Carolina Pérez considérado como posíbel diminutivo do homónimo "ameixa" 'froita da ameixeira', do latín damascēna e con abundante presenza na toponimia (cf. C. Pérez. 2015. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá").

Sen negar ningunha das hipóteses anteriores, penso que debe máis ben aludir á indicada ao comezo, á acción de ameixoar, tanto polas razóns indicadas ao comezo como tamén por consideracións dialectais: preto de Viveiro atopamos os lugares de Nogueiroá (Miñotos), Amoá e  A Eiroá (O Vicedo), etc, que mostran que o diminutivo do latín -ola nesta zona evolucionou ata -óá, co cal se Ameixoa fose diminutivo, nesta zona correspondería un **Ameixoá.

ARADA
, A (Landrove)
Sen documentación antiga que mostre o contrario, o máis probabel é a orixe obvia en "arada", do verbo "arar", aludindo a unha terra que previamente estaba improdutiva, probablemente a monte, dada a situación deste lugar. Existen topónimos deverbais similares relativos a tareas agrícolas, tais como "As Cavadas" ou "A Estoxada".
Alternativamente, podería ter unha orixe en "hedrada". Así tería evoluído do latín hederata > a eerada > a erada> a arada, tal como postula Martínez Lema (cf. aquí).
Máis improbábel sería ´que proveña de "adrada", de "adra", "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal".
Finalmente, queda tamén a alternativa prerromana: Edelmiro Bascuas apuntou a posibilidade de parte dos topónimos "Arada" existentes na xeografía galega e portuguesa ter derivado da forma *arat-, presente en hidrónimos de orixe paleoeuropea, formada da raíz indoeuropea *er-'moverse' (cf. p. 31 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").


ARALDE (Magazos)
Derivado de *(uilla) Aroaldi, forma en xenitivo de Aroaldus, remitindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. 
É un nome de orixe xermánica.
Este lugar figuraba aínda como habitado, con este nome, no dicionario de Madoz (séc. XIX).

ARANDOS, OS (Boimente)
Derivaría de "Os Sarandos", e este á súa vez de "Os Serandos", topónimo tamén rexistrado na Coruña. Na Coruña tamén existe "O Sarandón", que confirmaría "Sarandos".
"Serandos" podería estar relacionado con "Serantes" e, por tanto, podería ser de orixe céltica ou precéltica, vindo da raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo'.
Alternativamente, podería derivar de "arando", o froito da arandeira, aínda que non sexa nome común na zona, polo menos actualmente.


AREA (Faro)
Ata o século pasado, o apelativo "area" tiña tamén a acepción de "areal", "praia", se ben logo perdeuse na fala en favor do termo importado "praia". No entanto, perviviu na toponimia, de aí que atopamos praias chamadas "Area Longa" ou "Area Grande".

Concretamente, este núcleo de poboación de Area xa aparece nun documento mindoniense de 877 no que menciona unha "Villam de Arena sub monte de Faro", sen dúbida correspondente con este topónimo. 
En Area estivo a antiga vila romana e altomedieval de Estabañón.  De feito, aínda Area figuraba como "Area de Escabañon" no Censo de Pecheros de 1528, onde Escabañon é  unha gralla por Estabañón. Este antigo núcleo de poboación, do que quedan restos arqueolóxicos, que quedou asulagado polas augas (un estudo da Universidade da Coruña sobre a altura das mareas do ano 500 a.C.  ata o 500 d.C. concluíu que desde entón o nivel subiu dous metros). As escavacións realizadas hai unha década atoparon alí restos de dúas vilas, unha tardorromana e, por riba, outra medieval (cf. aquí). Atopáronse restos de factoría de salazóns antiga, aínda que sen datar con precisión (cf. p. 38 de L. Lagóstena "La producción de salsas y conservas de pescado en la Hispania Romana ..., Part 3).

ARMADA, A (Galdo)

Unha "armada" remite a unha trampa para cazar animais.

AROI (Valcarría)
Este núcleo de poboación figura con este nome no dicionario de Madoz (séc. XIX).
A orixe deste topónimo estaría en (uilla) Aronii ou en 
(uilla) Aaroni, formas en xenitivo respectivamente de Aronius ou de Aaronus referindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola).
Se o nome orixe fose Aronius, tería orixe latina (dunha previa orixe etrusca). Se a orixe for Aaronus, este é antropónimo de orixe hebrea, a través da tradición cristiá greco-latina

O Nomenclator rexistra dous núcleos de poboación chamados "Arón", en Cedeira e en Cerdido, que terían a mesma orixe que este. O "Arón" de Cerdido figura atestado en 1473 como "Aroee", o cal confirma a orixe indicada.

Alternativamente, podería tratarse dun hidrónimo *arone, derivado da raíz paleoeuropea *er-/*or-. Esta é a orixe que propón Bascuas (cf. E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 26). No entanto, cremos que se pode rexeitar, pois  os "Arón" e "Aroi" xistentes son núcleos de poboación, co que semella máis probábel proviren dunha forma en xenitivo indicando nome de posesor da uilla altomedieval.


ARREDOADA, A (Landrove)
Do verbo "arredoar", coas dúas acepcións: "rodear, ir arredor" e "redondear". De feito, neste caso dá nome a un lugar situado nunha curva, nun couce do terreo.
Este lugar figura con este nome no dicionario de Madoz (séc. XIX).

ASNA
, A (Landrove)
Orixe incerta, debe ter a orixe no termo "asno", quer referido ao alcume dun antigo posuidor, quer a unha situación anecdótica.
Alternativamente, pode derivar da raíz paleoeuropea *ap-s-, frecuente en hidrónimos (cf. p. 179 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

ÁSPERA
, A (Magazos -lugar do Outeiro)
Alén da alusión a "terreo áspero", tamén se refire a terreo de bouza, ou terreo escarpado. Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca" (cf. A. Moralejo, 
1977. "Toponimia gallega y leonesa": 306).
Falta comprobar se tamén neste caso (o mesmo que ocorre e.g. no caso da "Aspra" das Negradas), parece corresponder á acepción rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa (cf. aquí).

ATALAIA
, A (Celeiro)
Unha "atalaia" é un lugar de vixilancia; neste caso sería de vixilancia para a captura das baleas e similares similares que entraban na ría. 
Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas".
Hai topónimos "Atalaia" en toda a costa mariñá: en Viveiro, Xove, Burela, así como tamén en 
Bares.

A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Igualmente, Bares e San Cibrao aparecen citados en 1291.
Nos primeiros tempos, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos.  
No final do século XVI, os galegos xa desprazaran totalmente aos baleeiros vascos. 
A captura intensiva neses séculos levaría á práctica extinción  da especie nas costas galegas no final do século XVII, cesando a actividade baleeira costeira (cf. aquí).

Figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares:  "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor". Tamén figura en 1349 un "Johan Peres baleeyro", en Pontedeume, cando actúa de testemuña (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

AURÁ (San Pedro de Viveiro)
Este núcleo de poboación figura xa con este nome no dicionario de Madoz (séc. XIX).
A forma Aurá trátase en realidade de "A Ourá", pois o diptongo "au" non se mantén no romance galego.

Por outro lado, o profesor J. M. Piel interpretouna como derivada de *(uilla) Auriana, dun nome de posesor latino Aurianus. Aínda que formalmente encaixaría, non encaixa probabilisticamente  se reparamos na alta frecuencia dos Ourao(s) e Aurás existentes na zona, próximos do Rio Ouro, nin a outra concentración de Aurá en Cariño e a poboación de Ourao (Loiba). 
Debe derivar da voz de orixe prelatina aura, que semella remitir a unha 'corga, torrenteira' (cf. X. L. González, 2024. "Mil topónimos opacos de castros e corgas, Parte I").

Ver OURAO para máis detalles.

BALADÁS (Chavín)
De "Abeledás", plural de "abeledal", lugar con abelairas.
Aínda que as formacións con doble sufixo abundancial (-edo + -al) non son frecuentes, tampouco sería un caso excepcional, así "louredal", "toxedal", etc.
Existe outro "Baladás" en Valdoviño, así como un "Valadás" en Melide. 
A aférese nestes casos non é estraña, así "O Abelaedo", lugar do concello do Vicedo, é xeralmente pronunciado como "O 'belaedo".

BALEA, A (Viveiro -lugar de Naín)
O lugar xa aparece  atestado como "Balea" no 1545 nun "apeo" do Mosteiro da Coalleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la isla de la Colleira"). 
Neste lugar hai un casarío, situado entre Naín e Naín de Arriba.
Dada a situación do lugar, non preto da costa, non alude directamente ao mamífero de dito nome. Non moi lonxe desta "Balea" atopamos o "Muíño da Balea", ao pé doutros muíños.
O topónimo debe provir dunha adxectivación como  "A (terra) balea", indicando a súa pertenza a unha persoa apelidada Balea (ou alcumada Baleo). De feito, aparece un "
Fernan Balea" nun documento de 1486, relativo a un foro  a un veciño de Valcarría, do muíño sito en Portocelo (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"). Este cóengo aparece tamén nun documento do 1471 como fiador (cf. E. Cal, "De Viveiro en la Edad Media", in Estudios Mindonienses nº 7).

No concello de Ortigueira atópase tamén o lugar d'O Baleo.

BALGUETA, A (Galdo)
Ver "A Valgueta".

BALSA, A (Valcarría)
Este rego está atestado no Catastro de Ensenada para Valcarría (1753) ao mencionar a existencia dun muíño "al sitio da Balsa".
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
F. Villar derívaa da raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s- (cf. "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana": 299).

BALSEIROS, OS (Boimente)
Debe remitir ao apelido ou alcume "Balseiro", dos antigos posesores do lugar. De feito este apelido xa está atestado en Galiza no século XIV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Reforza esta hipótese o feito de ser un apelido frecuente na Mariña e no Ortegal (cf. CAG).

Tamén podería aludir a un terreo cuberto de balsas ou charqueiras, aínda que non parece encaixar.

BANDEXA, A (Faro)
O topónimo "Bandexa", aínda que semelle un significado transparente, moi probablemente se trate dun hidrónimo de orixe prerromana indoeuropea. 
En efecto, E. Bascuas e outros autores (V. Cocco, J. M. Blázquez) para topónimos como "Banduge" ("bandugium" en 1115, en Mesão Frio), derívanos da base hidronímica indoeuropea *band- 'gotear' (IEW 95) (cf. E. Bascuas
, 2007. "Aquis Ocerensis .." in ""Paleohispánica", núm 7: 51) (aquí).
Tamén Boullón Agrelo deriva o topónimo Bandoxa (Oza dos Ríos) desa base hidronínima *band-, de onde derivaría tamén a divindade acuática prerromana Bandoga (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)": 150).
Este topónimo está presente tamén como hidrónimo no Valadouro e en Cervo.

BARRAL, O (San Pedro de Viveiro)
Topónimo transparente, referido a un terreo con abundancia de barro.
Este lugar xa figura atestado no 1396, asociado a un Fernán do Barral, nun documento relativo ao lugar de Valdemirós (cf. MADRID, AHN, Cód. 416 B, fol. 115r, traslado ao Libro do Cabido polo notario Pedro Fernández: 1416-II-12). 

BARALLA (Chavín)
BARALLA
, A (Boimente, Galdo)
O topónimo Baralla ten un significado e unha orixe controversa. En Galiza atopamos unha chea de "A Baralla", "As Barallas", así como  as formas diminutivas Barallo, Baralló e Baralloca, e incluso Barallobre, nome de castro.
Segundo M. Pidal, tanto Baralla como os portugueses 
Baralha e Baralhada, e mais os españois Baraja, Barajas, Barajores, Barajuén proceden de *varalia ‘tecido de varas, valado vexetal, sebe’, derivado de vara (cf. aquí). Alude, xa que logo, a un cercado. Esta etimoloxía  parece  encaixar, sendo un topónimo frecuente.
Por outro lado, autores como Carrasco e Navaza apuntan que pode proceder da voz  baralla 'rifa, disputa', xa atestada no galego medieval. Deste modo, algúns autores  interpretan que se referiría a lugares onde xurdiron litixios pola súa propiedade ou usufruto. Así, nun documento do ano 910 sobre a doazón da actual parroquia de Friolfe, O Páramo (Lugo),
“Et si aliquis homo ad irrumpendum venerit vel venero contra hunc factum scrip-tum ad tibi, et Baralia suposuerit in primiter, sedeat scomunicatus et condenatus”.  
Porén, na nosa opinión, a frecuencia dos topónimos "Baralla", semella indicar unha excesiva cantidade de "rifas". Amais diso, non encaixaría nalgúns deles, como os mencionados Baralloca e Barallobre. Tampouco encaixarían ben "O Baralló". O profesor Bascuas tamén interpreta así o caso de "Baralláns". Cf. aquí

A interpretación de orixe prerromana,
 con orixe na  raíz indoeuropea *war- 'auga',  tamén é plausíbel, tendo en conta a existencia de Baralloca, co típico sufixo prerromano -oca > -okka, e de Barallobre, coa terminación -bre que se asocia ao celta -briga 'fortificación'. 

O lugar deste nome situado en Galdo figura atestado no dicionario de Madoz (séc. XIX).

BARBEITO (Magazos)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BARGO, O (Faro, San Pedro de Viveiro -lugar do Barral)
Un "vargo" ou "bargo" designa unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.
A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán várgano 'Cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", o cal tamén apunta a unha clase de valado ou palizada.

BATÁN, O (Chavín, Galdo)
O Batán de Chavín debe corresponder cun dos atestados no Catastro de Ensenada para Chavín (1753) :
     ..."dos Batanes de vatanar paño que llaman sayal, del Pais, "...

A voz batán vén do latín battere 'bater, golpear'. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos e teas de lá ou liño fabricados nos teares caseiros. O tecido era batido por dous mazos hidráulicos. O batido tiña como finalidade desengraxar o tecido e darlle corpo. 
Os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

BASANTA, A (Covas)
Topónimo que remite a unha (agra/terra) de Basanta", sendo "Basanta" o apelido do posesor.

BELLEGAL, O (Chavín)
Ver "O Vellegal".

BETRIGO, O (Landrove)
Topónimo que debe derivar do nome persoal Wittiricus ou Wittericus
, que sería o antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval que tería existido nese lugar. 
É un nome de orixe xermánica. É de notar que, sendo este  caso, a escrita correcta debería ser "Vetrigo". No entanto, talvez puido ser outro tema xermánico distinto, a raíz *bett- (cf.  Rivas Quintas para Betote), co cal mellor deixalo como está.
Tería un curmán famoso, Guitiriz, coa mesma orixe etimolóxica.

BICÁS, OS (Valcarría)
Probabelmente orixinado nun alcume, de "terreos dos bicás", referindo a un antigo posesor. Bicás sería plural de "bical", "bicudo, con moito bico". No entanto, parece improbable, dada a relativa frecuencia deste topónimo en toda a zona, como p. ex. en Cervo.


BIDUÍDO (Galdo)
Indica un terreo onde abundan os bidueiros.


BIMBIAL, O (Valcarría)
De "vimbial", lugar onde abundan os vimbes, vimes.

BOIBAL, O (San Pedro de Viveiro)
O termo "boibal" pode derivar da raíz pre-latina *boi- 'rocha, pedra'. Isto parece encaixar ben no topónimo "Penas do Boival", no Cadramón (O Valadouro).
Alternativamente, rexístrase "bovia" como apelativo e topónimo, en Asturias e León, como ‘paso natural entre montes' (cf. G. Álvarez, "El habla de Babia y Ladana", in Revista de Filología Española. Anejo XLIX. 1949). Garvens alega referencias documentais medievais ("illa bouia de Calabro", "illa bouia de Rouredo").

Canto ao significado, segundo esta acepción astur-leonesa, Concepción Suárez menciona o topónimo asturiano "La Boya" (Parana), ‘pastos altos de verano ya en el límite con Aller’. O significado sería ben o de ‘pastos, prados’ ou ben o de ‘paso entre montes, cole’. As dúas etimoloxías propostas son, por un lado a de Garvens, que parte dun elemento prerromano *bob ‘oco’, e que explicaría o significado de ‘pasaxe, porto’ (cf. F. Garvens, "Die vorrömische Toponymie Nordspaniens". 1961). Por outro lado, X. L. García e X. Concepción relaciónano co latín bove ‘boi’. Cf. aquí.

Existe tamén "O barranco do Boibal" e as "Penas do Boival" no Cadramón (O Valadouro).

BOIMENTE (Boimente)
De *(uilla) Bonimentii, forma en xenitivo de Bonimentius, referindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina.
No século XVIII atopámolo atestado como "Boiménte" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

BOIRA (Chavín)
No dicionario "boira" ten dúas acepcións: a de "pequena poza que forma a choiva nos terreos sementados" e a de "néboa".
Tanto a "Boiro" como ao cognado portugués "Bouro" tradicionalmente élle asignada orixe xermánica; así, Piel derívao do gótico ou suevo *bûr 'casa', abundante na toponimia francesa (Cf. J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III: 233).
Da mesma opinión é M. Costa, que o deriva do suevo *būrjō (v. Ostgermanisch, G. Köbler, "Gotisches Wörterbuch"), do protoxermánico *būram 'casa, cuarto' (cf. "Frornarea").

Por outro lado, tendo en conta o significado do apelativo "boira" mencionado previamente, cremos que non se pode descartar a orixe nun hidrónimo, podería vir dun antigo *buria, compartindo orixe co topónimo "Burela", tal como postulamos no blog sobre toponimia de Burela (ver aquí).

BORRALLEIROS (Vieiro)
Este núcleo de poboación, se observamos a microtoponimia do lugar, vemos que queda na zona de fincas chamada Borralleira. O máis probábel é que "Borralleiros" remita aos habitantes do lugar da Borralleira, que sería o nome orixinal.
O termo borralleira alude a un lugar onde se acumula a borralla, a cinza, o residuo de vexetais ou madeira totalmente queimada. O dicionario da RAG indica a acepción de 
"Lugar onde se queima a mata e a rama e onde queda depositada a cinza, que vai servir de fertilizante".
A orixe do topónimo estará, por tanto, nas actividades de roza: cando se cavaba na roza, facían borralladas cos toxos, etc, que servían de abono para o centeo ou trigo que se sementaba na roza.

BORREIROS (Galdo)
A orixe dos topónimos "Borreiros" podería aludir a "(terreos) borreiros", constituídos por "borra"na acepción de 'pouso, sedimento',  por estaren á beira do río e ser terra de aluvión ou ben residuo de queima para fertilizar o solo (cf. G. Navaza. "O nome dos lugares. Saiáns"). Este termo "borra" ten orixe prerromana.
Martínez Lema defende igualmente para o mesmo topónimo de Begonte, a orixe en "borra" co significado de ‘sedimento, pouso’.

No entanto, cremos máis probábel neste caso que Borreiros remita ao oficio dos antigos habitantes do lugar, que negociarían coa borra (do latín burra ‘la groseira’), ou tamén "colmeeiros, comerciantes de cera en bruto", o que encaixa coa acepción recollida nos primeiros dicionarios de galego (cf. DdD). Esta opinión basámola no feito de que o Catastro de Ensenada, para varios lugares rexístrao con esta acepción. Así, no Catastro de Ensenada para As Pontes (1752) aínda veñen atestadas varias persoas co oficio de borreiros, comerciantes de cera. Igualmente, no Catastro de Ensenada, para Vilavella (1752) está atestado:
.."un lagar deestruxar Borras dezera"...
Outro feito que apunta nesta interpretación é que a grandísima maioría dos "Borreiros" e "Burreiros" corresponden con núcleos de poboación, polo que encaixa a referencia a antigos posesores/fundadores do lugar.

BOSTELO 
 (Viveiro)
BUSTELO (Viveiro)
Bustelo é o diminutivo de "busto", designando un lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas".
O lingüista Joseph Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, Miguel Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. Frornarea), este á súa vez da raíz indoeuropea *gwōw 'vaca' (IEW: 482).


BRIEIRO, O (Faro)
Aparece atestado no Catastro de Ensenada para Faro de 1753, ao describir os límites da freguesía:
 .. "y deste [marco] ba al do brieiro"...

Este topónimo foi estudado por Edelmiro Bascuas, que indica a súa situación ao pé de xunqueiras que o separan do mar (cf. E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17: 454). Bascuas remíteo a unha raíz fitonímica, a mesma presente no topónimo medieval Vallis Bria, actual "A Valoría" (Mondoñedo). Bascuas asigna a "brión", "brieira" e "brieiro" un significado de "xunqueira, xuncal", e lígao cun tema *brī-, relacionado coa forma céltica *brei-no- "xunco, espadana" reconstruída como tal por Corominas. Máis recentemente, Martínez Lema apoia igualmente esta interpretación (cf. P. Martínez, "A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV).
Por outro lado, F. Villar relaciónao co céltico *briga 'altura', aínda que esta interpretación é rexeitada poderosamente por Bascuas (cf. E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17: 423-490).

No entanto, cremos que, dada a situación do lugar, non propicio para os xuncais, encaixa mellor interpretalo como "(camiño) vrieiro", de "vrea" 'vereda', camiño ancho. Esta acepción de "brieiro" xa a rexistrou Sarmiento no séc. XVIII:
 .. " camiño breeiro o camiño brieiro, es el camino real" (cf. DdD).

BRIÓN, O (Valcarría)
Este termo, o mesmo que "brieira" e "brieiro", podería aludir a "xuncal, xunqueira". É palabra de orixe prerromana.
E. Bascuas remíteo a unha raíz fitonímica, a mesma presente no topónimo medieval Vallis Bria, actual "A Valoría" (Mondoñedo), ligado ao tema *brī-, relacionado á súa vez coa forma céltica *brei-no- 'xunco, espadana', reconstruída como tal por Coromines (cf. pp. 423-490 de E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17). Esta opinión é compartida tamén por P. Martínez Lema. Cf. aquí.
Pola súa banda, Cabeza Quiles asígnalle unha orixe celta, con significado de 'castro, altura fortificada', talvez dun *brigonem (cf. F. Cabeza, "A toponimia celta de Galicia". 2014). No entanto, tamén recolle algunhas das interpretacións alternativas citadas seguidamente:
F. Villar (1995) postula unha orixe no elemento céltico *brig- "altura, elevación". Porén, Bascuas descartou que tivese que ver con *briga. De feito, indica o exemplo de Brión (Ferrol), para o que a documentación medieval cita como “Briaria que fuit de fratribus…”.
Carlos Búa apunta a esta posíbel orixe na raíz celta *brig- para o "Brión" de Vilouchada (Trazo), que figura no ano 818 como "castro Brione" (cf. C. Búa, "Toponimia prelatina de Galicia").

Abundan os topónimos "Brión" por toda Galiza, tais como o concello de Brión, e lugares en Boiro, en Ferrol, en Bergantiños, en Rianxo, en Outes. É un topónimo xa documentado no século IX como Brione, e no século XII como Brion ou Briom.


BUDUAL (Galdo)
Aínda que non figura nos dicionarios de galego, si se conserva no castelán-leonés a forma cognada "bodonal", co significado de  ‘zona húmida, charca
, terreo enlamadoxunqueira’, cunha presenza en numerosos puntos das provincias de Zamora e Salamanca, "pero no en Castilla" (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).
Navaza na súa obra de fitotoponimia non recolle as formas "budual" e "budueda", mais si inclúe as equivalentes "bodial", "bodiosa" e "budeiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Tendo en conta que en castelán están atestados bodenal e bodonal como '', e sendo bodonal o cognado deste "budual", parece ser esta a interpretación máis plausible. En efecto, as mencionadas formas castelás bodenal e bodonal 'terreno encenagado' foron analizadas por Corominas, así como as galegas "bodial", "budueda", que terían igual significado, simplemente muda o sufixo abundancial usado. 
Xa que logo, "Budual" alude a unha "zona húmida, charca, terreo enlamado", talvez con abundancia de xuncos, xunza ou similares.

Por outro lado, tampouco podemos descartar que "budual" se trate neste caso dunha deformación de "bedual", e por tanto indicaría un lugar onde abundan os bedueiros.

Atopamos tamén "Bodoedo" en Xove, que tería a mesma orixe. 

BUIO, O (Boimente)
A orixe deste topónimo é controversa.
E. Rivas e J. M González falan dunha raíz hidronímica celta *bed-, *bud-.
Podería estar relacionado con "Buño", coa mesma evolución que as parellas Troia e Troña, Baio e Baño (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
O topónimo "Buio" é relativamente frecuente, así o atopamos, por exemplo, en Burela.

BURGO, O (Faro)
Este termo usábase na Idade Media para nomear un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada; posteriormente 
pasou a designar unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 
Canto á etimoloxía, procede do xermánico burg "fortaleza, castro", do cal pasou ao latín. 

CABANDELA, A (Viveiro)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada, tanto para Magazos (1753) como para Viveiro (1752), ao relatar os límites das freguesías:
            ... "al coto de Cabandela" ..
Diminutivo  de "cabana", do latín capanna 'cabana'.  Inclúe o diminutivo en -ela, que nos remite á súa antigüidade.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outra Cabandela en Xove.

CABRADOIRO, O (Valcarría)
Debe tratarse dun "O Crebadoiro", de "crebar", aludindo á forma do terreo.
Así, Rivas Quintas rexistra "cabradoiro" como un "crebe no terreo" (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía").
Alternativamente, tamén en base a un "Crebadoiro" orixinario, pode aludir a actividades de rega, tendo en conta a acepción recollida no dicionario Estraviz
 "Apertura lateral numa presa de regadio ou de moinho, frequentemente provida de comporta, para deixar sair a água".

Este topónimo ten certa frecuencia, así, existen outros "Cabradoiro" nos Devesos (Ortigueira), nas Oiras (Alfoz), en San Simón da Costa (Vilalba) e mais un "Cravadoiro" en Muras.


CACAVIÑA (Galdo)
Diminutivo de "cácavo", do latín caccabus "pota", por analoxía coa orografía do lugar, depresión, o fondo dun monte.


CACHEIRO, O (Valcarría e Vieiro)
O nome "cacheiro" podería estar relacionado con "terreo de mato, de monte, que se roza e queima para sementar trigo ou centeo". Di Sarmiento: 
Cachar significa rozar y quemar un terreno lleno de matorrales para sembrar en él centeno o trigo. Cachada es esa heredad y cacheira un terreno muy espacioso para el mismo fin.
Outra acepción rexistrada sería a que se usa actualmente en Dodro: "leira pequena traballada e coidada preto das aldeas".
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra "Cacheiro" en varios lugares próximos, como no concello do Vicedo; no de Mañón existe "As Cachizas", que podería estar relacionado.

CACHÓN, O (Covas, Faro, Galdo)
O nome "cachón" designa unha "fervenza de auga", "cascada". 


CACHOPAS, AS (Covas -lugar de Nogarido)
O dicionario define "cachopa" como "toro (tronco) groso e vello, ben aínda en pé ou xa cortado". O topónimo indicaría, por tanto, un lugar onde había cachopas.

Aínda que  "cachopa" teña  tamén a acepción de "ama de casa", é descartable, pois a súa presenza como topónimo sería como alcume, e non xustificaría a abundancia de topónimos "cachopa" en Galiza.

CADAVAL, O (Covas, Magazos)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

CAL de MORÁS (Valcarría)
Cal das amoreiras. Morás é o plural de "moral", onde hai "amoreiras".
Tamén pode provir de (fundu/uilla) Mauranis, referindo ao nome do antigo poseedor medieval do lugar.


CALEIRA, A (Chavín)
Este topónimo, frecuente en Galiza, indica un "lugar onde se extrae o cal, ou forno onde se queima o cal". Cf. DdD.

Aínda que o apelativo "caleira" tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a motivación, sería estraño tal frecuencia de topónimos referidos ao nome dunha planta sen uso especialmente relevante. Aínda máis sendo o nome en singular, referindo por tanto á presenza dunha única planta.


Este lugar xa aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con este mesmo nome.


CALVARIO, O (Celeiro, Landrove -lugar de Portociño)
CALVARIO DO ADRO (Galdo)
Referido á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis, o cal é evidente no Calvario do Adro de Galdo.

CALVO, O (San Pedro de Viveiro)

CALVOS, OS (Covas)
CALVOSO (Chavín)
Tanto "Calvo" como "Calvelo", Calvela, Calvoso e Calveira remiten a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva. 
Está atestado "decalvar" por exemplo en León no 1022 "illo rouoreto montani que taliaront et dekaluaront" (G. del Ser, 1994, "Colección diplomática de Santa María de Otero de las Dueñas (León)".
No momento de lles ser asignado estes nomes, é de supoñer que toda a contorna era bosque.
O lugar d' "O Calvo" xa figura atestado nun documento de 1396 relativo ao lugar de Valdemirós (cf. MADRID, AHN, Cód. 416 B, fol. 115r, traslado ao Libro do Cabido polo notario Pedro Fernández: 1416-II-12). Tamén aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con este mesmo nome.

CALZADA, A (Landrove)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.

CAMBELA, A (San Pedro de Viveiro, Valcarría e Magazos)
Unha "cambela" é un pau retorto. Por extensión, un arado antigo.
Unha orixe alternativa sería do diminutivo de "camba".
Podería referirse a un alcume de antiga propietaria (ou propietario: "O da Cambela").


CAMIÑO do CACHÓN (Faro -lugar do Cachón)
Un "cachón" é sinónimo de "fervenza", augas que caen en cascada.


CAMPELAS, AS  (Boimente)
A voz "campela" é o diminutivo de "campa", derivado de "campo". O dicionario de Constantino García recolle "campela" como "camposa" e tamén como "prado pequeno".
Se a interpretamos puramente coa acepción de "campa" en diminutivo, entón pode aludir a unha pequena "campiña no monte". 

CAMPO de ARCA (Valcarría)
Topónimo que nos remite a un campo no cal houbo ou hai unha "arca", probablemente aludindo aos restos dun dolmen (os esteos e a furada).

CAMPO de VERDES (Viveiro)
Topónimo que posiblemente remita a un campo no cal a terra é moi vizosa, con abundancia de vexetación.
Alternativamente, pode aludir á pertenza a unha persoa de apelido Verdes. De feito este apelido xa está atestado en Galiza no século XIV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Segundo o CAG, este apelido é frecuente na actualidade na Terra Chá.
Aparece atestado no Catastro de Ensenada para Magazos de 1753, ao describir os límites da freguesía:
 .. "al sitio de birdial de berdes"...

CAMPO DO BASOI
 (Magazos)
Aparece atestado como "peña de bajoy" no Catastro de Ensenada para Magazos de 1753, ao describir os límites da freguesía.
Tendo en conta o anterior, probabelmente derive dun Bagioi, o nome dun antigo posesor do lugar. É un nome de orixe xermánica (de *bagi 'rifa' e mais o sufixo -oi).

CAMPO DO BISPO, O (Landrove)
O termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou tamén, alternativamente, puido aludir á antiga pertenza á xurisdición episcopal.
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").


CAMPO DOS BOIS (Vieiro)
O termo "boi" neste topónimo pode provir do significado obvio, e por tanto podería indicar algo como "campo onde pacen os bois". Alternativamente, tamén pode provir da raíz pre-latina *boi-, "rocha, pedra", e por tanto significaría "campo das pedras".


CAMPÓN, O (Covas, San Pedro de Viveiro)
O termo "campón" indica un prado de secano de moita extensión. Cf. DdD.


CAMPO MILLÁN (Faro -lugar do Monte Faro)
Este toponimo pode aludir a un "campo do millán", aludindo ao nome común da planta 'Digitaria sanguinal' que aparece nos terrenos de cultivo, unha planta "poácea", cognado do portugués milhã. En efecto, aínda que non veña citado na obra de Fitotoponimia galega de Navaza, semella plausíbel. Decía Sarmiento dela: 
"Es tan continuadamente fecunda como la mielga y tan útil para las caballerías y ganado vacuno como ella. Llámase millán o millá, y en portugués, según Bluteau, milhaã". De ella dice: He o verde dos bois e bestas, de agosto até os santos”.. 

Por outro lado,  tamén puido aludir o nome a un terreo (ou antiga uilla altomedival) Emiliani, pertencente a un posesor de nome Emilianus.
É difícil inclinarse por un dos dous. En Carballedo hai unha "A Lameira do Millán", co artigo que semella referirse a un nome común e non a un posesor. Ao contrario, en Touro aparece O Outeiro de Millán, o cal si parece referirse ao nome do posesor.
É curiosa a presenza deste topónimo concentrada nos catro concellos do Norte galego, Mañón, O Vicedo, Viveiro e Ourol, en canto non aparece no resto da Mariña e do Ortegal.

CANAVEIRÁS, OS (Faro)
A forma "canaveirás" é unha forma plural de "canaveiral", abundancial de canaveira.
En Galdo atópase un topónimo relacionado: "O MONTE DA ESCANAVADA, que remite a un lugar ao que se extraíu a súa vexetación de canaveiras.

CANCELAS, AS (Chavín)
O significado é transparente. Unha "cancela", do latín tardío cancella, na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.
En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
       " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."

Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a crenza de que antigamente se reunían as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

CANCELA das ABROTIAS, A (Boimente)
Os termos "abrotia", "abrótea" ou "abrótega" designan unha planta herbácea medicinal e ornamental, da familia das liliáceas.
Aínda que poidese parecer estraña a referencia a esta planta, este topónimo non é un caso illado: así atopamos "A Chaira das Abrotias" en Lobios (Ourense), "A Chan das Abrotias" na Lama (Pontevedra), ou "A Revolta das Abrótegas" en Aranga (A Coruña).



CANDALBARES (Celeiro)
De "candos albares", e por tanto, "retoños de castaños moi claros", pois un "cando", segundo o dicionario, designa un "retoño grande do castaño". Tamén está documentados "toxo albar" e "rebolo albar" (cf. DdD).
Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo" (cf. aquí). Canto á etimoloxía, é discutíbel, aínda que parece remontar á raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', 'lúa', como no lat. candeo "brillar", "arder" e  os seus derivados, como "acender", "candela". Partindo desta raíz postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría o asturiano cándano e o galego "cando".

Existen en Galicia multitude de topónimos relacionados: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal.

CANDAOSO, O (Boimente -lugar do Buio)
Garabullal, lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí.
Ver "Candalbares" para máis información sobre o termo "cando".

CANDORCAS, AS (Chavín -lugar das Cabeceiras)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza.
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca".
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. aquí). Abondan, así, os topónimos "Candaedo" e similares.
Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando".

A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’ (cf. aquí). Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" ('barranco profundo'), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" ten sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en feminino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

É importante notar que se pode descartar unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo. Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.


Este lugar aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con este mesmo nome.

CANDOVELLO, O (San Pedro de Viveiro)
Do sintagma "Cando Vello". Un "cando", segundo o dicionario, é un "brote grande do castaño". 
Ver CANDALBARES para máis información sobre o termo "cando".
Este lugar aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con nome "CANDO BELLO".

CANEIRO, O (San Pedro de Viveiro)
Un caneiro designa un "cano", unha canle, en particular as canles axeitadas para a pesca.

Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "los canales de los ríos para la pesca" (M. Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").

O dicionario de M. Valladares (1884, "Diccionario gallego-castellano") dálle un sentido máis específico, que talvez fose o caso: 
"Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares : muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas.

CANGAS (Celeiro)
Este lugar aparece atestado no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con este mesmo nome. 
O dicionario define "canga" como "xugo", e tamén como "pau atravesado nun camiño, que dificulta o tránsito", "pau en forma de gallo, na parte dianteira do chedeiro, que ten como finalidade evitar que a carga do carro caia sobre os animais que tiran del" (cf. 
RAG).


Remitiría a un "vale cerrado entre montañas", metaforicamente asociado ao apelativo "canga" 'xugo'. Este significado aínda se conserva para o apelativo "canga" en Asturias (cf. X. L. García aquí).

Como curiosidade, esta metáfora de "canga" é análoga á do inglés saddle 'sela de montar', no sentido de 'paso entre montes, portela'.

Canto á etimoloxía, varios autores, entre eles Cabeza Quiles,  X. L. García Arias (cf. aquí), asígnanlle unha orixe en *cámbica, da raíz céltica *cam(b)- 'curvo'.

Os topónimos "Cangas" son frecuentes na xeografía galega e asturiana, así a
topamos outro Cangas próximo en Foz. O topónimo Cangas de Asturias aparece documentado no ano 883: "Primum in Asturias Pelagius regnauit in Canicas anjiis XVIII" (cf. Crónica Albeldense). Probablemente sexa unha errónea latinización do escriba, pois se fose a pronuncia real, non proviría de *Cambicas.

Alternativamente hai quen defende, seguindo a Menéndez Pidal, unha orixe metafórica no latín canna 'cana, canaveira', do que podería ter derivado o castelán cañada 'espazo de terra entre dúas elevacións próximas'.

CANIDO, O (Faro -lugar do Monte Faro)
O mesmo que "canedo", remite a lugar onde abundan as "canas" (canaveiras).


CANOURA (Valcarría)
Referido a unha persoa de apelido "Canoura", frecuente na Mariña luguesa (cf. CAG).
O apelativo "canoura" designa, en galego e en portugués, a "caixa por onde cae a gra sobre a pedra do muíño".

CANTARRANA (Covas)
Os topónimos "Cantalarrana" e "Cantarrana" abundan por toda a xeografía galega, tanto para 
núcleos de poboación como de terrasO topónimo Cantalarrana non só abunda en Galiza mais tamén por toda a xeografía española.
O significado directo do topónimo é transparente: un composto do verbo cantar e o zoónimo castelán rana ‘ra’. 
Estes topónimo non son, por tanto, topónimos patrimoniais galegos, senón que deberon aparecer tardiamente, nacendo xa coa forma en castelán.
Amais das localidades chamadas Cantalarrana tamén atopamos as correspondentes formas galegas Cantarrá en Mugardos e Ribadeo, así como Cantarrán en Salvaterra de Miño. Estas formas galegas semella seren recentes, probablemente a partir doutros Cantalarrana. 
López Boullón, menciona documentación de 1664 dunha Cantalarran para unha herdade en Outes, así como nun documento de 1582 para unha rúa coruñesa de "Canta la Rana" (cf.  Xosé R. López, "Toponimia de Ames"). 
López Boullón postula que, tendo en conta o feito de moitos dos microtopónimos Cantalarrana galegos seren 
'lugares próximos á igrexa parroquial, ou incluídos nas súas propiedades (ademais de húmidos, aptos para verse poboados polas ras que xustifican o nome) pode facer pensar que foron os párrocos os que difundiron este nome castelán “de repertorio” na toponimia rural galega a partir do século XVI'.

CAPELUDO (Faro)
Os dicionarios rexistran para "capeludo" a acepción de "con forma de capucha, parecido á capela dos frades" (cf. X. L. Franco (1972). "Diccionario galego-castelán").
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra cinco "Capeludo(s)", todos eles no curuto de monte ou preto del, excepto dous referidos a petóns costeiros.
No caso que nos ocupa, queda ao pé dun monte redondeado. Ocorreo o mesmo que con Faro, que toma o nome do monte do cal queda ao pé del.
Os varios "Capelada" que atopamos na xeografía galega tamén terían igual significado.

É interesante reparar en que este uso metafórico non se dá soamente na toponimia galega: no centro de Italia atópase una "Serra Cappella", cuxa motivación é igualmente interpretada  "nella forma tondeggiante del monte" ("forma redondeada do monte", cf. Davide Boccia, 2017. "La Toponomastica dell'Alta Val di Sangro").

CARABULLO, O (Viveiro)
O mesmo que "garabullo", "pau delgado". Probabelmente aluda ao alcume dun antigo posesor.


CARBALLA, A (Covas)
Unha "carballa" designa un carballo grande, centenario.

CARBALLÁS, OS (Boimente)
Un "carballal" fai referencia un lugar poboado de carballos.
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma  "reboredo",  co mesmo significado que "carballeda" e "carballal".

CARBÓS, OS (Galdo -lugar do Castelo)
A produción de carbón vexetal, con combustión controlada (con pouco oxíxeno) de árbores e ramas, tivo importancia histórica, sendo usada para fines pre-industriais como uso nas forxas e ferrarías.

CARCABOI (San Pedro de Viveiro)
Orixe e significado incerto. M. Costa postula unha orixe en Cas Caboi < *Casa Calapodii 'Casa de Calapodius', do mesmo xeito que o lugar de Caboi (Outeiro de Rei) está documentado como Calabogii en 959, o cal apuntaría para un antigo Calapodii 
(cf. Frornarea). Tamén existe en León un "Villacalabuey", documentado antigamente como Calaboi (cf. aquí), que parece confirmar esa orixe para Caboi.

Outra alternativa sería un significado relativo a sitios pedregoso, e incluiría os elementos pre-latinos *kark- *boi, ambos relativos a elementos rochosos. Porén, sendo Carcaboi un núcleo de poboación, parece máis improbable, ainda que en absoluto se poida desbotar.

CARRACEDO (Covas, Faro)
Indica lugar onde abunda a planta chamada "carrizo". Algunhas veces pode ser relativo a outra planta, o "carrasco".
O correspondente de Covas aparece 
con este mesmo nome no Catastro de Ensenada para Covas (1753) ao establecer os límites da freguesía, así como no posterior Dicionario de Madoz (séc. XIX) .

CARRAPITO (Galdo)

Debe aludir ao alcume dun antigo posesor deste predio, xa que "carrapito", por extensión, refírese a "home pequeno". 
Como alcume xa está documentado no séc. XIII :
" Petri Parentis canonici, Petrus Martini dictus carrapito armiger, " a. 1268 Tombo Oseira (CODOLGA).

CARRAPOTA, A  (Magazos)
Este lugar aparece atestado no dicionario de Madoz (séc. XIX) con este mesmo nome.
O termo "carrapota" é de orixe e significado descoñecido. Nicandro Ares indica que podería ser variante de "carrapeta".
Parece, en calquer caso, tratarse dunha palabra de orixe prerromana, tanto pola raíz (talvez *car- "duro", cf. "carballo", "carranco"?), canto polo sufixo -ota. A estudar estaría a relación con "carracha" e "carrapata" (aragonés carrachina 'caracol'), e incluso con "esgaravello" e "escarapote", talvez en relación co valenciano escarraman, o francés escargot o inglés crab e o alemán krebiz, todos relacionados pola súa forma arácnida.
É interesante a existencia do topónimo "Carrapito" en Galdo, posiblemente relacionado con este.


CARREIRA, A (Covas, Magazos)
Estes topónimos, derivados do apelativo "carreira", remiten a unha (vía) carreira, un camiño feito para a pasaxe de carros ou incluso á presenza de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria,  feminino  do  adxectivo  carrarius,  derivado  do  substantivo  carru (> galego carro), un termo céltico que incorporou o latín.

O Nomenclátor rexistra o topónimo A Carreira noutros 44 concellos galegos, así como a forma en plural As Carreiras, nos concellos do Barco de Valdeorras, Lalín, Mañón, Monfero e A Pastoriza. Tamén encontramos ambas singular e plural sen artigo Carreira  en  Ames,  Padrenda,  Ponteareas,  Taboada  e  Zas;  e  Carreiras  en  Lalín,  Lobeira e Pontecesures. Alén diso, forma parte de nomes de lugar compostos, como Bocacarreira (Begonte), A Carreira Vella (Outeiro de Rei) ou Ponte Carreira (Frades). 

CASA DO CAMBEIRO, A  (Covas)
O apelativo "cambeiro" presente no galego varias acepcións. A que encaixa no contexto toponímico é a de "persoa que fai ou vende cambas para os carros", recollida no dicionario de Eladio Rodríguez (cf DdD).

CASEIRO, O  (Viveiro)
Topónimo que alude á condición de "caseiro" que tería o dono ou alugueiro do predio. A voz caseiro remite a unha "persoa que traballa a medias ou como alugueiro as terras dun amo ou que coida dos bens dunha persoa ausente" (cf. DRAG).
Os caseiros eran familias  que coidaban dos bens e da facenda de persoas ricas ás que lles tiñan que pagar unha parte establecida das colleitas (un medio, un terzo,...). Constituíron unha das compoñentes socioeconómicas do traballo agropecuario de Galiza ata a década de 1970.
En Galiza existían tres formas de cesión de terra: foro, alugamento e parcería. 
O foro era un contrato agrario a longo prazo, orixinado na época feudal. Segundo Ramón Villares, “o réxime foral, como fórmula de cesión da terra, supoñía unha enorme estabilidade pola súa lonxevidade, e unha pluralidade de dominios e dereitos sobre a terra, sen que foreiros nin foristas se poidan catalogar de propietarios plenos.
O alugamento ou arrendamento implicaba unha cesión temporal dun ben (terras, casa, dereitos) en troques dunha renda establecida. 
A parcería, da que xorde a figura do caseiro, caracterizábase pola participación de propietario e caseiro na xestión da produción e no reparto dos produtos. 
Para máis detalles, ver (X. C. García Porral, "Os caseiros: unha clase social extinta no rural galego").

CASILLA
, A (Celeiro)
O nome "casilla", é un castelanismo por "caseta", "garita" Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
En efecto, as "casillas" xurdiron a partir da Circular de 26 de febreiro de 1852 e o Real Decreto de 25 de xuño do mesmo ano. Foron construídas nas estradas principais, xeralmente fóra das poboacións, para evitar "compadreos" coas persoas que probablemente os camiñeiros tivesen que denunciar algunha vez. De aí probablemente que aparezan na toponimia, pois serían o xerme de novos núcleos de poboación que tomarían ese nome.
É un topónimo moi estendido en Galiza. É de notar que, nalgúns dos casos, alude á existencia dun dolmen, como sinónimo de "forno dos mouros".

CARRUCEIRO (Boimente)
As voces e topónimos "carruceiro", "carrouceira" foron tratados por varios estudosos. Gonzalo Navaza, na súa obra "Fitotoponimia Galega" , resume a confluencia das voces relativas á árbore que produce un tipo de mazá brava, xa referida por Sarmiento (e recollida por J. L. Pensado), coa voz "carrouceira" recollida por Sobreira e que refire a unha "mata de carrizo". J. M. Piel remite "carroceiro" a "carrizo", o mesmo que J. L. Pensado. Para máis detalles, ver páx. 146, G. Navaza, 2006, "Fitotoponimia Galega".


CASAL, O (Celeiro -lugar de Roufelle, Valcarría -lugar do Alvo)
Casal, do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.


CASCALLAR (Covas)
O mesmo que cascabullal, "lugar con cascallo".


CASÓS, OS (Valcarría)
Plural de "casón", aumentativo de "casa". 
Posiblemente "casón" deba interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial". Ao non ser este lugar un núcleo de poboación, é posible que aluda ao lugar dos propietarios do predio.

CASTELO, O (Celeiro, Faro -lugar da Aldea, Galdo, Landrove, Magazos, Vieiro)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

CASTRAMIL (Boimente)
Dada localización na que se sitúa, pode aludir a un Castru Miri, castro pertencente a Mirus, nome persoal (e hipocorístico) de orixe xermánica.
A interpretación alternativa sería pensar nunha orixe nunha (uilla) Wistrimiri, similar ao caso analizado por M. Costa  para "Cristimil" e "Castromil" (Aranga, Coruña), que identifica co atestado no Tombo de Sobrado como "uilla Uistremir" en 1190 e "Guistrimir" en 1206 (cf. blog Frornarea).

En calquera das dúas interpretacións, o que queda claro é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

CASTRILLÓN (Covas)
Derivado de "castro". 
Aludiría a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como
 "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).
Ver O CASTRO para máis detalles.

CASTRO, O (San Pedro)
CASTRO DE ARRIBA, O (Chavín)
CASTRO DE ABAIXO, O (Chavín)
CASTRO DE CONDOMIÑAS (Boimente)
CASTROS, OS (Valcarría, San Pedro, Boimente)
A voz "castro", de orixe latina (castrum), designa un poboado fortificado de época prerromana e/ou romana, situado en lugar estratéxico (xeralmente nun alto) e defendido con sólidas murallas. En toda Galiza estímase que hai restos de cinco mil castros, o cal dá idea dun poboamento moi intenso e disperso (cf. A. López Carreira, 2016. "Historia de Galicia": 73).

É de notar que no caso das poboacións que conservan este topónimo, moitas veces non se atopan no lugar orixinario do castro senón a certa distancia (aínda que nalgúns casos o poboamento continuou ata hoxe na mesma situación do castro orixinario). Por outro lado, os lugares orixinais quedaron no imaxinario popular, percibidos como enclaves nos cales residía o elemento sobrenatural: tesouros, túneis, mouras de cabelos louros etc.), moitas veces sacralizados mediante a construción de ermidas.
Coa conquista romana e posterior romanización, os castros sufriron unha transformación en aldeas galaico-romanas, dándose un abandono progresivo, ao mudaren as prioridades xeográficas, non primando xa a situación estratéxica defensiva e perdendo o uso as murallas (o cal constatan os restos de edificacións alén das murallas ou aproveitando as mesmas murallas). As aldeas galaicorromanas estabelecéronse xeralmente en lugares diferentes dos castros orixinais, pois primaba agora a proximidade ás vías de comunicación, ás terras cultivadas e aos cursos fluviais (cf . J. C. Sánchez Pardo, 2008. "Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Plena Edad Media"). Este proceso de abandono dos castros aconteceu paulatinamente entre os séculos I e III. 

CATADOIRA, A  (Boimente, Galdo) 
CATADOIRO, O (Vieiro)
Poderían vir de captatoriamcaptatorium, aludindo a un lugar de "observación" ou de "caza". Son topónimos relativamente frecuentes en Galiza.
Ver blog Pena da Cataverna para outras interpretacións.

CATAROU (Galdo)
Este lugar está atestado 
xa nun documento de 1124 :
" .. sancta Maria de Aurol et quatuor hermidas sanctus Iulianus de Catarou sanctus Michael de Sauto sanctus Michael de Sauro .." (CDMACM 11: 26)
Está tamén atestado con este nome no Catastro de Ensenada para Galdo (1752). 

O topónimo "Catarou" probablemente teña unha orixe prelatina, nun elemento *kat(t)-. Ver blog Pena da Cataverna para máis detalles.
En Catarou foi catalogada unha pedrafita (menhir). Cf. aquí.

Nicandro Ares, aínda asignándolle orixe descoñecida, indica a hipótese dun apelido, e cita o exemplo de "Domingo de Catarrón" (cf. N. Ares,"Estudos de toponimia galega". 2011).
En calquera caso, pódese aventurar para "Catarou" unha forma antiga *Catarone, que evolucionaría do mesmo modo que o topónimo Simou deriva de Simone. Ademais, reparando na existencia de "Catarón" en Sobrado e "El Catarón" en Sanabria, semella máis probable *Catarone. Tamén está atestado o nome persoal "Cataronus" en Francia no 1044 (cf. aquí)


No dicionario de Madoz (séc. XIX) figura como "ABELLEIRO DE CATARON", co que  semella que aínda había na pronuncia certa vacilación entre Catarou e Catarón.

Existen outros topónimos "Catarou" no Aparral (As Pontes) e en Santa Cilla (Foz), así como un "Catarón" en Sobrado e "El Catarón" en Sanabria (Zamora).


CAXIGAL, O (San Pedro de Viveiro)
CAXIGÁS, OS (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Referencia a un lugar no que abunda a árbore chamada caxigo (quercus faginea).

CELEIRO (Celeiro)
CELEIRO, O (Boimente)
Do latín tardío cellarium, e faría referencia a "edificación para despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". Cf. DdD.
Na Idade Media, estas construcións eran parte do entorno dunha casa rural, granxa ou entidade monástica. A súa función era de lugares para a conservación e procesamento de produtos, maiormente cereais e viño, para o cal dispoñían de arcas para gardar a gra e cubas para gardar o viño. .  (cf. p. 201, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

Hai autores que postulan se os "celeiro"  poderían facer referencia aos hórreos de tipoloxía galega. A documentación medieval existente fai rexeitar esta suposición, se ben, tal como indica Xaime Varela, nalgúns casos poderían ter esta acepción, e de feito actualmente "celeiro" pode ser sinónimo de "hórreo" na lingua galega (cf. p. 202, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

Santiago de Celeiro figura atestado nun documento de 1128 como "S. Jacobus de Cellario". Cf. aquí.
Máis tarde, nun documento de 1485 en castelán xa aparece o nome semicastelanizado nun documento  como "Çelero":
".. las dichas feligresias de Fozdouro et Burela et Lieyro et Portezelo et Çelero .."   (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

CELEIRIÑO, O (Celeiro)
Diminutivo de "celeiro". Podería indicar a antiga existencia dun pequeno celeiro ("hórreo"), ou alternativamente, simplemente que tomase o diminutivo do nome da parroquia á cal pertence.
Ver "Celeiro" para máis detalles.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outro "O Celeiriño" en Vilapol (Portocelo, Xove).


CERNADA, A (Vieiro, Galdo)
O termo "cernada" viría do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DdD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de "roza": facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Di Risco:
 "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía". Vicente Risco, "Terra de Melide".

CEPETAL, O (Galdo)
Abundancial de "cepo", lugar onde abundan os cepos (a parte do tronco dunha árbore que queda en pé cando esta se corta).
Existe outro "O Cepetal" en Muras.


CHAO DA BESURA, O (Galdo)
Voz derivada de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. RAG.
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

CHAO DA GRAÑA, O (Galdo)
O termo "graña" ven do latín grania, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.


CHAO DA RASA, O (Boimente)

Ver "As Rasas".

CHAO DO TESOURO, O (Boimente -lugar do Buio)
Podemos interpretalo como topónimo xocoso, aludindo á riqueza da terra, ou máis ben, máis probablemente, o descubrimento (real ou lendario) dun tesouro.

En efecto, os topónimos deste tipo foron estudados detalladamente para outras áreas peninsulares  por Gordón e Ruhstaller, concluíndo que é un claro e fiable indicador arqueolóxico. De feito, aportan unha longa listaxe de topónimos Tesoro e Tesorillo nos que se atoparon sitios arqueolóxicos (cf. M. D. Gordón e S. Ruhstaller, 1991. "Estudio léxico-semántico de los nombres de lugar onubenses" in Toponimia y arqueología, Sevilla).

Por exemplo, no caso d"O Tesouro" en Foz, hai unha mámoa na zona, polo que indica o doscobrimento, real ou lexendario, dun tesouro dentro da mámoa ou perto dela. Unha parte moi importante das mámoas de Galiza presentan un "cono de violación", foron escavadas á busca de tesouros. Neste caso, parece que o atoparon.

CHAVÍN (Chavín)
De *(uilla) Flavinii, forma en xenitivo referida ao posesor co nome de orixe latina Flavinus, hipocorístico de Flavius.

CHOIA (Chavín)
A orixe do topónimo deste núcleo de poboación é incerto. O Nomenclator rexistra en Galiza outras dúas entidades de poboación A Choia (Mourentán, 
Arbo, Po), Choias (Artes, Carballo, A Co), así como preto de trinta instancias na microtoponimia, nas catro provincias. Aparece maioritariamente coas forma A Choia, As Choias, en singular e plural, sempre con artigo, excepto neste caso Choia de Viveiro e en Choias (Carballo).
 
Dada a súa presenza maioritaria con artigo podemos descartar unha orixe nunha *(uilla) Claudia, que ademais se trataría dunha evolución estraña en galego pola desaparición do -d- intervocálico en vez dunha palatalización e posterior enxordecemento).
Pensamos que é igualmente descartábel a hipótese de Nicandro Ares de que aluda á ave dese nome (cf. "Estudos de toponimia galega". N. Ares, 2011): é moi infrecuente o uso dun nome de ave en singular nun topónimo, e aínda menos coa relativa frecuencia coa que ocorre.

A falta doutra hipótese, podemos pensar en que remita ao alcume dunha antiga posesora do lugar, sendo "choia" un apelativo para muller pequena e tamén para muller murmuradora, por analoxía co paxaro dese nome. De feito, xa está atestado como alcume no séc XIV:
“dauan poder conprido a Xemeno Choya pero fazer prol per la orden sobredita” VeFD. I, 67; id. “e de Pero Choya a. 1309 (cf. M. González, 2006. "O Vocabulario histórico do galego do profesor J. L. Pensado").
No entanto, parece estraño tal frecuencia deste alcume na toponimia galega.

CHOUPÍN (Vieiro -lugar da Silvarosa)
O termo choupín designa un tipo de cogumelo comestible (cf. DdD). No entanto, non parece que ese nome teña uso nesta zona, nin tampouco encaixaría en singular para un topónimo.

Debe aludir ao alcume dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Choupeiro xa figura rexistrado no séc. XIV  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outros terreos denominados O Choupín en Ribadeo.

COBELO, O (varios)
Ver "COVELO".

COÍDO, O (Covas)

Un coído designa un conxunto de coios, "pelouros".

COMIÑOS (Covas)
Podería aludir á planta "comiño", nome de planta
 umbelífera e dunha herba cheirona, tal como indica Nicandro Ares.
Poderíamos pensar, alternativamente, nun apócope de "Condomiños", referencia a terras en condominio, do latín medieval condomĭnĭum ‘condominio, terra de dominio compartido entre varios donos, señores ou posesores’.
Ver "CONDOMIÑA".

CONDOMIÑA, A (Landrove)
CONDOMIÑAS (Boimente)
Referencia a "terras condominias", en condominio, do latín medieval condominia, plural de condomĭnĭum ‘condominio, terra de dominio compartido entre varios donos, señores ou posesores’.
Os topónimos que conteñen este nome son polo regular de orixe medieval e poden designar tanto núcleos de poboación como tamén herdades ou áreas rústicas que no pasado tiveron un réxime de propiedade desas características. 

CONGOSTRA, A (varias)
CONGOSTRAS, AS (Covas)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corga, córrego".
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. Cf. DdD.

CORA (Valcarría)
Este núcleo de poboación xa aparece atestado nun documento de 1419:
" .. Gonçaluo Yanes de Cora .."
O nome "Cora" pode ter relación coa raíz prelatina oronímica *kor(r)-  ‘altura’,  ‘altura  rochosa’.
Outra interpretación sería a de "lugar de cora", co sentido de "lugar onde se realiza a actividade da cora", actividade de dar cor aos tecidos. É unha palabra tamén existente en portugués con este significado.
Existe outro "A Cora" no Pereiro (Alfoz), así como a freguesía de Cora, na Estrada (Pontevedra)

CORGOS (Faro -lugar de Area)

Os dicionarios rexistran "corgo" con varias acepcións, maiormente como "poza, charca", e nun sentido relacionado "pequenas foxas onde apoza a auga". Tén ademais o significado especializado de "poza onde se curte o liño" (cf. DdD).
Aínda que ten tamén a acepción menos estendida de "corga, corredoira", neste topónimo en plural non encaixa, non ten sentido que haxa un conxunto de corredoiras.

CORNA, A (Landrove)
CORNIDOS, OS (Boimente)
Os topónimos Corno, Corna, Cornido e similares son relativamente frecuentes en Galiza.
Seguindo a Navaza, para topónimos similares apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, 2006, "Fitotoponimia galega").
De feito, isto é patente no nome dalgúns cons costeiros, chamados "O Corno" (e.g. uns existentes en Ribadeo).

Por outro lado, se fose referido a lugar pedregoso ou prominente, tamén podemos pensar no tema prerromano *kor-n- 'pedra, altura rochosa, prominencia'. 
Igualmente, Cabeza Quiles interpreta os topónimos de raíz Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia"). 
Elixio Rivas postula unha KAR ‘rocha’, alternando con KARN/KORN, e deriva dela topónimos como Cornide, Corno ou Cornecho, cun significado de 'esquina, corrucho ou punta dun obxecto'.

Sexa como for a súa etimoloxía, a motivación sería quer a de "prominencia, probablemente rochosa", ou tamén a  alusión metafórica á superficie do terreo, sen implicar prominencias en vertical.

CORTIÑA, A (Valcarría -lugar de Seixas Blancas)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e cohorticulu ‘cortello’.
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

COSQUEIRO, O (Boimente)
O nome "cosqueiro" significa en galego a envolvente de certas sementes ou froitos (do millo, do liño, cas castañas). Porén, a asociación deste significado cun topónimo é incerta.


COSENDE (Covas)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Suegos (1753), ao establecer os límites da freguesía:
                          .. "bajando a la fuente de Cosende se va al marco do Seyxo" ...

O topónimo remite a unha *(uilla) *Codesindi, forma en xenitivo de Codesindus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval á que alude este topónimo. É un nome de orixe xermánica.

É importante notar que, aínda que non corresponda na actualidade cun núcleo de poboación, é  probable que o fose, tal como acontece polo xeral neste tipo de topónimos, polo menos en Galiza.

COSTOIRA, A (Valcarría)
O termo "costoira" provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén coa variante "costoura". Tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, ver entrada en blog Pena da Cataverna.


COTELO, O (Galdo)
Tanto "cotelo" como "cotarelo" como "cotillón" son formas diminutivas de "coto", voz de orixe prerromana, que indica 'parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).

COTILLÓN, O (Galdo)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía:
                     .. "enel cierro del monte que dizen do cotillon" ... 

A forma "cotillón" é un diminutivo de "coto",  voz de orixe prerromana, que indica 'parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).

COTO DO MALLÓN, O (Galdo)
O dicionario define "mallón" como "cómaro", "confín", "marco". Tamén existiu no portugués antigo, coa grafía malhom, co mesmo significado de "marco, baliza, termo límite" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).
Neste caso, caracterizando un coto, posiblemente remita a un marco divisorio.

COTO DE MONCALVO O (Boimente -lugar do Buio)
O termo "Moncalvo" é un composto de "Monte Calvo". Ver "O CALVO".

COTURRO, O (Covas)
Derivado de "coto", dunha orixe prelatina *cott- 'lugar alto'.

E. Rivas rexistra o significado concreto de "cotorra" como "outeiro, colina". Na zona das Médulas (León), de fala galega, aínda se usa a voz "cotorro", co significado de "outeiro de escasa elevación sobre o que o rodea" (cf. aquí).
Rexístranse en toda Galiza, así nas Negradas "A Cuturra", en Bares "A Cotorroia", etc. 

COUCES, OS (Galdo)
Esta palabra ten múltiples acepcións. Nestes casos provén de calce "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

COUSOS (Boimente)
O termo "couso" acostúmase a interpretar como "sitio coutado", para actividade específica,  xeralmente  remitindo a un foxo no monte para a caza de alimarias, maiormente lobos. Ten outras acepcións, como a de "sitio para facer cacería, xustas" e a de "horta pequena".

Xa Sarmiento indicaba no séc. XVIII que "nas montañas de Samos chaman [couso] ao buraco ou foxo que se fai para coller lobos".
Silveira fixo tamén esta interpretación, derivándoo do latín medieval caussu, da forma secundaria de participio do verbo caveo 'gardar, vigxiar’, xa recollida por Du Cange (cf. Revista Lusitana n. XXIV, p. 206). Corominas explica couso como resultado dun cruzamento de cosso (< cŭrsum) e couto (< cautum).

É un topónimo moi frecuente en Galiza e na contorna, como no Valadouro, Muras, Alfoz. Nalgúns casos, como "O Couso dos Lobos" (Manzaneda) ou "O Couso do Foxo" (Triacastela), o significado é claramente o indicado.

COVAS (Covas)
Este topónimo ten unha ampla presenza na toponimia galega
O substantivo cova designa cavidades na terra, tanto naturais como feitas pola man humana, como minas ou canteiras; tamén furnas e así mesmo goridas de animais ou sepulturas; o adxectivo ten valor orográfico co significado de ‘cóncavo’ ou ‘situado nun fondal’. 
En canto á etimoloxía, procede de cŏva e cŏvus, formas propias do latín hispánico (no latín clásico eran cava e cavus).

A motivación para topónimo que nos ocupa, na parroquia do mesmo nome, vén do sitio no que estaba a igrexa primitiva, 
nunha cova ao pé do mar lugar. Aínda actualmente se conservan algúns restos da edificación. 

É interesante notar o feito de que este lugar foi sempre referido co topónimo en singular, "Cova", ata hai pouco máis dun século:
No 1128 aparece nun documento de Afonso VII como "S. Iohannes de Cova" (cf. "España Sagrada"). No  Censo de Pecheros do 1528 soamente figura Grallal, en canto que no 1631 volve aparecer  "San Juan de Cova(cf. Censo de la Sal).
No século XVIII segue atestado como "S. Juan de Coba" no 1753 (Catastro de Ensenada). Figura tamén como "Cóba" no final dese século (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).  E igualmente aínda nos mediados do século XIX vén  como "Coba" (cf. dicionario de Madoz) .

COVELO, O (varios)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".


CROA, A (Landrove, San Pedro de Viveiro)
O termo "croa" vén de "coroa", e alude  unha cima de monte redondeada, por veces remitindo á parte alta dun castro.
De feito, no lugar da Croa de Landrove atópase o Pico da Croa.

CRUZ DO ROLLO, A (Viveiro)
A palabra "rollo" é unha palabra castela que alude á antiga localización neste lugar dun "rollo" (picota de axustizar). Esta cruz, xa que logo, aínda que actualmente se atope na ponte de Viveiro, indícanos que foi traída aí desde o lugar onde se facían os axustizamentos .. onde se aplicaba a pena de morte, vaia.
O dicionario de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como 
"la picota u horca, hecha de piedra y en forma redonda, ó de columna. Era insignia de la jurisdiccion de villa, odiosa para los pueblos.." (Cf. DdD). 

Para máis detalle, consultar a entrada "Algúns lugares de axustizamentos na Mariña e o Ortegal" no blog da "Pena da Cataverna".

CRUZ DO VASCO, A (Valcarría)
Cruz referenciada a unha persoa de nome "Vasco" (derivado do nome de orixe prerromana Velasco).

CUBELO, O (varios)
O termo "cubelo" é, na maioría dos casos, unha grafía alternativa por "covelo" (ver "O Covelo"). Noutros casos podería provir realmente do diminutivo de "cubo", baixo latín cupu.
No entanto, hai quen afirma (cf. aquí) que a maioría, senón todos, dos "cubelo" e "cuvelo" proveñen de "covelo", diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

CUCHAREGO, O (Boimente)

Forma derivada de "cocho" 'porco', "mamífero da familia dos suídos", remitindo a goridas de cochos bravos.
A forma cucharego inclúe o sufixo -ego, de orixe prerromana, presente en moitos outros topónimos, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, Pallarega de palla etc.

Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, tanto no Ortegal como na Mariña, coherentemente co feito de ser 'cocho' a voz máis común para se referir ao "porco". No resto da xeografía galega están presentes outros topónimos sinónimos, como ou Porcariza ou Porqueira, este último presente tamén en concellos mariñaos (en Viveiro, Ourol, O Vicedo etc).

É de notar que estes topónimos non teñen relación coa acepción que dá o dicionario de Carré Alvarellos, como “leira pequena dedicada a leña ou a prado”, pois non parece que teña tido tanta vitalidade na fala de toda a comarca para quedar só como topónimo.

É interesante reparar que, mentres na maioría dos casos se perdeu a forma -u- fronte a -o- nas -o- pretónicas etimolóxicas, neste topónimo preservouse maioritariamente na gran maioría dos topónimos, probablemente polo influxo do castelán "cuchara".

CUÍÑA (Boimente)
Este lugar debe ser o que xa aparece nun diploma do ano 992 do Tombo de Sobrado no que menciona:
 "ecclesia uocabulo Sancte Marie que est fundata in uilla Bonimenti et Colina" (cf. P Martínez, 2010. "A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV)").
Aparece novamente atestado sete séculos despois no Catastro de Ensenada para Chavín (1753) ao mencionar os límites da freguesía:
..."rio do Galiñeiro siguiendo en derecho al pico vello e as veigas de Cuiña"...
Tamén aparece no Catastro de Ensenada para Boimente (1753) ao mencionar os muíños existentes.

Hai controversia na interpretación dos abundantes topónimos galegos "Cuíña", que comparten orixe etimolóxica cos Cuña e os seus equivalentes portugueses Cunha.
Por unha banda, autores do prestixio de Martínez Lema interprétana como correspondente co apelativo "cuíña" 'pequena elevación do terreo'. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba" (cf. DdD).
Aínda que se podería pensar na voz patrimonial equivalente a "colina 'outeiro', a voz colina co sentido orográfico trátase dun italianismo introducido no séc. XVII (cf. Corominas, DCECH). Ademais, se viñese do latín collis/collina daría **coliña, non coíña/cuíña.

Por outra banda, se derivan da forma medieval "colina" (tal como figura atestado no caso dunha Uilla Colina), os rexistros medievais non parecen remitir a colinas orográficas senón a elementos moito máis definidos e delimitados na paisaxe (cf. CODOLGA):
(800) - Floriano,DiplomáticaAstur (800):
" .. et vadit ad illo pino, deinde ad colina et vadit ad via Angustina .." 
Floriano,DiplomáticaAstur (831):
" .. seneras uel quidquid ibidem est; et ad Bellenia colina et horreum, binia de Armentari ..."
Andrade,CelanovaTbo (885):
[...] integra vinea, pumares, ceresales, perales, ipsa colina medietate, et de ipso lagare de tercia medietate integra [...]
SáezE,CelanovaCD (935):
[...] , et alia uinea que comparauimus de Tano, et colina integra, et de alias mazanarias et ceresales  [...]
Andrade,Celanova (1009):
[...] vinea ad casa de Gundemaro, levat se de illa colina et vai per succo de Daniel [...]
Lucas,SamosTbo (1026):
[...] suo germano Stevano et de sua suprina pumare super illa colina ; [...]
Lucas,SamosTbo (1052) :
[...] et que vendivit domno Fredenandiz ad illa colina sua tercia in illo ortale [...]
Andrade,CelanovaTbo (1075):
[...] integra in vineas, in pumares, ceresales, ipsa colina media et ipso lagare de tercia medietate  [...]

Esta interpretación tampouco encaixa para o topónimo O Cuiñal (Celanova, Ou), pois un abundancial de outeiros non tería sentido. Tampouco encaixaría para A Cuiñeira Grande (O Grove, Po) por razóns similares.
Nicandro Ares interpretou os topónimos "Cuíña" como talvez 'lugar de coios ou de coles'.

CULLEREIRO, O (Boimente -lugar do Buio)
Debe tratarse dunha alusión á profesión ou alcume dun antigo posesor. En efecto, está atestado no 1234 un "Petrus Dominici cullararius" (cf. CODOLGA). Tamén recolle esta voz o dicionario de galego de Leiras Pulpeiro, como  "fabricante ou vendedor de culleres de pau" (cf. DdD).
Por outro lado, Bascus apunta á posíbel orixe antigoeuropea, tendo en conta a existencia de Cullergondo, Culleredo e Fonte Culler (cf. E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"),
Tamén en base a "Culleredo" (concello da Coruña), co sufixo abundancial -edo, Nicandro Ares considerouno alusión a un lugar onde abundan os cágados, crías de ra (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I). 

Atopamos outro "O Cullereiro" en Mañón.

CURRIPA, A (Galdo)
O termo "corripa" ten a mesma orixe que "curro" e máis "curral", a partir da raíz
prelatina *cor(r)-  'cercado circular'. En corripa incúe o infixo -ip- de
carácter diminutivo (cf. F. Krüger. "Problemas etimológicos. Las raíces car-, carr- y corr- en los dialectos peninsulares").
A corripa é rexistrada nos dicionarios como ‘pequeno cercado no que se botan os ourizos a curtir’. No dicionario de E. Rodríguez rexístrase o uso como "carreiro estreito e pouco transitado, que só se usa para dar paso a algunhas fincas".

CURRO do CANDAOSO, O (Boimente -lugar do Buio)
Famoso lugar da Rapa das Bestas.
O termo "Curro", neste caso, designa un 'lugar pechado para marcar os cabalos selvaxes'.
En canto a "Candaoso", indica "lugar onde abundan os candos" ("garabullos").


CURUXEIRA, A (San Pedro de Viveiro)
CURUXEIRA DOS PARAÑOS, A  (Valcarría)
Unha "curuxeira", abundancial de "curuxa", designa por tanto un lugar caracterizado pola presenza ou abundancia de ditas aves. Tamén, metafóricamente, indicaría un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. DdD. 

CUSQUEIRO, O (Boimente -lugar do Grañeiro)
Ver "COSQUEIRO".


CUTIÁN (Valcarría)
Este topónimo remite ao nome dun antigo posesor ou fundador do lugar. Concretamente, podería derivar de (uilla) Cottilani, forma en xenitivo de Cottila, diminutivo de Cotta, antropónimo de orixe xermánica, que Piel identifica para o portugués Cotiães  (NGTP 306). 
Máis improbábel sería a derivación dun (uilla) Cottidiani, forma en xenitivo do nome persoal latino Cottidianus (Solin 1994:319), aínda que a evolución non sería a patrimonica galega.

Aínda que non corresponde na actualidade cun núcleo de poboación, a microtoponimia da zona apunta a que nese lugar ou nos arredores existise unha uilla medieval. De feito, preto del temos  un conxunto de microtopónimos A Felgueira de Cutián, Os Pasos de Cutián, Ríos de Cutián, que reafirman esta hipótese. 

O Nomenclator rexistra a freguesía de  Cutián en Antas de Ulla, para o que se atribúen as mesmas hipóteses (cf. A. Santiso, 2021. "Toponomástica, documentación histórica e estudo lingüístico: unha aproximación á toponimia maior do concello de Antas de Ulla").

CUTIÑO, O (Viveiro)
Diminutivo de "coto", dunha orixe prelatina cott- 'lugar alto'.

CUVELO, O (varios)
Ver "COVELO".


DEVESA, A (Galdo)
Do latín (terra) defensa 'terra resguardada, vedada'. Significa "terras cercadas", xeralmente un terreo arborado acoutado con certas restricións
Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

ENCRUCELADAS, AS (Valcarría)
Topónimo transparente, sinónimo de "Encrucillada" e de "Crucelada", e que alude a un cruce ou confluenza de camiños. 
Os cruces de camiños tiñan gran carga simbólica, mítica e relixiosa, xa desde os romanos polo menos. Neles enterrábanse aos que morrían sen batizar, e neles detíñanse os enterros para rezar. Tiñan lugar ritos máxico-relixiosos como os de colocar pucheiros, con moedas ou con outros obxectos. Semella tamén que se daban neles rituais de fecundación ou a cura do "ollo-mao".
Canto ao topónimo, segundo o Proxecto Toponimia de Galicia, a variante "Encrucelada" dáse maiormente na área Mindoniense, maiormente no oeste desta área, de Ferrol ata Cervo. Non é, con todo, exclusivo desta área, así por exemplo recólleo Xabier Moure no Concello de Pedrafita.

ENGROBIAS, AS (Galdo)
Unha "engrobia" ou "engroba" é un "desfiladeiro, paso estreito entre montes ou outeiros". Cf. DdD.


ENTORNADOIRO, O (Galdo)
Derivado de "entornar" (envorcar); o dicionario de Aníbal Otero define "entornadoiro" como "Sitio nun camiño perigoso para envorcar un carro" (cf. DdD).


ERMOSENDE (Galdo)
De (uilla) Ermesindi, forma en xenitivo de Ermosindus ou Ermesindus, o nome dun posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. Os referidos antropónimos teñen ambos orixe xermánica.
Coa mesma orixe etimolóxica atópase no concello de Begonte unha Fonte Almesendre, así como o concello de Hermisende en Zamora.

Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente eran nomes populares na alta Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

ESBEDRIDO (Galdo)

ESVIDRAL, O (Vieiro, Galdo)
Un "esbedrido" ou "esbedral" (aquí transcrito como "esvidral") é un lugar onde abundan os érbedos ou esbedros (Arbutus unedo), árbore que dá un froito usado para aromatizar licores a base de augardentes e para preparar marmelada. Dicía Sarmiento que "esvedro en Vivero es el madroño".

É un topónimo relativamente frecuente. Hai outro "Esvidrido" en Galdo, "Esvedral" nas Ribeiras do Sor e nas Negradas.

ESCORA, A (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Alusión á "escoura" ou escoria 
(pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro").
Tería o mesmo sentido que o presente no "Rego da Escora" existente en Rúa (Cervo).

Non parece encaixar a acepción de escora como "esteo, arrimo, puntal", como parece confirmar o mencionado "Rego da Escora".

ESCOURIDO (Covas, Boimente -lugar das Curralas)
Este lugar aparece atestado no Catastro de Ensenada para Covas (1753) ao detallar os muíños existentes, e aparece unha vez como Escoirido e outra como Escourido.
O significado do topónimo é o mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" ou escoria (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").
Aínda que descoñezamos calquer rexistro de actividade siderometalúrxica na zona, coñecida a natureza do terreo, coa existencia de mineral de ferro na comarca (así por exemplo na Silvarosa, preto de Escourido), podemos pensar nunha orixe do topónimo na actividade siderometalúrxica.

ESPIÑADÁS (Faro)

Plural de "espiñadal", lugar onde abundan os espiños.

ESQUERDEIRA, A (San Pedro de Viveiro -lugar do Barral)
Segundo o dicionarios de galego, "esquerdeiro" é sinónimo de zurdo. E, en efecto, segundo o mapa 137 do ALGa, o termo ten uso no Ortegal e na Mariña, polo que é probable que o topónimo remitise ao alcume ou apelido dun antigo posesor da finca. O apelido tamén poidera ser "Esquerdo", pois xa figura como apelido na Idade Media. O paso de "Fonte de Esquerdo" a "Fonte Esquerdeira" non é estraño na toponimia, así en Galicia existen Fonte da Sancheira, A Ramileira, Lopeira, Marticeiras, Martiñeiras, Tereixeiras (cf. X. Gonzalez, 2022. "O nome " Pero" na (micro) toponimia").

ESTACADA, A (Vieiro)
Probablemente aluda a que houbo na zona unha fileira de estacas atravesadas no río, posiblemente na zona próxima onde coa marea baixa flúe o río, ao pé da ponte do tren.
Tampouco podemos descartar que aludise a algún tipo de plantación de árbores no lugar.
O dicionario de Eladio Rodríguez recolle para "estacada" as acepcións de "conxunto de estacas en fila cravadas na tierra para reparo, defensa ou atallo dun paso", e tamén a que nos interesa máis de "filas de estacas muy juntas, que se clavan en los ríos para pescar salmones y otros peces" (cf. DdD).
Riesco Chueca interpreta os topónimos "Estacada" e "Estacadilla" como referidos a unha fileira de estacas atravesadas sobre unha corrente, que foron usadas para distintos fins: sinalizar un vao; protexer unha liña de aceas evitando que a leña e outros corpos arrastrados pola corrente atasquen as rodas do muíño; determinar a influencia dun muíño sobre outro situado no mesmo curso. 
Riesco Chueca menciona un antigo "Vado de las Estacas", sobre o río Alagón. Tamén cita un documento do ano 921 en Sahagún:
    “illa carrera que discurrit ad illo uado de illas stacas” 
No 1311, o mosteiro de Carracedo comprométese a que 
“nos vos demos estacas da nosa devesa para las presas”, aludindo a uns muíños de Cacabelos.
Tamén Madoz menciona o "Vado de las Estacas" en Las Arribes del Duero.

ESTIVADA, A (Chavín, Valcarría)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
Concretamente, o termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo. 
  • Terra na que foi feita unha roza despois de estenderse as borrallas desta. 
  • Peche dunha herdade con terróns. 
Para maior detalle, ver o estudo de Gonzalo Navaza (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"), así como a información indicada por Eladio Rodríguez  (cf. DdD).

ESVIDRIDO (Galdo)

Grafía alternativa de "Esbedrido". Ver "Esbedrido".

FABÁS, OS (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Este topónimo é interpretado como plural de "fabal", 'terreo sementado de fabas' (cf. Dicionario RAG). Igualmente interpreta Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

FABEGA, A (Galdo)
Topónimo que alude a un lugar no que se cultivan as fabas ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado ao cultivo dos cereais e doutras plantas; así, atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

FACHAS, AS (Valcarría)
O dicionario define "facha" como "antorcha de palla para alumarse de noite nos camiños" (cf. X. L. Franco DdD), e Rivas como unha “hacha, raja de leña para quemar” (cf. DdD).

Sería o mesmo que facho, con matices posibelmente de tamaño. Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado
"a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro".

Canto á etimoloxía de "facha", é incerta. Corominas derívaa dunha voz *fascula, explicándoa co socorrido "cruce", neste caso entre facula 'fachuzo' e fascis 'feixe'.
O dicionario define "facha" como "antorcha de palla para alumarse de noite nos caminos" (cf. X. L. Franco DdD)

O Nomenclator de Galicia rexistra na bisbarra outras As Fachas en Barreiros.

FARO (Faro)
Esta poboación xa figura nun documento do ano 877 como "Villam de Faro" (cf. p.77 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm. 7, 1991).
O nome deriva do latín pharus, e este do grego Φαρος. Na Idade Media, "faro" indicaba unha cima elevada na que se prendían fogueiras, quer para guiaren os barcos, para se comunicar ou, sobre todo cando son no interior, avisar da presenza do enemigo.
Sarmiento clarificaba semanticamente a diferencia con "facho", sinalando que "facho" era aplicado en Galicia 
"a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro. ".

FERMIL (Faro -lugar da Aldea)

Topónimo que remite a unha (uilla) Filimiri, forma en xenitivo de Filimirus (con variantes Felmirus Felemirus), o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa", in "Boletim de filologia", Tomo III).  

É un topónimo relativamente frecuente, atopándose nos concellos de Valdoviño, A Estrada, Palas de Rei e As Neves, así como en varios lugares do norte de Portugal. Hai tamén un Portofermil no concello de Vilalba.

FERRAXÓN (Boimente)
Relativo a "ferraxe" ("forraxe", do latín vulgar ferragine), ben como aumentativo ou incluso podería vir do diminutivo antigo ferragiolo. Rivas Quintas (2001) documenta a palabra "ferraxe", precisamente en Boimente.
Historicamente, esta voz ferraxe está ben documentada :
“un cereal de invierno -trigo, centeno, o la mezcla de ambos- denominada ferraxe”, “las tierras de primera calidad producen trigo, las de segunda ferraxe, las de tercera maíz”, “una alternancia de trigo o ferraxe como cereales de invierno, con el maíz y la cebada como cultivos de primavera”, “trigo, ferraxe, maíz, cebada”, 1531: “centeno, mijo y ferraxe por voto” (cf. P. Saavedra, 1985. "Economía, política y sociedad en Galicia: la provincia de Mondoñedo, 1480-1830"). 

FIAL, O (Valcarría)
O mesmo que "feal", un "herbal", lugar onde abunda o feo.
Por extensión, “feal” indicaría “prado que se sega”. Así, na documentación medieval atopamos exemplos como:
         “ ... e deuesas e feaes e cortes e cortiñas, ...” (LUCAS, 1991:428).
Rexístrase en Santiago no séc XVI:
“un feal bueno para yerba e feno vale tanto como heredad labradia” (cf. J. E. Gelabert,1982. "Santiago y la tierra de Santiago de 1500a 1640"). 

FIGUEIROA, A (Galdo)
Diminutivo de figueira.  Atopamos aquí o antigo sufixo diminutivo -oa, derivado do latino -ola. Indica Carolina Pérez que este sufixo volveuse improdutivo no romance galego desde época ben temperá, e aparece hoxe cristalizado nalgúns topónimos, como é este o caso (cf. C. Pérez, "O sufixo diminutivo -ŎLA na toponimia galega"). 
Este topónimo é interesante dun punto de vista lingüístico, pois móstranos a variante nesta zona -oa, fronte a outras variantes como -oá, -úa, etc.

FOLLADA, A (Chavín)
Tanto E. Rivas como G. Navaza explican os topónimos Follada e Folladiña en relación á abundancia de follas, indicando a súa orixe nun verbo latino *foliare 'botar folla frondosa'. Fai alusión por tanto a un lugar de vexetación frondosa (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia Galega").

FOLTREIRO, O (Faro)
De "foltreiro", aludindo ao alcume dun antigo posesor. Como alcume xa está atestado na Idade Media "Feltrello", tamén derivado de feltro con sufixo despectivo, e igualmente "Feltrón" 'home noxento, mullereiro' (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
É significativa a existencia dunha Ponte de Foltreiro e Muíño de Foltreiro en Catoira, que confirman a hipótese de ser sobrenome e non cualificativo de terras.

Tamén rexistra o Proxecto Toponimia de Galicia un Feltraño en Muras, dúas A Feltreira no concello de Cangas e outra en Moaña, así como unha A Faltreira tamén en Moaña, e mais O Feltro en Cospeito. Igualmente hai O Foltreiro e Foltrón en Brión e un O Feltraño en Muras.

FONDÓN, O (Galdo -lugar do Fondón, Magazos)
Aludindo á orografía do lugar, situado nun lugar significativamente máis fundo que o territorio circundante, o cal é o caso.
Aparece atestado con este nome no Catastro de Ensenada para Magazos de 1753, ao enunciar os muíños existentes na freguesía.

FONTAÍÑAS, AS (Galdo)
O termo "fontaniña" alude a unha 'fonte pequena, fontela'. Cf. DdD
En canto á etimoloxía, poderíamos dubidar se vén de fonte + -iña ou directamente do latín fontanina. Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña").

FONTAO (Boimente)
Remite a un (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa". 1977).

Leite de Vasconcellos (Opúsculos II 369-370) estudou as formas fontanus e fontana, derivadas de fons que pasaron para as linguas románicas, indicando que os topónimos portugueses Fontão, Fontéllo e Fontaínho proceden de fontanus, en canto que Fontelas, Fontanaes e Fontaínhas fano de fontana. Tamén Moralejo Laso (1977: 86-98) para a toponimia galega deriva Fontao (na zona oriental) e Fontán (na occidental), e os seus compostos, do lat. fontano, mentres que Fontá, Fontela, Fontenla e Fontelo virían do lat. fontela. 

FONTE DA SARNA (Viveiro)
Relativo á doenza da sarna, no sentido de propiedades curativas, polo xeral fontes sulfurosas. Hai moitos hidrónimos que mencionan a "sarna", o máis cercano que coñecemos é o da "Fonte da Sarna" en Mogor (Mañón).
Parece que lle chamaban así porque a ela acudía a xente coa doenza da sarna, para fretarse contra dunha pedra que se dicía que tiña propiedades curativas contra tal doenza. Cf. aquí.

 Están atestados casos nos que se relacionaban as fontes sulfurosas como curas da sarna. Véxase o texto de 1768 sobre o lugar de Cortegada:
 "A la distancia de un largo tiro de piedra de esta está de la primera fuente mineral, a quien antiguamente llamaban de la Sarna, y al presente de la Piedra. El auga es clara, con olor y sabor de Azufre; bañando en ella una moneda de Cobre, toma color azul, y si es de Plata, le adquiere azul muy obículo".

FONTE DA VOZ (Landrove)
A motivación do nome e incerta. Podemos penar nunha alusión metafórica ao ruído que fai a auga que abrolla da fonte. Así, 
Nieto Ballester destaca a abundancia na toponimia catalá, Font de la Veu (Gavet de la Conca, Lle.), Roc de la Veu (Vilada, Bar.), Font Saveu (Sant Martí de Llèmena, Gi.),onde se interpreta como  “pequena corrente de auga, sobre todo subterránea” (cf. E. Nieto, 2022. "Aqua dulcis et sana ad bibendum: la toponimia de las fuentes y manantiales en el Camino de Santiago", in "Os camiños de Santiago de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio").

Por outro lado, aínda que máis improbábel, tamén podemos pensar nunha referencia aos foros, que se establecían xeralmente en tres "voces" (xeneracións). 

Hai outra Fonte da Voz na freguesía de Castro, no concello pontevedrés de Cercedo Cotobade.

FONTE DE FERNÁN POTÍN (Viveiro)

Descoñecemos a historia desta fonte ou da referida persoa Fernán Potín. 
O apelido "Potín" derivará dun lugar con ese nome. Como apelativo, na Mariña Occidental (Xove, Viveiro, O Vicedo), rexístrase "potín" como variante de "patín"
"Escalera externa, adosada a la casa, terminada en un descanso espacioso, llamado solana, que sirve para tomar el sol en invierno y el fresco en el verano" (cf. José M. Pereda, 1953. "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega").
En castelán existe tamén patín, que xa recolleu Nebrija "patio aquello mesmo es que patín". e que analizou Corominas (cf. Corominas, DCECH, s.v. patio).

Coñecemos algún caso de alcume "Potín", e confírmase que foi referido á antiga existencia desta "escaleira externa de pedra" na casa familiar.

FONTE DO OURO, A (San Pedro de Viveiro)
A frecuencia de "Fonte do Ouro" na toponimia galega fai pensar en que, en lugar de ser referido a unha anecdota ou lenda asociada co apelativo "ouro", do latin aureum 'dourado' teña máis ben outra orixe que explique esta frecuencia.
Cremos que esta orixe alternativa sería a mesma que a do cercano "río Ouro", que está documentado na Idade Media como Aurio, e para o cal tanto E. Bascuas como outros autores relacionan coa raíz hidronímica prerromana *awer- 'fluír', termo paleoeuropeo. Cf. e.g. aquí. Cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Porén, outros autores como e.g. Villar relacionan a orixe do río "Ouro" co latin aureum, "de ouro", "dourado" (cf. aquí).


FONTE DO PINGÓN (Magazos)
Topónimo transparente, deverbal de pingar 'caer a auga pinga a pinga", probabelmente remitindo xocosamente á escaseza de caudal.
Porén, dado que os nomes das fontes van moitas veces ligados a nomes persoales, non se pode rexeitar que "Pingón" remita a un alcume persoal. 

FONTE DO REQUEIXO (Landrove)
Ver O REQUEIXO.

FONTE ESQUERDEIRA (Landrove)
Ver "ESQUERDEIRA".

FONTEGRADA (Vieiro)
Composto, do latín fons granata, "fonte importante, abundante". O adxectivo "grada" aínda existe no portugués con este sentido. Cf. Priberam.
Nese mesmo sentido, Piel interpretou este topónimo, como "contendo o antigo adxectivo graado 'grande'" (cf. J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945).

Nicandro Ares decántase por unha orixe no latín fons grata "fonte agradábel", aínda que non aporta raíces para rexeitar aquela etimoloxía. Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I. 
O mesmo topónimo rexístrase en Ourol coa grafía "Fonte Grada", así como en Torres Vedras (Portugal).

FONTELO (Galdo)
A voz "fontelo" remitiría a unha 'fonte de caudal escaso e estacional que nace nos prados ou terreos húmidos’. En efecto, esta acepción aínda se conserva aínda no léxico das Médulas (León).
Por outro lado, nos dicionarios de galego soamente aparece no dicionario de Constantino García, aínda que só rexistrada nun lugar da xeografía galega, polo que semella máis probable a interpretación menos específica indicada.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -elo. 

FORCADA, A (Covas)
Topónimo que alude a unha bifurcación, de río, camiño ou cordal do monte.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

FORNELA, A (Galdo)
Os dicionarios de galego definen a voz "fornela" como "boca do forno" e mais "sitio para a cinza, debaixo ou ao pé do forno". Tamén ten a acepción de "alacena na parede" (cf. DdD).
A motivación para os topónimos Fornela e Fornelo(s) é xeralmente metafórica, para se refererir a dolmens ou a pequenas covas. Tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Tamén no mesmo sentido indica Almeida Fernandes que 
"a metáfora dolménica e a espeleológica são as únicas que, salvo casos especiais, podem satisfacer à congruência toponímica" (cf. A. de Almeida Fernandes, 1991-1993. "Taraucae Monumenta Historica - Livro das doações de Tarouca, I/1: Documenta; I/2: Indices & Studia (Anthroponymia); I/3: Indices & Studia (Toponymia) (Institutiones) (Communia Verba)").
Esta motivación arqueolóxica é por veces evidente, como no caso do topónimo "A Fornela" (Cariño), onde ao pé do lugar atópase a Mámoa de Fornela.

FORNO DOS MOUROS, O (Covas -lugar da Insua)
O topónimo alude á existencia de restos megalíticos próximos e lendas ligadas a eles.
A referencia aos "mouros",  frecuente na toponimia galega, non parece que teña relación coa súa presenza na Península, de feito algún topónimo destes xa está atestado antes de chegaren os árabes, tal como o texto do ano 572
 "ad Maura Morta usque ad Paramio" (cf. Tombo Vello da Cat. de Lugo).
Algúns autores identifican este termos "mouro" co celtismo *mrwos ‘morto’, ‘ser sobrenatural’, en relación co culto aos mortos (cf. F. Benozzo e M. Alinei, 2007. "A área galega na prehistoria lingüística e cultural de Europa").

FORO, O (Covas, Vieiro)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e de aí pasou a ter o de ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon ou pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).

Decía Sarmiento:
"Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

FORXÁN (Valcarría)
De (uilla) Froiani, forma en xenitivo de Froia ou Fro(g)ianus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica. Cf. J. Piel, "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III. 


FRAGA DO MONTOXO, A (San Pedro de Viveiro)
O nome desta fraga alude aos seus (antigos) propietarios, ben por seren oriúndos algún lugar dese nome, tal como o Montoxo de Cedeira, ou ben por teren o apelido "Montoxo" ou "Montojo", á súa vez derivado dun topónimo do mesmo nome.
En canto á orixe de "Montoxo", é unha haploloxía a partir de "Monte Toxo". 

FREIXIDO (San Pedro de Viveiro)
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan (terían abundado) as árbores chamadas "freixos".

FURADA DOS ASNOS, A (Covas)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Covas (1753) ao establecer os límites da freguesía:
 .. "demarcación principiando por el marco de furada dos asnos que está junto a dicha mar" ... 

O significado do termo "Asnos" neste contexto é incerto. Podería remitir ao significado evidente, quer referido a unha situación anecdótica, quer ao alcume dun antigo posesor. No entanto, parece improbable.
Alternativamente, pode derivar o elemento paleoeuropeo *ap-s-, frecuente en hidrónimos, e derivado da raíz indoeuropea *ap- 'auga' (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 179). Esta segunda alternativa encaixa cos topónimos "Poza do Asno", "Ponte do Asno", "Punta do Asno", etc, relacionados coa hidronimia.

Existe tamén un "Os Asnos" en Burela.

FURNAS
, AS (Chavín)
Unha furna designa unha cova subterránea, por veces unha cova ou entrada do mar, o cal non pode ser neste caso (cf. DdD).

GALDO (Galdo)

Este nome deste núcleo de poboación está xa atestado en 1128 como "Gualdo", e así se mantén atestado aínda en 1404, en canto que xa figura coa forma "Galdo" en 1419 (cf. p.191 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm.7, 1991).

Podería aludir ao apelativo xermánico 
waldo, remitindo a unha "fraga", tal como postula p. ex. Miguel Costa (cf. blog Frornarea). En efecto, Du Cange recolle waldo, de orixe xermánica, co significado de "fraga" ("silva") en Italia, e en Francia como gaudus ".. in silva, quæ vocatur Gaudus .." (cf. Du Cange & al., "Glossarium mediæ et infimæ latinitatis". 1883-1887). Notamos que, en apoio desta hipótese,  está rexistrado un microtopónimo "O Gualdo" no lugar de Pazos, en Codosedo (Sarreaus, Ou). A presenza do artigo parece indicar o seu uso como apelativo común, aínda que tamén puido vir dun "o agro do (posesor chamado) Gualdo".

Alternativamente,  podería 
provir de (uilla de) Waldo, sendo Waldus o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica (cf N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I: 504).

O Nomenclator rexistra en Mañón do lugar de "Galdos" (cf. Toponimia de Mañón), que debe remitir ao apelido ou procedencia dos antigos posesores (ou fundadores) dese lugar.


GALEA, A (Valcarría)
Unha galea é un tipo de embarcación. A motivación neste topónimo é incerta, talvez aludindo ao alcume dun antigo posesor, por ter embarcado ou similar.

GALIÑEIRA
, A (Vieiro) 
GALIÑEIRO, O (Boimente)
O Catastro de Ensenada para Chavín (1753) atesta o "rio do Galiñeiro" ao mencionar os límites da freguesía:
     ..."rio do Galiñeiro siguiendo en derecho al pico vello e as veigas de Cuiña"...
Igualmente Catastro de Ensenada para Boimente (1753) refire a existencia de varios muíños neste lugar do Galiñeiro.

Os topónimos "Galo", "Galiña", "Galiñeira", "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con montes e formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver blog A Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, nos casos que coñecemos non sempre parecen corresponder con estas "cristas".

GALVÁS, OS (S. Pedro de Viveiro)
Debe referirse ao alcume dun antigo posesor e dos descendentes.
Boullón Agrelo indica que o seu uso como alcume xa se atesta nos finais do s. XIII (cf. A. Boullón, 1998. "A influencia franca na onomástica medieval galega". In "Homenaxe a Ramón Lorenzo").

GARITA, A (Boimente)
Referido a un posto de vixilancia. Existen outros topónimos "Garita" en moitos outros concellos galegos.

GARROTE, O (Covas)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor destes terreos. Este apelido xa está atestado no século XIV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

GOLPILLEIRA
, A (Boimente)
Unha "golpilleira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo, golpe'.
Existen varios topónimos en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

GORMEDOIRO, O (Chavín)
Aludiría a uns (terreos) "gromedoiros", de "gromar", agrumar, e que por tanto significaría "terreos fértiles, con plantas que agroman", ou talvez onde agroma a auga.
A orixe pode estar na base *borm- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’). O paso de *bormedoiro >gormedoiro sería equivalente ao de bromear > gromiar, broma>groma, e similar a volpe>golpe.
Alén do anterior, a existencia do verbo galego "bormar" 'vomitar' (cf. DdD) parece reforzar esta hipótese de relación con "borbotar". No entanto, E. Bascuas indicaba para "Gromejón" (afl. do Douro, Valladolid) unha orixe distinta, na raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', a través dun tema paleoeuropeo *garm-. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra un "Gormedoiros" en Cabanas e "As Gormallas" en Foz.

Praia dos Castelos, Grallal, Covas
GRALLAL, O (Covas)
O termo "grallal" remite a un lugar onde abundan ou aniñan as aves chamadas grallos. 
Tamén existe o topónimo "Gralleira" en Burela, co mesmo significado. 

Concretamente,  este lugar de Covas xa é mencionado en 1156 como Graliar
".. et cautum de Portuzelo et de Graliar et cautum de Moogorum et de Uaris et Landroue ..(cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

Este lugar foi capital d concello ata 1595. 




GRAMELA, A (Boimente)

Unha gramela designa unha armadilla ("trampa") para cazar lobos ou raposos.

GRANDACHÁ, A (Magazos -lugar de Lamas de Galdo)
Composto de "Granda Chá".  O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan. As tres formas Gándara>Gandra>Granda son comúns en Galiza.

GRAÑEIRO, O (Boimente)
Ver "O Chao da Graña".


GUISTILÁN (Galdo)
De (uilla) Uisterlani, forma en xenitivo de Uisterla, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica (cf. M. Costa Frornarea).
Por outro lado, Nicandro Ares apunta na mesma dirección, aínda que a un antropónimo xermánico distinto, Wistila (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).


Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente os nomes desa orixe foron populares na Alta Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").


HÓRREO DE TIMIRAOS (Vieiro)
Hórreo pertencente a unha persoa apelidada "Timiraos". 

O concello con máis presenza deste apelido é Mañón, diseminándose polos concellos limítrofes. Semella, por tanto, que Mañón foi o lugar desde onde se espallou, talvez por ser seu primeiro portador oriúndo dun Tuimil/Toimil indicado ou dun Toimil que xa desapareceu.
A orixe deste apelido está no topónimo do mesmo nome de Valdoviño ou, máis probábel pola distancia, de 
Toimil (Xuances - Xove). No entanto, dado que o concello con maior frecuencia do apelido é Mañón, a orixe pode ser un Toimil que xa desapareceu e que existise na área do actual concello de Mañón, aínda que é unha especulación pois non hai documentación que o indique.

Por outro lado, a orixe dos topónimos Toimil e Tuimil é un Tuimir, que deriva dunha (uilla) Teodomiri, forma en xenitivo de Teodomirus, remitindo, xa que logo, ao posesor dunha uilla altomedieval.
Desta orixe dá conta o feito de que no século XVIII aínda debía pronunciarse  "Tumiraos", pois está atestado un "Juan de Tumiraos" no Catastro de Ensenada de Loiba (1753) .

ILLA da ANCHOUSA, A (Covas)
Grafía alternativa por "enchousa", unha "chousa grande", finca grande cerrada (chousada) con muro ou valado (cf. DdD).

INFANTA, A (San Pedro de Viveiro))
Debe aludir á antiga posesión do lugar por unha infanta. Aínda sen coñecermos a historia local, reparamos en que preto deste lugar se atopa o lugar da Torre, que podería remitir a unha antiga torre e vivenda señorial. 
O termo infante designaba antigamente 'mozo noble' que aínda non había hrdara de seu pai. Esta acepción foi usual ata o s. XIII, cando pasou a usarse para os fillos dos reis (cf. DCELC, Corominas). 

LAGAR, O (Celeiro)
Topónimo transparente, lugar de pisado da uva para a produción de viño.
A produción de viño na zona debeu ser elevada, segundo os rexistros existentes. Na toponimia quedaron os reflexos dos "lagares", das "viñas", dos "bacelares", etc.
A mediados do século XIX os viñedos sufriron a praga do oidium, que apareceu en 1852, e que acabaría en moi pouco tempo coas viñas. Dous anos despois xa non se recolleu en toda a comarca nin un só barril de viño e comezaron a arrincar as viñas, das que xa soamente quedaría os topónimos.

LAGOA
, A (Galdo)
LAGOAS, AS (Covas)
LAGÜELA (Galdo)
O termo "lagoa" provén do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media : 

     "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tombo de Celanova).

No caso de "lagüela", o mesmo que "lagoela", é a forma antiga de dimintivo de "lagoa". 


LAMACEDA (San Pedro de Viveiro)
Sinónimo de "lamacido" ou "lamacedo", lugar onde abunda a lama. 


LAMARRUBAS (Vieiro)
Composto por "lamas" e "rubas". Indicaría un terreo lamento, encharcado, coa terra de cor ruba, apuntando a unha terra barrenta. Isto confírmao o feito de ser chamado, este sitio, alternativamente como O Barrido.
Existe na contorna o topónimo análogo Lama Roiba, en Mañón, probablemente coa mesma orixe e significado.

LAMA REDONDA (Galdo)
O significado directo podería explicar este topónimo: unha "lama" (pastizal) de forma "redonda".
Outra acepción posíbel do termo "redonda" tamén podería ser a que indica E. Rivas: "Zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".

LAMESTRA
, A (Galdo)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama" ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove).


LANDROVE (Landrove)
A primeira atestación que temos desta freguesía é en 1124:
" .. sancta Maria de Gualdo sanctus Iulianus de Landroue sancta Eolalia de Mirel .." (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").
Para o significado do topónimo, ver "RÍO LANDROVE".

LANGOIRA (Valcarría)
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego da encosta" ou "rego longo".
Ver entrada blog Pena da Cataverna para máis detalles.


LAPIDO, O (Covas -lugar de Nogarido)
Este topónimo alude a un terreo penascoso ou pedregoso. Cf. DdD.


LEÁS, OS (Boimente)
Tendo en conta que leva artigo diante, debe derivar de "lugar dos Leás", sendo "Leal" o apelido familiar. En efecto, vemos ademais que Viveiro é un dos lugares onde aínda actualmente está máis implantado este apelido (cf. LEAL).
Aínda que improbábel, e ademais descoñecemos documentación antiga que o soporte, tampouco é totalmente descartábel que proveña dunha *(uilla) Ledilanis, forma en xenitivo de Ledila, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Por outro lado, Nicandro Ares relacionouno co celta lega ‘sedimento’, ‘pouso, feces’ (Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I). 

LEBORÓN (Landrove)
Relativo a "lebre". Talvez orixinado no alcume dun antigo posuidor.


LESTIDO (Vieiro -lugar da Silvarosa)
LISTIDO (Vieiro -lugar da Silvarosa)
Sitio onde abundan as "lestas", planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum.
Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia da lesta en Galiza: 
hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada".
Está atestado Listido no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía:
                     .. "y de ella ala fuente de listido" ... 
Existe outro Lestido nas Grañas do Sor.

LOBEIRA, A (Celeiro)
LOBEIRAS, AS (Valcarría)
O nome "lobeira" indica "gorida de lobos". Cf. RAG.

LODAIRO (Galdo -lugar de Montes de Montecelo)
A árbore que en latin se denominaba lotus ten en galego as formas lodeiro, lamigueiro e gruñeiro, entre outros.
Navaza rexeita interpretar "Lodairo" como abundancial de "lodo", por remitir probablemente aderivar a terminación -airo dun -anariu (lotanariu)  (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

LODEIRO (Chavín, Covas, Boimente)
O termo "lodeiro" remite a unha "lameira, terreo con lama".
Aínda que non se pode descartar unha segunda acepción, a da "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", cremos moi improbable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha árbore incomún (cf. DdD).

O lugar de Lodeiro de Covas aparece  atestado no 1544 nun "apeo" do Mosteiro da Coelleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la isla de la Colleira"). 

LOMBO GORDO (Covas)
Significado transparente, remitindo talvez ao cumio dun monte.
É un topónimo relativamente frecunte, así aparec no Valadouro, en Cervo, en Cariño, etc.

LÓNGARAS, AS (Boimente)
Alude a (terras) longarelas, 'terras alongadas, un pouco longas'. En efecto, "lóngara" está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas).
Etimoloxicamente, a súa orixe está no latín longula, diminutivo de longa.

LOURIDO (Galdo, Vieiro)
Lugar onde abundan os loureiros.
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía (en particular do Couto de Vilar):
                     .. "en el rego de lourido" ... 

MACICOS, OS (Valcarría)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome Macico dun antigo posesor destes terreos. É a construción adxectival-xenitiva de "Os terreos de Macico" > "Os Macicos", frecuente na microtoponimia galega.
Rosario Soto indica que este alcume xa está documentado como "Maciqus" ("mazo pequeno") no séc XIII  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").

MAGAZOS (Magazos)
Esta freguesía está atestada con este nome en 1124.
[...] de Sauto sanctus Michael de Sauro et insula Mirandi. post partem regis sanctus Iacobus de Cellario sancta Maria de Magazos sanctus Petrus de Uiuario sanctus Stephanus de Valcarria sancta Maria de Chauin sanctus Andreas de Fontana sanctus Petrus de Miluis [...] (CODOLGA).

Existe outra poboación "Magazos" en Ávila, así como varios "Magaz", tres en León e un en Palencia, así como 
dous Magacela en Extremadura (na comarca da Serena)Rivas Quintás menciona un texto de 951, que cita a Magán (Pontevedra): “in ea ualle uel uico quam dicunt maganes”(cf. E. Rivas. "Toponimia de Marín"). Rivas cita o apelido Magás, e considera Magán antropónimo xermánico (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do Nordeste Hispano"), o mesmo que para o top. portugués Magães, os Magaz leoneses e o Magán toledano .

O máis probábel debe ser que os dous topónimos Magazos, o de Viveiro e o de Ávila, deben tratarse de xentilicios, oriúndos dun Magaz de León. Igualmente Magacela (Extremadura) debe remitir a repoboadores oriúndos dun dos Magaz de León, co sufixo en -ela que testemuña a fala galega. Igualmente, 

Noutra aproximación distinta, tendo en conta a existencia do río Magasca en Extremadura,co sufixo -asca, de orixe prerromana (presente na toponimia e tamén en apelativos como carrasca ou penasco), poderíamos, xa que logo, pensar nunha orixe prerromana. Nesta liña
, Almeida Fernandes identificou  para o  topónimo  portugués Magueija o  elemento  mag-, segundo el, unha raiz prerromana co significado de ‘elevação, colina, campo’,  e identifica unha serie  de  topónimos  em  Portugal: Magalhã (Vila Real), Magalhães (Aveiro, Beja, Coimbra, Lisboa, Ponte da Barca, Póvoa de Lanhoso, Salvaterra de Magos), Maganha (Santo Tirso), Maganhe (Vila Nova de  Famalicão),  Magarão  (Vila  Nova  de  Gaia),  Magarela  (Almeida),  Magarelas(Viseu), Magarelos  (Vila  Real),  Magarim  (Resende),  Magoito (Castro  Marim  e  Sintra), Magostem, Magostim e Magustim (Lamego), Magueija (Lamego, Castelo Branco e Leiria), Magurre (Fafe) e Magurro (Marco de Canaveses) (cf. A. Fernandes, 1999. "Toponímia  Portuguesa.  Exame  a  um  Dicionário").
No caso que nos ocupa, se temos en conta a situación ao pé do río Landro deste Magazos, así como que o Magazos de Ávila está  situado "en terreno llano y pantanoso" (cf. Madoz, "Diccionario.."), podemos aventurar unha referencia a terreo lamento ou pantanoso. 
Ese sentido de "lama, fango" teno tamén o apelativo "maga" 'tripa do peixe', 'guiso feito papas'
. 

Cremos descartábel a interpretación de Nicandro Ares de derivar Magazos do xentilicio latino Macatius (cf. N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega"). Tería que ter derivado dun caso nominativo latino, o cal é improbábel. No entanto, o que si puido ser é que os Magaz leoneses teñan orixe en Macatii, a forma en xenitivo de Macatius, e que os Magazos e Magacela, tal como indicamos nun principio, remitan a oriúndos de Magaz.

MALADAS (Covas)
Alusión a "(terras) maladas", alugadas a "malados". O termo "malados" é un sinónimo medieval de "colonos, servos", no sentido específico de "homes libres que traballaban en terra allea".
Boullón Agrelo menciona o uso de "Malada" como alcume, atestado en 1165, e interprétao tamén co mesmo significado de "servo", seguindo a D. Kremer (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)": 
293).

Alternativamente, podería ser un termo de orixe prerromana, derivado da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', indicando unha 'ribeira, costa'. No entanto, non cremos sexa o caso, pois este lugar non ten características orográficas especiais, tal como tampouco acontece no caso de "Maladas" en Riobarba (cf. aquí).
Ver 
para máis detalle a entrada específica  no blog Pena da Cataverna.

MALAGÓN (Vieiro)
A orixe deste topónimo é incerta.
Para algúns autores, tería orixe prerromana, da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', de carácter hidronímico. É unha raíz frecuente na toponimia da Península, incluíndo decenas de "Malagón", así como "Málaga", "Mos" (de Malones, en Castro de Rei), "Magoi" (Lugo), e talvez tamén os numerosos ríos Malo e Mao (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia": 83). Tería, xa que logo, a mesma orixe que o actual Magoi (Lugo), atestado como Malaconi no século XI, e xa como Maagoe no século XIV. A conservación en moitos casos dos -l- e -n- en palabras prerromanas non é totalmente estraña, téndose explicado (e.g. Bascuas) por "xeminación expresiva".
Tamén F. Villar o relaciona cunha forma *mal-, para a cal mantén a orixe na mencionada raíz indoeuropea *mel-. A "Malagón" asígnalle unha orixe nun modelo flexional *Malaco, o mesmo de Olisipo (Lisboa), Tarraco (Tarragona) (cf. F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas")
.

No entanto, pensamos que o máis probábel é que se trate dun topónimo "importado", talvez referenciando ao Malagón existente na provincia española de Ciudad Real. A motivación énos descoñecida, mais podemos especular talvez como referencia á "Encomenda de Malagón".
Non sería un feito estraño esta referencia a unha cidade peninsular, en particular na época da chamada "Reconquista", igual que ocorre con outros múltiplos topónimos galegos como Alpuxarras (O Vicedo), A Peníscola (Ortigueira), Leganitos (Muras), Segovia no Corgo ou O Toledo en Castrelo de Miño.  Outro exemplo neste concello, análogo mais posterior, é o de Saboia (Magazos), outro topónimo "importado", ou Pénjamo no século XX .

MALLÓ, O (Galdo)
Este núcleo de poboación está documentado en 1437:
 "Garçia do Malloo" (cf. J. García, 1987, "Viveiro en los siglos XIV y XV. La colección diplomática de Santo Domingo de Viveiro", in Estudios Mindonienses, nº 3 : 11-132).

A voz "malló" viría do latín malleolum 'pequeno martelo', coa acepción metafórica de 'chanta de vide cortada en forma de martelo' (cf. aquí).

MAÑAR (Valcarría)
Orixinado nunha (uilla) Maniarii, forma en xenitivo de *Maniarius ou *Magnarius, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval.
É un nome de orixe xermánica, cun primeiro elemento magenan 'poder'. Cf. aquí.

MARALEIXA, A (Chavín -lugar da Maraleixa)
O nome "A Maraleixa" proviría de "A (terra de) María Aleixa".  
Por toda a Mariña atopamos topónimos similares, moi probabelmente coa mesma orixe nun composto de "María". Así, atopamos "A Marapega" no Vicedo, así como "A Maraboa" e "A Maradona" en Barreiros. Igualmente, xa sen síncope, atopamos a correspondente "A María Dona" en Silán (Muras).
Lembremos tamén o caso da "marafonsa", unha clase de mazá, cuxo nome viría de "María Afonsa". 
Atopámolo atestado en 1859 como "Amareleija" (cf. aquí)

MARIÑAO, O (Vieiro -lugar da Cabana)
Alusión ao antigo posesor do terreo, de ser "orixinario da Mariña", no sentido da Mariña oriental, que é o que por defecto se entende por "mariñao" na Mariña occidental.

MARCO, O (Boimente)
MARCO LONGO, O (Galdo)
A voz "marco" designa unha pedra fincada no terreo, sinalando un límite territorial. 
Na toponimia, remite a un marco destacábel polo seu tamaño e antigüidade, talvez medieval, por veces a un miliario ou incluso a unha pedrafita ou menhir.

MAROTE, O (Landrove)
Tendo en conta o sufixo "-ote", pode remitir ao alcume dun antigo posuidor.
Alternativamente, pode tratarse dunha palabra de orixe prerromana, dunha raíz *m'r relacionada coa auga, auga estancada, que costuma estar aplicada a terreos encharcados, marismas.


MEIRA (Celeiro, Boimente -lugar do Rego do Barro)
Aínda que a priori pode remitir á voz de orixe prelatina "meira", referindo a auga estancada, nestes casos de microtopónimos deben aludir á propiedade do Convento de Meira.
De feito, para o caso do de Boimente, figura atestada no 1222 unha doazón ao Mosteiro de Meira dunha herdade que Maior Peres posuía no lugar de Fontao, na freguesía de Boimente (cf. CODOLGA).
Un caso simila debeu ser o de Celeiro, pois a orografía non semella propicia para unha charqueira.

O termo "meira" é de orixe prelatina, referindo a auga estancada. Costuma estar aplicada a terreos encharcados, marismas. 
O galego preservou o apelativo "mera" 'néboa moi húmida', que probablemente teña orixe na mesma raíz. Indica Eladio Rodríguez 
Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” . 
Tamén Du Cange (s. v.) recolleu as formas medievais Maerie, Mairia, Maire e Meria.

En canto á etimoloxía concreta, 
derivaría dunha forma *marya ou *merya, pertencenta á hidronimia antigoeuropea. Aínda que son varias as raíces *mer- que identifica Pokorny coas cales podería corresponder, podemos supor *mar- /mor- ‘auga detida’.
Igualmente o interpreta Navaza, derivándoo dun "elemento hidronímico *mer- de
orixe  prelatina, pertencente á raíz indoeuropea mori, mōri ‘mar, agua’". Esta
é tamén a hipótese de Cabeza Quiles.
Por outro laddo, J. J. Moralejo apunta para as raíces indoeuropeas *mer 'brillar' ou *mer 'escuro, mancha' - cf. p. 67 de J. J. Moralejo, 2008. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II".

Os topónimos "Meira" e "Mera" son frecuentes en Galiza. Atopamos, ademais destes dous Meira do concello, un Meira en Mañón, un concello e parroquia da provincia de Lugo, outro en Cuntis e outro en Moaña.

MEIXOFRÍO (Covas, Vieiro)
Do latín "mansio frigidus", unha pousada (de estrada) deshabitada. Podería indicar, xa que logo, o paso dunha antiga vía romana.
No entanto, neste caso concreto, trátase do nome dunhas terras situadas no límite con Riobarba, a metade de camiño entre a Silvarosa e o Rego dos Bois, non moi lonxe do lugar de Manxofrío (Riobarba). Semella improbábel que houbese outra mansio tan preto da de "Manxofrío", polo que pensamos máis ben que se trata de terras que, nalgun momento, pertenceron a alguén de Manxofrío.

Para máis detalles sobre os topónimos "Meixofrío", "Manxofrío" e similares, consultar "Manxofrío" en Toponimia do Vicedo.

MERÁN (Covas)

MERÁN, O (Galdo -lugar de Montes de Montecelo)
Talvez de "Monte merán", monte con "mera", "néboa miúda", aínda que a forma nesta zona debería ser nese caso "merao".  A palabra "mera" é de orixe pre-romana, dunha raíz *mer- relacionada coa auga.
Alternativamente de *(mons) Mirani, de *Miranus, hipocorístico de Mira, nome de orixe xermánica. Cf. aquí.
Os topónimos "Mera" e "Merán" son frecuentes en Galiza. Así, por exemplo hai "Monte do Merán" nas Negradas.

MERLÍN (Covas)
Lugar con nome derivado dun posesor altomedieval dunha uilla (granxa, explotación agrícola). O nome de tal posesor é incerto, tal como indicamos deseguido.
Nicandro Ares apunta dúas posibles orixes: quer o antropónimo latino Merlinus, quer do antroponimo xermánico Mirellinus, sendo tamén este último do que  J. M. Piel deriva o topónimo portugués Merlim (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).
Porén, en 1028 está atestada unha "uilla Maurlini", que podería corresponder co actual "Merlín de Ventosa" (cf. p.162 de "Nomenclator Medieval de Lugo", in Lucensia num. 5, 1992), aínda que outros autores relaciónano con "Morlán" (cf. aquí). Xa que logo, o Merlín de Covas pode proceder tamén dunha (uilla) Maurlini, derivado á súa vez de Maurelini.


MIAÑO (Galdo -lugar de Borreiros)
Podería derivar  da raíz hidronímica indoeuropea *mein-/moin-/min- 'corrente (de auga)', presente en ríos como Miño, e europeos como o Maine. No entanto, non queda preto de ningunha corrente de auga importante, nin este Miaño nin o existente en Lampaza (
Rairiz de Veiga, Ou), polo que caberían explicacións alternativas.

Unha hipótese alternativa, puramente especulativa, sería que remita a un alcume, en relación ao verbo "miañar" 'miar, son que fai o gato'.

Volvendo á hipótese de hidrotopónimo, para Krahe, o hidrónimo Miño pertence ao conxunto de derivados da raiz *min-, no grao cero, o cal inclúe Minija (Lituania), Mnina (Polonia) e Mignone (Lacio, Italia) -- cf. p. 98 de H. Krahe. 1964. "Unsere ältesten Flussnamen".
De forma similar, Moralejo Laso  indicaba que topónimos como Miñán, Miñao, Miñata, Miñide, Miño, Miñón, Miñote,  poderían pertencer a 
 "una raíz * mini-, que no escasea ciertamente en la toponimia gallega con diversas terminaciones. Suponiendo que sean de la misma" (cf. p. 123, A. Moralejo,  1977. "Toponimia Gallega y Leonesa").
Para J. J. Moralejo, o tema *mini- remontaría á raíz indoeuropea *mei- "marchar, camiñar", talvez nun sentido de pouca corrente (cf. J. J. Moralejo, "Hidronimia prerromana de Gallaecia").

O topónimo que si é segura a mesma orixe é Miaño (), e "Meaño", concello de Pontevedra.


MIÑOTEIRA, A  (Chavín -lugar de Tarabelos)
Probablemente aluda a unha finca propiedade dalgún oriúndo de Miñotos.
Tamén se pode interpretar como sitio (posibelmente arboreda) no que moran ou pousan os miñotos, ave de rapina moi común. Porén, semella improbábel, dado que na zona estas aves son chamadas miñatos ou buxatos.

MONCALVO (Boimente)
O termo "Moncalvo" é un composto de "Monte Calvo", monte sen árbores. Ver "O CALVO".

MONTALBÁN (Vieiro)
É probábel que remita 
ao apelido dun antigo posesor.
Este apelido, detoponímico, deriva do composto *Mons Albani, forma en xenitivo do nome dun posuidor chamado Albanus

MONTECALVO (Covas)
Ver "O CALVO".

MONTE CASTELO, O (Galdo, Landrove, Magazos, Vieiro)
Ver "O CASTELO".

MONTECELO (Galdo)
Do latín monticellum, diminutivo de monte, remitindo por tanto a un pequeno monte, montículo.

O dobre sufixo -cela/o conservouse na toponimia, así Portocelo (portiño), Arcucelo (arquiño), Chancela (chaíña), Praducelo (pradiño), etc.

MONTE DA ESCANAVADA, O (Galdo)
Aínda que non figure nos dicionarios de galego, podemos interpretar "escanavada" como un derivado co prefixo ex-, indicando aquí unha acción sistemática de extracción, neste caso de canaveiras (canas bravas, carrizos), formación análoga á do topónimo A Estoxada, derivado de estoxar "quitar os toxos". 
Aludiría por tanto a unha finca que antes de ser labrada estaba con canaveiras ou canas, a bravo. 

Por outro lado, Pascual Riesco dálle a interpretación como forma deturpada por "escadavada", tamén con este sentio extractivo, de arrincar as plantas (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas). No entanto, dado que só atopamos en Galiza unha "Escadavada (en Vilalba) e sete "Escanavada", sería estraño que a forma maioritaria fose a deturpada, polo que penso que son topónimos distintos.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outras "Escanavada" próximas en Cabanas (O Vicedo) e en Muras.

MONTE DA GALIÑEIRA, O (Covas)
Ver "A GALIÑEIRA".


MONTEIROS, OS (Galdo)
Topónimo que alude ao apelido, alcume ou oficio duns antigos posesores do lugar.
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores." (cf. RAG), aínda que dun punto de vista histórico referiría a “o cazador especializado que guía unha montaría”. 
As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais. Foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efecto, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un foxo. 

Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local, que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras.
No Catastro de Ensenada para a freguesía de Bravos (1753) vén recollido como un límite da freguesía a "Pasada dos Monteiros", que estaría en relación con este núcleo de poboación de Galdo.

MONTERROSO (Vieiro)

Este lugar, tamén chamado " Penalonga de Monterroso", pode remitir ao apelido dos antigos posesores do lugar ou tamén podería aludir directamente a un Monte Rossu 'monte roxo', tal como o homónimo (concello de) Monterroso, o cal está atestado como "Montem Rossum" (cf. P. Martínez, "Inventario toponímico do Tombo de Toxos Outos". 2008).

MONTILLE (Valcarría)
De *(uilla) Montilii, forma en xenitivo de 
Montiliu(s), o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval que tería sido establecida neste lugar. 

MORGADE (Boimente)
De (uilla) Maurecati, forma en xenitivo de Maurecatus,
 o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval que tería sido establecida neste lugar. É un antropónimo de orixe latina. 
Estes topónimos Morgade, Mourigade deberon orixinarse entre os séculos VIII e X, no período de vixencia do uso dese nome persoal. 
Este é un topónimo frecuente en Galiza e ben atestado, aparecendo xa na forma Maurecati nun documento de 1055 do Tombo de Samos. 

MOURENCE (Galdo)
De (uilla) Maurentii, forma en xenitivo de Maurentius, o nome do antigo
o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval que tería sido establecida neste lugar. 

MUÍÑO DA BALEA (Viveiro)
Os nomes dos muíños xeralmente refiren a un antigo posesor. Este  "Balea" debe remitir a un antigo propietario oriúndo do lugar da Balea, un casarío situado entre Naín e Naín de Arriba, non moi lonxe deste lugar. Ver "A BALEA" para máis detalles.
Por outro lado, poderíamos pensar nalgunha referencia hidronímica, pero a relación co lugar "A Balea" mencionado parece máis segura.

NABAL (Valcarría)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía:
                     .. "marco que se halla en el camino de nabal" ... 

Un "nabal" designou orixinariamente un lugar apropiado para cultivar nabos, aínda que pasou logo a ter un significado máis xeral de "terra moi frutífera” (cf. Taboada Cid).
Tamén Estraviz recolle a acepción para nabal de "a mellor terra" (cf. I. Alonso Estraviz, 2002. "Léxico não registado nos Dicionários Galegos" in Agália n.69 e 70).

Nalgúns casos, podería estar relacionado coa raíz prerromana *nav 'chaeira entre montañas', presente en topónimos como "Nava" e talvez en "Navallos".

Neste caso, sendo unha terra de labor, alude a lugar onde se acostuma plantar nabos ou 
metaforicamente, tal como indican os dicionarios referidos,  á boa cualidade das terras.

NADAL (Valcarría)
Topónimo que alude a unha *(uilla) Natalii, forma en xenitivo de Natalius, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina.
Non é un caso único en Galiza: Elixio Rivas indicaba que o lugar de Nodal en Eiré, Pantón, está atestado en 1094 como Natal. 

NAÍN (Viveiro)
Este lugar aparece atestado nun documento de 1371, que menciona o "Souto de Naín" (cf. E. Cal, "De Viveiro en la Edad Media", in Estudios Mindonienses nº 7).

O topónimo procederá dunha (uilla) Nanini, forma en xenitivo de Naninus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola), nome de orixe xermánica (cf. M. Costa).

NASEIRO (San Pedro de Viveiro)

NASEIROS, OS (Chavín)
Este lugar aparece atestado nun documento de 1478, onde se menciona un "Juan Naseyro" (cf. E. Cal, "De Viveiro en la Edad Media", in Estudios Mindonienses nº 7).

O apelativo "naseiro" designa unha cárcava no río onde se colocan as "nasas". Cf. DdD.
Deriva do latín nassa + -arius, remitindo na documentación antiga a 'lugar onde os pescadores colocan as nasas', ou 'lugar reservado para a pesca con nasa’ no sentido de ‘couto de pesca'. Xa en 1149 é mencionada unha doación ao mosteiro de Sobrado dun "nasario fixo" no río Ysso (cf. Anuario Brigantino).
En portugués, "naseiro" é homónimo de "caneiro". 


NAVAL (Valcarría)
Por veces este topónimo é transcrito con "v", mais a forma correcta debe ser con "b". Ver "NABAL".

NAVALLOS, OS (Boimente)
Topónimo frecuente en Galiza, así na Mariña e no Ortegal, así o Nomenclator rexistra tamén "O Navallo" en Ortigueira, Mañón, O Valadouro e Barreiros e Os Navallos no Vicedo e Rego dos Navallos en Ribadeo.
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é un 
"mesmo que navalhão; pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. Terrasquentes  www.terrasquentes.pt)
Formacións da mesma orixe atopamos no portugués navalhão, o salmantino navazo 'valle pantanoso' e mais no aragonés navajo "balsa para el ganado". Da mesma raíz, ademais da indicada Nava, temos Navia (co cognado portugués Neiva) e Navaza. En resumo, Os Navallos deben remitir a lugar no que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.

A etimoloxía é controversa, tal como comentamos de seguido.
Tradicionalmente interprétase como derivado da voz prerromana "nava" 'val, chaeira rodeada de montes', 'lugar pantanoso', xunto co sufixo diminutivo do lat. -culos, sufixo presente noutras formas de orixe prerromana, como "Os Covallos", que deriva de "cova".

Por outro lado, outros autores sinalan a inexistencia na toponimia da forma "Nava", así como que para algúns dos topónimos Navallos, están atestadas formas antigas Lavallos, que apuntarían á orixe nun étimo con L-. Así, por exemplo:
[...] se vadit ad cimam de Teyxoneyras et per portum de Laualo et  [...] (cf. CODOLGA).
Por tanto, podería tratarse dun derivado da raíz hidronímica indoeuropea *lou- 'lavar', da cal provén igualmente a nosa voz lavar, do latín lavare 'lavar'.
En soporte desta interpretación, está atestada esta vacilación N-/L- na toponimia, así Novexilde < Lovegildi < Leovegildi, Lebozán < Nebozan < Nepotiani (cf. CODOLGA), igual ca no sentido oposto, e.g. Landoi < Nandoi (cf. CODOLGA). Esta vacilación explícase por disimilación de consoantes laterais (-n-,-l-,-ll-).

É de notar que, independentemente da etimoloxía, o que segue sendo bastante clara é a motivación, de  remitiren a lugares que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.

NAVIA, A (Landrove)
É aceptada a orixe prerromana de "Navia", aínda que os autores discuten se se trata dunha palabra celta ou se paleoeuropea (pre-céltica). 
Polo xeral acéptase para "navia" unha orixe hidrónimica indoeuropea, talvez da raíz indoeuropea que Pokorny reconstrúe como *enebh-,‘húmido, auga’, de onde tamén ‘vapor, néboa, chuvia’. Por outro lado, a raíz prelatina *nau relacionada con concavidade do terreo, considerada antigoeuropea por algúns, figura ben documentada. J. J. Moralejo recolle aquí unha relación de distintas hipóteses.

NOGARIDO (Chavín, Covas)
Lugar onde abundan as nogueiras.
Este lugar figura atestado con este nome no Catastro de Ensenada para Covas (1753).

NOUCHÓN, O (Covas -lugar da Insua)
Aumentativo de "noucho", voz que ten varias acepcións, incluídas as de "s
aínte dunha rocha", "croque" ou "moucho".
Sendo este topónimo neste caso concreto referido a un entrante de terra no mar, debe ser a acepción de "saínte dunha rocha".

ORADE (Galdo)
De *
(uilla) Honorati, forma en xenitivo de Honoratus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina.

ORXAL, O (Magazos -lugar do Outeiro)
Abundancial de "orxo" 'cebada', do latín hordeum. Indicaría, por tanto, un terreo plantado de cebada, ou que é moi produtivo ao plantalo de cebada.
No entanto, como se indica para o caso da Pena do Orxal en Nois (Foz), hai veces que este significado non encaixa, e podemos interpretar este topónimo como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', talvez derivado dunha forma *or-w-i-, tal como postula E. Bascuas para o caso de "Oroxo".


OUCHEIRA GRANDE, A (Covas -lugar da Insua)
Debe tratarse dunha forma alterada por "A Ucheira". 
Para significado, ver "AS UCHEIRAS".

OURAO, O (Magazos) 
OURAOS (Covas) 
O lugar do Ourao figura como "Aurao" no dicionario de Madoz (séc. XIX).
Tanto Ourao como Ouraos deben tratarse dun xentilicio,  remitindo a uns posesores ou fundadores oriúndos do vale do Río Ouro mariñao. Para máis detalles, véxase X. L. González, 2024. "Mil topónimos opacos de castros e corgas, Parte I".

O hidrónimo Ouro (medieval Aurio) foi estudado por Bascuas (cf. p. 190 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"), derivándoo da raíz indoeuropea  *awer- 'fluír' (cf. p. 124 de E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Os topónimos relacionados son relativamente frecuentes na Mariña e no Ortegal, así temos en Cariño "Auras" e "Aurau",  así como Costaurá en Mañón, Os Ouraos e Ourao en Viveiro, e outro Ourao en Loiba, así como dos derivados como Valadouro.

Por outro lado,tradicionalmente téñense feito outras interpretacións que resumimos de seguido, aínda que non as compartimos porque soamente encaixarían parcialmente.
 Non cremos probábel a interpretación de "ourao" como adxectivo relativo a ouro, indicando "(agro) moi bon" (cf. A. Llamazares, p. 151 aquí). Igualmente, F. Villar relacionou tal topónimo co latín aureum 'de ouro, dourado' (cf. aquí), aínda que por outra banda, Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos.
Outra interpretación tradicional foi a de Nicandro Ares, que o relacionou co antropónimo personal Aurianus (cf. "Estudos de toponimia galega". Vol I, 2011). No entanto, o feito de levar artigo, estraño nun antropónimo, xunto co dos topónimos "Auras", Ourubio e similares que non encaixarían, lévanos a considerar esta hipótese improbable. Alén diso, o topónimo "Ouraos", en plural, tampouco encaixaría facilmente.

OUTARIZ (Valcarría)
De *(uilla) Autarici, forma en xenitivo de *Autaricus, o nome do antigo o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.

PABOI (Magazos)
De *(uilla) Paponi, forma en xenitivo de Paponius, o nome do antigo 
posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.

PADRÓN (Galdo)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía:
 .. "y de este a los seijos de Padrón" ... 

Canto ao significado, os dicionarios galegos inclúen "padrón" e "pedrón" como "marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L. Carré, DdD). 

Igual significado é recollido no portugués antigo:
"marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos(cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Para o apelativo "pedrón", Eladio Rodríguez indica que  "llaman también así nuestros campesinos al menhir". E puntualiza Filgueira Valverde en que 
no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural”. Cf. X. Filgueira Valverde e A. García Alén, 1977. "Inventario de monumentos megalíticos. .."

En calquera caso, a conclusión é que aluden a unha pedra singular, un marco, un menhir, un miliario. É cognado do portugués pedrão e padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV: 

          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Estes topónimos foron tamén analizados por J. J. Moralejo coas mesmas conclusións (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina") con similares conclusións.

Finalmente, indicar que Corominas apunta a posibilidade de algún deles remontar en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

PAINCEIRA, A (Galdo)
Lugar no que se cultiva o paínzo (millo-miúdo), ou apropiado para o seu cultivo.

PALEIRA
, A (Galdo)
Unha "paleira" (tamén "pala"), nome de orixe prelatina, defínea o dicionario como "cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais". Cf. RAG. Antigamente, o significado incluiría o de "cavidade refuxio de pastores e de gado". Cf. aquí.
Xeralmente as voces "paleira" e "pala" refiren a un saínte ou viseira natural que forma a rocha.  Estes saíntes eran valorados como abrigo para pastores. Nel podían acender o lume ou repousar. Alén de Galiza, en León atópase a voz correspondente "palla", co mesmo significado.

PALLAREGA
, A (Boimente)
PALLAREGAS, AS (Covas)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "casa pequena cuberta con palla", "Palleiro", "Restrebas" (cf. DdD).
Estes topónimos deben remitir a unha zona que cultivou trigo ou centeo, e que era propicia para iso.O sufixo relacional -ega  está ligado na toponimia moitas veces ao cultivo dos cereais, así atopamos tamén "aviega" (avea), "millarega" (millo miúdo) ou a "escanarega" (escanla).  Tamén Liñarega ou Fabega. 
Tampouco podemos descartar totalmente que aludisen a "(casa) pallarega".

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos "A Pallarega" en Cervo e en Muras, así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

PARAÑOS, OS (Covas -lugar da Insua, Valcarría)
A interpretación máis ortodoxa é a de derivar "paraño" do  adxectivo  latino  *petraneum  'de  pedra’, designando un terreo desas características. Podería talvez aludir metaforicamente a pedras asociadas a construción megalítica antiga; de feito, as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros"; isto encaixaría coa acepción recollida en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira".
Por outro lado, Carré Alvarellos define "paraño" no seu dicionario galego como "lugar amparado, protexido". Cf. DdD. Podería significar "terra con certos "privilexios", acepción rexistrada en portugués."

PARDIÑÁS, OS (Covas)
PARDIÑEIRA, A (Covas, Vieiro)
PARDIÑEIRAS (Celeiro)
PARDIÑEIRAS, AS (Covas)
Unha "pardiñeira" ou "pardiñal" (plural "pardiñás) remite a un lugar deshabitado, cun sentido análogo a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. DdD). En portugués existe o cognado pardieiro, co mesmo significado.
Outra posible acepción é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
Hai "Pardiñeiras" por toda Galiza, incluindo "As Pardiñeiras" en Mogor, "A Pardiñeira" en Riobarba , en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc.

Sexa cal for, é un topónimo moi frecuente en Galiza. En Riobarba e Bares rexístrase tamén A Pardiñeira, en Covas Os Pardiñás, en Muras tamén se rexistra o topónimo Pardiñas. En Laxe tamén se rexistra "Pardiñas", e nese caso hai quen aponta para a segunda acepción, de "devesa".


PARRAGUESA
, A (Galdo)
Xentilicio, de "orixinaria de Parga", antigamente chamada Párraga.

PARRELA, A (Covas)
Este topónimo debe aludir a unha parra pequena, e estaría formado xa que logo a partir da voz "parra", co antigo sufixo diminutivo -ela. Se for este o caso, o topónimo remontaría á Idade Media, pois xa na Idade Media foi reemprazado o diminutivo -elo/-ela polo actual -iño/-iña.
Por outro lado, tendo en conta que o topónimo "Parga" de Guitiriz, que ten orixe prelatina, está atestado na Idade Media como Aparreca, Aparrega, non podemos descartar que este "A Parrela" proveña dun "Aparrela", e por tanto teñan ambos os dous unha orixe prerromana, sin nada que ver coas vides e as parras.

PASADA DA MEIXÓN
, A (Boimente)
PASADA DAS BESTAS, A (San Pedro de Viveiro)
O apelativo "pasada" remite a un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña", tamén chamados "poldras". Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón ("A Pasada do Rego"), en Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", ..).
Canto a "ameixón", podería estar relacionado co verbo "ameixoar" 'xuntar os animais domésticos' (quer as ovellas, as galiñas, etc.).
Tampouco podemos rexeitar que "meixón" se refira á "cría da anguía", máxime cando se trata dun "paso" do río.


PASOS DO REQUEIXO, OS (Galdo)
O termo "pasos", indica un lugar polo que se cruza un río.
Para "Requeixo", ver "REQUEIXO".


PASTIZAL DO ROLLE, O (Valcarría, San Pedro de Viveiro)
Pastizal antigamente pertencente a unha persoa apelidada "Rolle", apelido que se localiza maiormente na Mariña luguesa, orixinado nun topónimo Rolle, talvez no existente en Bacoi (Alfoz), talvez nun antigo Rolle no concello do Vicedo, que non figura actualmente pero que é posible, tendo en conta que é neste concello onde se dá a maior frecuencia deste apelido.
O topónimo "Rolle" proviría de (uilla) Rullii, forma en xenitivo de Rullius, nome do antigo posuidor. Alternativamente, de (uilla) Rudili, analogamente de Rudilus, nome de orixe xermánica.


PAXARIÑA, A (Valcarría)
Aínda que o significado é transparente, a motivación deste topónimo é incerta. Podemos pensar que remita ao alcume dun antigo posesor deste lugar, e que se dese a típica adxectivación posesiva, de "a terra do Paxariño" > A Paxariña.
Non é un topónimo único, así o Nomenclator rexistra dous núcleos de poboación homónimos, un en Salceda de Caselas e outro en Camariñas, así como As Paxariñas en Sanxenxo. Igualmente temos O Paxaro en Ortigueira.

PAXÓN (Viveiro)
A orixe do nome deste núcleo de poboación é un tanto escura. Debe derivar dun alcume do antigo posesor.
En efecto, aínda que os dicionarios non rexistran "paxón", si recollen a voz "paxo" 'parado, falto de disposición', así como as derivadas paxó, paxolo, paxoco, paxote, paxoleiro, paxoliño. Tamén "apaxo" ten unha acepción de "folgazanaría".  Podemos, por tanto, pensar nun aumentativo de "paxo", usado como alcume, que remitiría a un antigo posesor do lugar.

O Nomenclator rexistra outro núcleo de poboación "O Paxón" no Freixo (As Pontes), así como unha Cruz de Paxón en Vieiro. 
O caso da Paxota, en Moeche, tamén podería tratarse doutra variante, e relacionarse coa mesma motivación de alcume. Tamén As Paxonetas, nos Freires (Ortigueira), debe tratarse doutro derivado (o sufixo -etas dálle, de feito, un certo apunte despectivo, propio para un alcume, reforzando en parte a hipótese).Tamén se rexistra en feminino "As Paxoas" en Bravos (Ourol), que presenta a forma plural feminina, típica formación na toponimia para adxectivar unhas terras co nome do posesor (As terras de Paxón > As Paxoas).
No caso do Apaxo (Vilalba), tamén podemos pensar nunha motivación semellante.

PAZO DE GRALLAL (Covas)
O termo "pazo" deríva do latín palatium, e xa na Alta Idade Media a forma paaço tomou esta acepción actual de "casa señorial", edificación de residencia de familia nobre.
Neste caso concreto, o pazo aínda se conserva na actualdade, e figura atestado desde a Idade Media, cando conformou un couto. Ver "GRALLAL" para máis detalles.

J. J. Moralejo puxo en cuestión a etimoloxía latina, e refiriu estes topónimos a un prelatino indoeuropeo *palatio, que designaría unha especie de curro, lugar pechado onde os pastores recollían temporalmente o gado, harmonizando co sentido etimolóxico de "pastoriza" (cf. J. J. Moralejo, "Callaica Nomina", 2007)

PÉ DA RUBA (Galdo)
Ao tratarse dun núcleo de poboación, figura verosímil que remita a un antigo posesor ou fundador do lugar, chamado Pai(o) da Ruba, sendo "da Ruba" o alcume e apelido. Non sería estraño, pois o nome Paio, coas formas Pai e Pei está moi extendido na microtoponimia. De feito, neste concello atopamos tamén PEI CORVO (Galdo), PEIMÉNDEZ (Faro), PEITORTO (Landrove). Foi un antropónimo moi popular na Idade Media (cf. G. Navaza, 1991. "O nome Paio"). 

Tamén se pode tratar dun alcume igual que puido ser o caso de PÉ DE BOI.

Outra vía de interpretación sería que proceda dunha "Pedra-Ruba", que se reduciría de Pedrarruba a Pedarruba, por haploloxía, fenómeno comúnAsí, tería un sentido de marco ou pedrafita.

PÉ DE BOI (Viveiro)
O lugar xa aparece  atestado como "Pe de Boy" no 1545 nun "apeo" do Mosteiro da Coalleira (cf. E. Cal, 1983. "El monasterio de san Miguel de la isla de la Colleira"). Dous séculos despois figura no Catastro de Ensenada para Stgo e Sta Mª de Viveiro (1753) ao mencionar os muíños da freguesía:   ..."otro al sitio de Pie de Boi"...

Novamente, dous séculos máis tarde aparece rexistrado como "Pedeboy", aludindo á tradición de parar neste lugar á volta da romaría do Monte San Roque.

Debe remitir ao alcume dun antigo posesor. No 1238 está atestado como alcume:
[...]  ego Iohannes Pelagii de Sancto Iacobo dictus Pedeboy [...]  (cf. CODOLGA)
Tamén está recollido nos dicionarios de portugués pé-de-boi:
1. Pessoa apegada a costumes antigos ou que não gosta de inovações.
2. [Brasil, Informal] Pessoa trabalhadora e cumpridora.

Máis improbábel, podemos tamén pensar que remita a un antigo posesor ou fundador do lugar, chamado Pai(o) de Boi. Non sería estraño, pois o nome Paio, coas formas Pai, Pei está moi extendido na microtoponimia, como corresponde cun antropónimo tan popular na Idade Media.

Alternativamente, na acepción de "proximidade", pode aludir á orografía deste lugar, situado na faldra do Monte San Roque, que ten grandes penedos redondeados, por veces na toponimia chamados "Boi"(A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi). Se for este o caso, aludiría á situación ao pé dun penedo.
Dada a homonimia, é dificil separar as alusións a "Boi" zoonímicas das litonímicas. 

Aínda que poderíamos pensar en que aludise á abundancia da planta chamada "pé de boi", de nome científico "Oenante crocata", semella improbábel, polo feito de haber moitos "Pé de .." na xeografía galega, co cal esta explicación non cubriría o resto de topónimos "Pé de", como o indicado Pé da Ruba.

PEDRAFRITA (Celeiro)
Deturpación de "Pedrafita", 'pedra chantada', que remite a un lugar onde houbo un marco, quer medieval de separación, ou talvez un menhir prehistórico.

PEDRAESCRITA (Celeiro -lugar de Alboi)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Celeiro (1753) ao establecer os límites da freguesía:
                     .. "bajando a la Peña Escrita de la que por las margenes de la mar" ... 
Igualmente figura no Catastro de Ensenada para Faro de 1753:
                       .. "en derechura al marco da Pena escrita"...

Remitirá á existencia dun petróglifo. Por veces trátase de gravados de orixe prehistórica e outras veces, como parece ser o caso vendo o Catastro de Ensenada indicado, refírense a marcas nas pedras ou marcos, quer cun sentido relixioso ou máxico, quer como sinal dos límites entre vales, parroquias, propiedades monacais ou xurisdicións. 
Descoñecemos neste caso se se conserva.

PEDRIDO (Boimente)
Lugar onde abundan as pedras.


PEDROUZAS, AS (Faro)
PEDROUZOS (Landrove, San Pedro de Viveiro)
O topónimo "pedrouzo", frecuente en Galiza, indica unha morea de pedras, e tamén un "penasco elevado" ou "cima penascosa". Cf. DdD 
En feminino pode indicar un "pedrouzo grande". 
A este termo, derivado de "pedra", o sufixo -ouzo, de orixe prerromana, dálle un certo matiz despectivo, o mesmo que ocorre no cognado portugués pedrouço. Cf. Priberam.
Edelmiro Bascuas indica que este sufixo deriva de *-auceu, unha variante do sufixo prerromano -auko, que sería abundancial.

PEI CORVO (Galdo)
PEIMÉNDEZ (Faro)
PEITORTO (Landrove)
Estes topónimos remite ao posesor das terras, que deberon ser, respectivamente, Paio Corvo, Paio Mendes e Paio Torto. Tamén PIABADE debe ter igual orixe.
O nome Paio foi moi popular na Idade Media, e de aí que ten unha gran presenza na toponimia menor de Galiza, en particular as formas apocopadas Pai e Pei. Así temos por exemplo un Peiperez en Alfoz, ou un Peibarba en Xove, ou Peirrei en Muras.

PENACABAL (San Pedro de Viveiro)
De Pinna Caparii, sendo Caparii a forma en xenitivo de Caparius, antropónimo referindo o posesor da Pena.  Cf. M. Pidal aquí.


PENA DA AMOSA, A (Galdo)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía:
                     .. "fuente del Portal, y de esta al marco que nombran de Amosa" ... 

O topónimo "amosa" deriva da raíz paleoeuropea *am- 'suco, canle, cavar', frecuente en hidrónimos de orixe prerromana. "Amosa" é estudado explicitamente por Bascuas (cf. p. 220 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Hai múltiples hidrónimos relacionados, tais como "fonte da Amosa" en Recaré (O Valadouro).
Con relación etimolóxica, hai unha "Pena de Amia" en Cariño.

PENA DA GALIÑA
, A (Boimente) 
Os topónimos "Galo", "Galiña", "Galiñeira", "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con montes e formacións rochosas. Neste caso, o feito de ser unha "pena", reforza esta interpretación; proviría, entón, do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver entrada do blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a crista deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, nos casos que coñecemos non sempre parecen corresponder con estas cristas.

PENA DE BANDAMIL (Viveiro)
Esta pena non está atestada actualmente, senón no Catastro de Ensenada para Viveiro (1752), como un dos límites da freguesía ("pena de Bandamill").
É un nome de orixe xermánica.

PENA DIAGA, A (Magazos)
Debe tratarse dunha alusión a un posesor chamado Diago.

PENA DO OURO, A (Boimente)
O mesmo que para "Fonte do Ouro", e "Río do Ouro", a frecuencia de "Pena do Ouro" na toponimia galega fai pensar en que, en lugar de ser referido a unha anecdota ou lenda asociada co apelativo "ouro" (do latin aureum 'dourado') teña máis ben outra orixe que explique esta frecuencia.

Cremos que esta orixe alternativa sería a mesma que a de "Fonte do Ouro", e "Río do Ouro", o cal que está documentado na Idade Media como Aurio, e para o cal tanto E. Bascuas como outros autores relacionan coa raíz hidronímica prerromana *awer- "fluír", termo paleoeuropeo.

PENA FALADORA
, A (Faro)
Caractrización da pena, probablemente polo ruído que fai co vento, de "falar", nun sentido extenso, dun xeito similar a "monte Bufadoiro" no Vicedo, e "A Pena que Fala" en Frexulfe (Valadouro), e a "Serra da Faladora" en Mañón.

É interesante a caracterización case animista desta pena que o topónimo lle parece dar. Di o historiador Ramon Piñeiro Almuíña: “a capacidade dunha pedra para amplificar, reflectir ou emitir un son fai que a súa presenza inerte adquira unha aura de animismo e se nos manifeste como un ser que pode responder, bruar, asuniar, roncar, tintinar e mesmo estremecerse. As propiedades acústicas de determinas pedras eríxenas como fitos no territorio. En palabras do teórico da escoita da paisaxe Murray Schafer, constitúen unha marca sonora “aqueles sons que adquirem un valor simbólico e afectivo” para unha determinada comunidade”. 

PENAHEDRÁ (Galdo, Magazos)
Topónimo que procede de "pena hedrada". 
Aínda que a forma hedrá por hedrada non é regular no galego, ten explicación unha vez que vemos que na cartografía tamén está rexistrada como Pena Edrade: a evolución sería de hedrada a hedrade por palatalización da vogal final, e de hedrade pasa a hedrá do mesmo modo que de "cidade" pasou a "cidá".
O PTG rexistra unha Penaedrade nas Somozas e unha Penadrade nos Blancos (Ourense), para as que non se chegou á alteración final.

PENALBA, A (Celeiro -lugar do Castelo)
Composto de "Pena Alba". O termo "alba" corresponde co latín alba "branca", que foi máis tarde reemprazado por "branca". Este feito dá conta da antigüidade do topónimo.
Xa aparece atestado no ano 877 como "Peinaalba" (cf. p.77 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm.7, 1991). Posteriormente figura como Pennam Albam (".. aqua Albam usque Pennam Albam ..") no séc.XII (cf. "Tumbo de Lorenzana", in "Estudios Mindonienses". 1992).

PENA MOSQUEIRA (Galdo -lugar de Chao da Rega, Vieiro -lugar da Silvarosa)
Do latín muscariam, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Mais tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").
Alternativamente, podería aludir á existencia de "mosqueira", unha clase de herba silvestre. Cf. DdD.

PENAS de AGRUÑIDO, AS (Galdo)
O mesmo que "abruñido", lugar onde abundan os "abruños". En efecto, aínda que "gruñido" non é recollido explicitamente nos dicionarios de galego, si figura recollido "gruñedo" co significado de "abruñedo"(cf. DdD E. Rodríguez. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").
Gonzalo Navaza recolle o topónimo "Gruñido" de Mañón, coa acepción supradita (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

Alternativamente, lugar onde abundan os gruñeiros. Un "gruñeiro" está rexistrado en Ourense como "lodeiro", lotus.
Ademais do "Gruñido" existente en Mañón, e outros múltiples topónimos en Galiza, tanto Abruñedo, Agruñedo, Abruñido.

PENAS DE RIL (Covas)
Aparece como "peñas del Rill" no Catastro de Ensenada para Covas (1753) ao establecer os límites da freguesía.
A alusion ao "ril" é incerta, posiblemente aludan á forma do penedo.

PENEDO DO GALO, O (Viveiro)
Aínda que podería referirse ao apelido ou alcumen dun posesor, en xeral, os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" corresponden moitas veces con formacións rochosas, como é este o caso. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)-  'rocha'. Ver entrada específica no blog Pena da Cataverna para máis detalles.

PENIDO, O (Boimente, Vieiro)
Lugar onde abundan as penas.

PÉNJAMO (Viveiro)
Trátase dun topónimo "importado", eco do da cidade mexicana, e foi aplicado no século XX a esta zona de novas construcións para mariñeiros.
Tratouse dunha asignación de nome humorística, tal como aconteceu con outros nomes exóticos. Neste caso facía referencia a unha canción do mesmo nome famosa a mediados do século.

PENOUCO, O (Boimente)
O dicionario de Eladio Rodríguez define "penouco" como "penedo alto que sobresae dos demais que o rodean". É sinónimo de "penouto".

O nome deriva de "pena", voz de orixe prerromana. O sufixo "-ouco" é de orixe prerromana, aínda que tamén seguiu produtivo no romance, así "pedrouco".

PENOUZOS (Viveiro)
O topónimo "penouzo", é outro derivado de pena co sufixo -ouzo, de orixe prerromana, que lle dá un certo matiz despectivo.
Edelmiro Bascuas indica que este sufixo deriva de *-auceu, unha variante do sufixo prerromano -auko, que sería abundancial.

PEREIRO, O
 (Galdo, Landrove, Valcarría)
A súa orixe está relacionada co baixo latín pirariu (árbore). Alternativamente, podería derivar de petrariu ("pedreiro"). Con documentación antiga e/ou co coñecemento da orografía da zona, poderían ser diferenciados parte deles.


PESQUEIRA, A (Covas)
Denomínase "pesqueira" (do latín piscaria) ao lugar onde se captura peixe. Para as pesqueiras de río, estarían polo xeral perto dos muíños ou aceas.
En concreto, unha "pesqueira natural" designa unha pedra, illote ou calquer outro accidente natural onde colocar os aparellos de pesca. No caso dunha "pesqueira artificial" designaría unha presa de pedra situada en diagonal no curso do río, desde onde se pesca o co que se desvía a auga para poder pescar. Nas aberturas que deixan estas presas colocaban nasas, daí os topónimos "Naseiro" existentes en Galiza.
As pesqueiras xa aparecen documentadas na Idade Media a partir do século IX (cf. Anuario Brigantino). Por extensión, chámanse "Pesqueira" tamén ás pequenas cascadas (cf. DdD).

Alternativamente, aínda que improbable, pódese interpretar "pesqueira" como derivado do latín pascuaria ´lugar de pastizais', derivado de pascuum 'pastizal'.


PETEIRA, A
 (Galdo)
Referindo a lugar ou elemento que sobresae do terreo. Ten orixe, tal como petón, petouto, na raíz 
oronímica prelatina *pett 'prominencia, cume'. A forma en masculino "peteiro" ten a acepción de "conxunto de plantas que se distingue do resto, sobre todo nas leiras, pola sua espesura ou altura". Na toponimia pode ter en femenino o mesmo significado.
Por outro lado, os dicionarios de Estraviz e de Leandro Carré rexistran para "peteira" a acepción de "terra con abundancia de plantas de varias familias, para que non se desenvolvan moito".

PIABADE (Vieiro)
Probablemente remita a un antigo posesor do monte, chamado Pei Abade, con Pei hipocorístico de Paio, tal como comentado para os topónimos PEI CORVO, PEIMÉNDEZ, PEITORTO.

Mirador fronte a Piago

PIAGO (Magazos)
Os termos "piago" e "peago", do latín pelagus 'pozo', designan unha poza profunda de auga, xeralmente nun río, o cal é o caso deste Piago.
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio" (cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII).


PICÓN, O (Valcarría)
En xeral, este topónimos aluden a penedos, ás veces cons rematados en pico (cf. F. Cabeza, "Toponimia de Galicia"). Así temos O Picón en Loiba (Ortigueira), outro en Ribadeo, tamén un illote, e un con en S. Miguel de Reinante (Barreiros).
No caso que nos ocupa, este lugar está nun cordal do monte, situado preto da Pena dos Corvos, co que se confirma a interpretación indicada.

O PIÑEIRO (Chavín, Boimente, Valcarría)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome. 
Tanto nestes casos como en xeral na toponimia, é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde.
Tal como indica Gonzalo Navaza, resulta curioso o feito de ser moito máis frecuente  como topónimo a forma simple, Piñeiro, que as formas en plural, Piñeiros, ou as colectivas,. Parece ser que a explicación é que esta  árbore se estendeu tardiamente en Galiza, sobre todo desde o século XVIII, e que ata entón xeralmente eran exemplares illados.

PIMPÍN, O (Celeiro)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
Aínda que non atopamos nos dicionarios, é unha orixe clara, habendo lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, etc.
No asturiano rexístrase tamén pimpana, aplicado a unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.


PLANTÍO, O (Celeiro, Landrove, Galdo, San Pedro de Viveiro)
Este topónimo, rexistrado na maior parte dos concellos,  refire en xeral a un abundancial de plantas.
Probablemente a maioría dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada. Farían referencia ás Ordenanzas Reais (e.g. a de 1748 de Fernando IV), que impuxeron a reserva en cada concello dun espazo para plantío de árbores.
Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). 
Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Igual interpretación, de referencia a ordenanzas reais, fai Pascual Riesco (cf. P. Riesco. "Paisaje y territorio en la toponimia menor de un pueblo sayagués: Escuadro").
Neste sentido, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 
Por outro lado, Gonzalo Navaza dálle unha acepción xeral, de "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

PO (Valcarría)
Este rego está atestado no Catastro de Ensenada para Valcarría (1753) ao mencionar a existencia dun muíño "al sitio de Pó".
O termo "po" está documentado en galego co mesmo significado que en portugués, "partículas en suspensión no aire". No entanto, non fica claro o seu encaixe nun topónimo.

PONTELLAS (Magazos)
Derivado do latín ponticula, diminutivo de "ponte". É de notar o paralelismo deste termo co máis moderno "pontiga", o cal se trata dun semi-cultismo, frente a "pontella" que é a forma que seguiu o curso normal da evolución do galego.


Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este mesmo nome.

PONTIGO, O (Galdo)
Diminutivo de "ponte". Derivado do latín ponticulum. O xénero masculino reforza a idea de "pequeno". É de notar que se trata dun semi-cultismo, xa que a forma que seguiu a evolución da lingua sería "pontello"; de feito, existe "Pontellas" en Magazos.


PONXEIRA, A (Boimente)
De "(terra) ponxeira", terra onde abunda a "poexa" ou "poenxa", a planta mentha pulegia.

PORQUEIRA, A (Galdo)
Topónimo que remite á existencia dunha gorida de porcos bravos. 
É interesante a presenza deste topónimo neste concello, pois sendo frecuente na maioría das bisbarras galegas, neste concello dáse conxuntamente coa do sinónimo "Cucharego", o cal é exclusivo da Mariña e do Ortegal.

POUSADOIRO, O (Covas, Galdo, San Pedro de Viveiro)
Topónimo frecuente en Galiza. D
esigna o lugar que quedaba á fin ou remate dunha subida, onde naturalmente o camiñante descarga e pousa o seu peso e carga.  Esta definición xa vén recollida para o portugués antigo (cf. s.v. "pousadouro", in Viterbo
, 1798. "Elucidário").
 En particular, designa o poio ou similar onde se acostumaba pousar a carga transportada ás costas. Esta debeu ser a alusión orixinaria do topónimo.

O POZO DA FERIDA (Valcarría)
O termo "ferida" remite a "auga ferida", no sentido de "auga caída", "cachón, fervenza".
Por tanto, "ferida" preserva a acepción orixinaria do latín ferire 'golpear, dar (con algo)'' (cf. DCECH, s. v. herir).
O PTG rexistra tamén Aguaferida (Meira, Moaña), así como Rego da Ferida (O Viveiró, Muras), ambos os dous confirman a acepción indicada.

PRAIA DA ARNELA, A (Faro)
O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato" (cf. DdD). 
Esta definición encaixa exactamente co topónimo que nos ocupa.
A maioría dos autores concordan en derivar "Arnela" do latín *arenella, encaixando co significado de praia citado, aínda que non coas outras acepcións. Porén, isto non explicaría os toponimos "Arnoia" por exemplo.

Para o topónimo que nos ocupa, a orixe é clara se observamos a súa situación: esta praia "Arnela" atópase ao lado da de "Area". É sabido que, ata o século XX, o termo galego para praia foi "area". Cando lle deron este nomes, aínda non caera o "n" entre vocais, polo que chamarían á grande "Arena" (=praia) e á pequena que estaba pegada a ela  "Arenella" (=praíña). De Arenella relaxouse a pronuncia para Arnela, co cal non caeu o "n" ao non quedar xa entre vogais. 

Por outro lado, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outro Arnela no Valadouro, aquela sen moita relación a priori con "praia". 


PRAIA DE SEIRAMAR, A (Covas)
O topónimo "Seiramar" debe ter unha orixe prelatina. En efecto, dado o contexto de hidrónimo, encaixa coa interpretación de Bascuas dada para "Fonteseira" e "Monteseiro" (<Monte Seiro),relacionadas coa forma hidronímica paleoeuropea *ser-, *sor- 'fluír', o mesmo que o veciño río Sor (cf. p. 530 de E. Bascuas "La hidronimia de Galicia. Tres estratos .." in "Estudios Mindonienses", núm. 24).
En efecto, o topónimo Seira está recollido como hidrónimo en Portugal xa en 1082:
" .. in ripa Mondeci per porto de Alkigib de foce de Seira usque ad Miserere.  " (cf. CODOLGA).

É de notar, ademais, que  en galego existe o apelativo seira, coas acepcións de 'esporta' e de medida de superficie, aínda que non están recollidas na comarca mariñá.

En Galiza hai varias poboación Seira, unha en Rois (ACo), que dá nome á freguesía, xa atestada no século XII, e outra en Negueira de Muñiz (Lu), así como O Lugar da Seira (Baiona).  Xa coa forma en masculino atópanse microtopónimos como Monteseiro, así como a forma en diminutivo Seiró, freguesía de Vilar de Barrio (Ou).
Existe tamén a freguesía e concello de Seira en Huesca, á beira do río Ésera.

PREGUIZA, A (Faro, Viveiro)
Poderíamos interpretar "preguiza" no sentido do apelativo que os dicionarios definen como " Falta de vontade para traballar". É un topónimo que se repite con relativa frecuencia  na toponimia galega, o cal fai dubidar desta interpretación
É verdade o valor na cultura tradicional galega que é dado ao traballo. Pero aínda así, debería ser un topónimo extraordinariamente raro se se tratase do sentido indicado pola voz común "preguiza".
O filólogo A. Palacio interpreta os topónimos como en alusión a unha terra que tarda en dar os seus froitos' (como contraria a temperá), debido á súa má calidade (cf. A. Palacio, 1981. "Toponimia de Pantón"). Porén, esta explicación non cobre os casos dos topónimos como Preguizal e Preguecido.
Cabeza Quiles indica para o caso d'O Preguecido da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (c.f F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").

O Padre Sarmiento xa falaba dela:
            “Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”
Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).

Considerando todo o anterior, podemos pensar que moitos dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza". 

En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" se referirían a unha "pereira preguiza".

PREGUÍN, O (Faro)
Orixe incerta. Talvez relacionado con topónimos como "Prego", ou incluso con topónimos prerromanos como "Pregontoño" (Arzúa), o cal leva o sufixo -oño, usualmente prerromano, e como "Preguntoiro" (ver artigo sobre Preguntoiro no blog Pena da Cataverna).

Existen outros "Preguín" na xeografía galega, así, existe un en Lañas (Arteixo), do cal xa figura documentado con este nome na Idade Media (cf. aquí).  Existen, ademais, varios Preguinho en Portugal, e.g. en Cinfães.

PUÍDA, A (Viveiro -lugar das Cortes)
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante", posiblemente referido ás características das terras.
Cabe a posibilidade de  provir dun nome de posesora con ese alcume (ou propietario: "A (terra) do Puído" > A Puída), aínda que sendo un núcleo de poboación semella máis improbable. A relativa frecuencia do topónimo en Galiza volve aínda menos probable esta hipótese.


PUMARIÑO (Boimente, Chavín)
PUMAREGA, A (Vieiro)
Tanto Pumariño como Pumarega remiten a un "pumar" 'finca plantada de froitas, maiormente maciñeiras (maceiras)'.
No caso de Pumariño, a forma diminutiva aludirá ao tamaño menor da finca.
No caso de Pumarega, inclúe o sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, que aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, 2006, "Fitotoponimia galega"). 
É un topónimo frecuente na Mariña, de Viveiro ata Ribadeo.

PUNTA CAMPO MILLÁN (Faro -lugar do Monte Faro)
Este toponimo pode aludir a un "terreo do millán", aludindo ao nome común da planta 'Digitaria sanguinal' que aparece nos terreos de cultivo, unha planta "poácea". O nome é cognado do portugués milhã
Aínda que non veña citado na obra de Fitotoponimia galega de Navaza, semella plausíbel interpretalo referindo á planta. Decía Sarmiento dela: 
"Es tan continuadamente fecunda como la mielga y tan útil para las caballerías y ganado vacuno como ella. Llámase millán o millá, y en portugués, según Bluteau, milhaã". De ella dice: He o verde dos bois e bestas, de agosto até os santos”.. 

Por outro lado,  tamén puido aludir ao posesor do terreo, a unha persoa apelidada Millán, aínda que é moi pouco frecuente nesta zona, ou a unha antiga uilla altomedival Emiliani, pertencente a un posesor de nome Emilianus.
É curiosa a presenza deste topónimo nos catro concellos do Norte galego, Mañón, O Vicedo, Viveiro e Ourol, en canto non aparece no resto da Mariña e do Ortegal. Puido tatarse dun apelido máis común noutra época.

PUNTA DA ANCHOUSA, A (Covas)
Unha "enchousa" é unha unha "chousa grande", "finca grande cerrada ('chousada') con muro ou valado" (cf. DdD).

PUNTA DA ARNELA
, A (Faro)
Ver "A Praia da Arnela".

QUEIXADA (Boimente)
Este topónimo podería remitir á forma ou orografía do terreo. 
No entanto, dada a forma pouco característica que ten este terreo concreto, é máis probable que aluda ao alcume dun antigo posesor do terreo.O alcume "Queixada" xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

PUNXEIRA
, A (Boimente)
Ver "A Ponxeira".

RAIRO, O (Valcarría)
O "rairo" designa a "gabia pola que discorre a auga dun río ou un regato", e por extensión a "cale do muíño".
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outro Rairo en Muras e mais outro en Ourense, xa documentado en 1453 con ese nome.

RAMOS, OS  (Boimente)
O apelativo "ramo", do latín ramu 'póla". Os numerosos topónimos galegos "Os Ramos" son recollidos por G. Navaza, que o interpreta neste contexto como "lugar frondoso", ou tamén "lugar no que se aproveita a derrama das árbores para leña" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

RANDAMIL (Magazos)
De (uilla) Randemiri, forma en xenitivo de Randemirus, o nome do antigo 
posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Este lugar aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con este mesmo nome.
O Nomenclator rexistra outro Randamil en Couzadoiro (Ortigueira).

Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente eses nomes foron populares na Alta Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").


RAÑA, A (Magazos)
Unha "raña" costuma remitir a un lugar pelado e pedregoso. Segundo o DGPE: Raña, nome duns vinte lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc, cuxo sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal, sitio raído ou arrastrado pola acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras".

No dicionario figura "raña" con varios significados, dous deles válidos para un topónimo: "Terreo alto e de monte pobre". "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".
Rivas suxire para o topónimo unha raiz preindoeuropea *ra-, *ro- que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc (cf. E. Rivas "Toponimia de Marín"). Porén, Bascuas non fixo referencia a "raña" cando estuda os derivados da raíz indoeuropea *er- 'moverse, fluír', frecuente na hidronimia europea (E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.


RASAS, AS (Celeiro)
Topónimo que alude a "(terras) rasas", na acepción de "pequena chaeira".
En efecto, aínda que o adxectivo "raso" tamén ten a acepción de "sen cultivar, de vexetación baixa", xeralmente na toponimia é usado na acepción de "lugar de orografía chá".
X. Ll. García Arias fai a mesma interpretación na toponimia asturiana (cf. X.L. García, 1984. "Pueblos asturianos: el porqué de sus nombres").
No caso concreto das Rasas (Celeiro), queda preto do alto do Monte do Chao, que en efecto presenta unha zona chá no curuto.
Igualmente acontece co topónimo tautolóxico Chao da Rasa (Boimente).

REAL, O
 (Viveiro)
Este lugar aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  co nome REAL.
Na toponimia, Real deriva xeralmente do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As formas "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor para ríos. 

Noutros casos pode indicar posesión do rei, en particular o paso dun Camiño Real, vía de comunicación construída a cargo do Estado.

REBOIRAS (Valcarría, Boimente)
Do latín vulgar roboria, "carballo". 
Alén da toponimia, non se conservou no galego actual, excepto no caso de "rebolo", carballo que ten nas follas unha pubescencia branca, e tamén os carballos novos.
No dicionario de Aguirre "reboira" figura como ‘rebolta’ (camiño de volta, o máis longo).
Este lugar aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con este mesmo nome.


REBOREDO (Faro)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.


RECANTO, O (Galdo)
O dicionario define "recanto" como "recuncho, lugar apartado". Cf. DdD.

RECECENDE (Valcarría)
De *(uilla) Recesuindi, forma en xenitivo de Recesuindus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Aínda que non atopamos atestado este topónimo, si que o está o homónimo "Rececende" da Pontenova, que figura como Recessuindi nun documento do ano 935 (cf. p.309 de E. Flórez, "España Sagrada", tomo XVIII).

O Nomenclator recolle  distintas  solucións  do  antropónimo  Recesuindi: Rececende (A Pontenova), Rececendes (Antas de Ulla, Portomarín), Rececinde (Coristanco), Recesende (Baralla e Castroverde), Recesindes (Vimianzo), Requesende (A Laracha e Santiago de Compostela), Rexosende (Vilardevós) e Ricosende (Carballeda de Valdeorras).

REGA, A (Galdo -lugar da Trave, varios)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso". 
Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego, ver E. Bascuas aquí.

Aparece tamén atestado no Catastro de Ensenada para Covas (1753) outro sitio d'A Rega ao detallar os muíños existentes na parroquia.

REGO DE ARNALDE, O (Valcarría)
O termo "Arnalde" deriva de Arnaldi, forma en xenitivo de Arnaldus, nome de orixe xermánica. Debe remitir á antiga existencia nas proximidades dunha *(uilla) Arnaldi ou (agru) Arnaldi.


REGO BEIRIZ (Viveiro)
A forma do nome Beiriz pode remitir a un nomen possessoris, ou sexa, o nome do antigo posuidor da uilla (granxa, explotación agrícola), que estivese localizada ao pé deste rego.
Atópanse outros Beiriz na xeografía galega e portuguesa, todos eles correspondentes con núcleos de poboación, o que reafirma esta interpretación.
Dada a terminación en -riz, trátase dun nome de orixe xermánica; probabelmente un *(uilla) Viderici, forma en xenitivo de *Videricus (cf. aquí), aínda que autores como Piel deixan en dúbida o nome concreto (cf. p. 228 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II).

REGO DAS VARAS (Galdo, Magazos, Viveiro)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Magazos (1753), ao establecer os límites da freguesía:
                          .. "atravesando el arroio das baras" ...
Aínda que a orixe do termo "varas" non se poida rexeitar a transparente de "pau longo e delgado", poida que non teña relación e se trate dun topónimo de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derivan os numerosos topónimos "Vara" da forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. De feito, para este "rego das Varas", Bascuas indica que probabelmente se trata dun hidrónimo reinterpretado como apelativo (cf. p. 143 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

REGO DE MEIXOFRÍO (Covas)
Rego que nace en Manxofrío (Riobarba), lugar do que tomou o nome. É curioso que leve o nome Meixofrío, en canto que o lugar de Riobarba que o orixinou se chama agora Manxofrío.
Para máis detalles, consultar a información sobre ese lugar de "Manxofrío" no blog Toponimia do Vicedo.


REGO DE PADRÓN (Galdo)

Alusión ao lugar polo que pasa o rego. Ver "PADRÓN".

REGO DE XUDREIRO
 (Chavín, Valcarría)
Este rego está atestado no Catastro de Ensenada para Valcarría (1753) ao mencionar a existencia dun batán e sete muíños:
       ... "en el sitio de Ameneiral en el Rio do Judreiro"...
O termo "xudreiro" é adxectivo derivado de "xudre". Os apelativos "xudre", "zudre" ou "xurro" tén dúas acepcións: unha de "liquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, corresponde ao de "auga que escorre de chuvia, torrente".

Os apelativos "xurro", "xudre" e "zudre" teñen unha orixe  no tema *sei-dh-,  da raíz indoeuropea *sei- 'verter, chorrear, pingar'. B. Prosper confirma a presenza deste tema *seidh- na hidronimia europea (cf. p. 127 de B. Prosper "Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica". 2002).

REGO DO ARO, O (Viveiro Sta Mª e Stgo., Chavín)
Este rego está atestado no Catastro de Ensenada para Chavín (1753) como "arroio do aro".
O significado de "Aro" debe estar relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver entrada específica do blog Pena da Cataverna para máis detalles.

REGO DOS GATOS, O (Vieiro)
Probablemente sexa alusión expresiva ao cativo que é o rego, que o saltan os gatos.
Podería remitir a gatos monteses, mais é improbable, dada a cantidade de regos que aluden aos gatos, tal como outro REGO DOS GATOS en Xuances.

REGOMOZO (Boimente)
Composto de "Rego Mozo", onde "Mozo" aludiría ao alcume ou apelido do posuidor dalgún predio á súa beira.
Pode apelido Mozo é infrecuente en Galiza, aínda que puido selo antigamente. Xa figura como apelido e alcume a partir do séc. X (cf. CODOLGA).
Nicandro Ares apunta que o antropónimo Mozus está rexistrado en 1158, así como o apelido (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011).

REIBERTE (Valcarría)
De *(uilla) Raniverti, forma en xenitivo de Ranivertus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica. Foi analizado por J. Piel, en 'Notas de toponímia galega', 1953.

Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente os nomes desa orixe foron populares na Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Por outro lado, é de notar que, dada a existencia de varios "Rei-" probablemente derivados dun "Río-", Paulo Martínez indica que este Roiberte talvez viñese dun Río Verde, tal como Reibarba posiblemente proveña dun Ríobarba (cf. P. Martínez, 2018. "O Cartulário de Fiães enquanto corpus toponímico: acerca de alguns nomes de lugar na fronteira galego-portuguesa"). Xeográficamente é plausible, pois o lugar queda a 100m do Rego de Loureiro.

O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén un Reverte en Ribadeo, tamén situado preto dun río.

REQUEIXO, O (Galdo)

O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD), ou tamén "lugar apartado, nun recanto".
Estes topónimos, frecuentes na toponimia galega e moitos xa atestados na Idade Media, aluden polo xeral a recunchos ou recantos no terreo, por veces xerados por ángulos do río e outras veces remitindo a pregas e entalladuras montañosas. 
Neste caso trátase da segunda acepción de "lugar nun recanto", xa que se trata dun lugar relativamente chan situado nun triángulo entre montes relativamante altos.
No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. F. Bello, "Lexico, literatura y tradición oral en el entorno de las Médulas").

Segundo Bascuas, viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo"(cf. E. Bascuas, VERBA, 2000).

RIAÑO (Chavín)
Este lugar aparece no Dicionario de Madoz (1845-1850)  con este mesmo nome.

Deriva de *Rivu angulu 'ángulo do río', neste caso alude á confluencia ("ángulo") do río de Boimente co río Landro, tal como xa indicara Bascuas para este topónimo (cf. pp. 526-527 in E. Bascuas, 2008. "La hidronimia de Galicia. Tres estratos. Paleoeuropeo, celta y latino". In Estudios mindonienses. Nº 24).

Os topónimos Riaño, "Riaña, xunto con Rianllo, Riallo, teñen sido estudados entre outros por autores como o mencionado Bascuas e previamente Piel (cf. J. M. Piel, "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945), explicándoos como a evolución Rivu angulu > Riang'lo > Rianllo > Riaño, nunha evolución análoga á de ungula > unlla > uña. Así, por exemplo, o "Riaño" de León, documentado como Rianclo e Riangulo no século XI e que ficaba na cofluencia dos dous brazos do río Esla.

RILLEIRA, A (Viveiro)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén "respaldo do escano". Cf. DdD.
Pode interpretarse como a segunda acepción, pola orografía inclinada do lugar, ou tamén na primeira acepción como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
No entanto, dada a frecuencia da presenza deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe noutro termo de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *er- presente na hidronimia europea e estudado por Bascuas (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

RINXELA
, A (Vieiro)
Podería derivado de "renxer", "rechiar, tremer" (cf. DdD), nun significado de "lugar que renxe", do mesmo modo de derivación que "Pimpela" 'que pinga'.
No entanto, este lugar non está situado nun lugar alto onde sopre o vento, senón ao pé da ría, e sen ningún regato próximo que produza ningún son, polo que non parece encaixar a interpretación indicada.
Alternativamente, quedando no esteiro do río Landrove, é tamén posible unha orixe relacionada coa forma *re-/*ri-, da raíz indoeuropea *er- 'moverse, fluír', frecuente na hidronimia europea. 


RIÑEL (Chavín -lugar da Maraleixa)
Talvez de *(uilla) Rinieri ou Rainieri, forma en xenitivo de *Rainierus ou *Rinierus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.
Alternativamente, aínda que pouco probable, derivado de "riañelo", véxase "Riaño".

Río da GALLOSA (Covas)
O termo "Gallosa" pode indicar unha bifurcación no río, unha "forqueta", ou remitir á "abundancia de rochas", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'.
Ver blog Pena da Cataverna para máis detalles.
É importante notar que tamén se rexistra como "Río da Gaiosa", o cal nos podería levar a unha interpretación distinta, baseada nun alculme "gaiosa" 'alegre'. Porén, cremos que a existencia doutros topónimos similares, como "O Rego Galludo" en Ambosores, descarta esta interpretación alternativa, e que a transcrición "Gaiosa" reflexa soamente unha pronuncia con "yeísmo".

Río de LOIBA (Covas)
A interpretación do topónimo "Loiba" é incerta. A. Moralejo víao como variante de "lobia", e por tanto cunha orixe no proto-xermánico *laubjo 'paseo, pavillón, emparrado'.
Porén, os dicionarios de galego rexistran soamente "lobio", en canto que o femenino "lobia" non aparece. Esta forma en femenino, tal como ocorre en moitos outros casos (sacho/sacha), pode indicar unha maior dimensión. Podemos especular que, dada a situación do río, poidera ser que preto da desembocadura estivese cuberto por un emparrado.


Alternativamente, pode interpretarse como hidrónimo de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *(s)leub- 'deslizar'. En efeito, Krahe indicaba unha forma básica *lup- presente en hidrónimos ibéricos e europeos. Do mesmo modo, D. Kremer, dun paleoeuropeo *lupia, tal como interpreta a gravura rexistrada no distrito de Braga. Cf. aquí.

Río dos FOLES (Viveiro)
Este lugar está atestado como Rego dos Foles no Catastro de Ensenada para Viveiro (1753).

Debe remitir ao apelido ou alcume Fole dun antigo posesor  deste lugar. Como apelido deriva do alcume, que alude á caracterización física.  Este alcume xa está atestado no séc. XII:
- "conf. Munio Fol", 1156 (CODOLGA), 
- "ego Adefonsus Garcia, cognomento Fol .." 1164 (CODOLGA).
Tamén figura como apelido, aínda que non é frecuente nesta zona actualmente (cf. CAG).
Na toponimia o PTG rexistra igualmente unhas terras de Xanfol (Bandoxa, Oza-Cesuras).

Alternativamente, non se pode descartar que aludise a algún feito anecdótico, pero é máis improbábel.

Río LANDRO (Chavín)
Podería vir do céltico *landa- "terreo cultivado" (cf. aquí), ou da relacionada raíz indoeuropea *lendh- 'campo aberto, matorreira', ou da tamén raíz indoeuropea *lendh- 'húmedo, fonte', segundo D. Kremer (cf. aquí).
J. J. Moralejo relaciona o topónimo co adxectivo céltico *londos 'bravo, salvaxe' ou co galego "landra". Por outro lado, Miguel Costa lígao co celta *landa 'campo aberto, braña, matorreira', e  indica que a verba landa deuse en Galiza:
'...pumares fructiferas, devesas landiferas, senras, pastis...'. 
En efecto, semella plausible a orixe en Lándaro, co sufixo átono -aro, que se dá en nomes similares como en "Lóngara" (cf. MurasBarreiros, etc).

Río LANDROVE (Landrove)
O topónimo Landrove, referido á parroquia, xa figura atestado en 1128:
  'Iohannes de Coua, Sancta Maria de Goaldo, Sanctus Iulianus de Landroue, Sancta Eulalia de Mirel, Sancta Maria de Auriol ' (cf. CODOLGA: Mondoñedo 1128). 
Máis tarde,  en 1631, figura atestado en castelán como "Landobre" no "Censo de la Sal".
No século XVIII atopamos a localidade atestada como "Landróbe" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

A interpretación máis común é derivalo dun *Landrobre, co sufixo céltico -obre 'castro'. Deste modo, significaría algo como "Castro ao pé do río Landro". Esta é a hipótese de J. Moralejo (cf. aquí). Tamén é a de Miguel Costa (cf. Frornarea), que o deriva de  *Landarobris ou *Landrobris
Por outro lado, é tamén posíbel unha orixe hidronímica, nun composto Landro + ove , onde "Ove" derivaría do tema hidronímico antigoeuropeo *up-, presente por exemplo no río Ove (Ribadeo), e por tanto *"Landro Ove" significaría "río Landro".
É importante reparar na existencia nas Somozas dun lugar chamado "Ponte Landrove", que poida remitir ao apelido, pero tamén pode indicar que "Landrove" foi  o antigo nome do río que o cruza. Igualmente, existe en Burgos un afluente do Ebro chamado "Landravejos", coa  terminación diminutiva -ejos. Tendo en conta que o uso dos diminutivos é moi comúns na hidronimia e que este río pasa ao pé da vila de "Lándraves", inférese que o río se chamou Lándraves, e atopamos, xa que logo, un hidrónimo da mesma familia, que nese caso tería a partícula -aves, partícula tamén da mesma raíz hidronímica segundo Bascuas (cf. Bascuas, 2006). É de notar que Lándraves xa figura así atestado en  1187, nun privilexio de Afonso VIII en favor do abade de Quintanajuar (cf. R. Menéndez Pidal, 1919. "Documentos Lingüísticos de España. I, Reino de Castilla").

Canto a "-ove", lembremos a existencia do río "Ove", en Ribadeo, que tería a mesma orixe ( o mesmo que acontece co "Eo" < Éuue). En efecto, este tema *up- foi estudado por múltiples autores, como E. Bascuas (cf. E. Bascuas, 2006 "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia":191 e ss.). Aínda na actualidade, upe significa 'río' na lingua lituana. Por tanto, "ove" indicaría "río" ou "regato". 

RIQUIÁN (Covas)
Este núcleo de poboacion figura atestado no século XVII, como "Requián", formando parte das posesións dos dominios territoriais do Priorato de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago) (cf. p. 178 de C. Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986). 

Procede dun (uilla) Rechilani, forma en xenitivo de Rechila, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica, o cal
 non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente os nomes desa orixe foron populares na Alta Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

ROCHA, A (Viveiro)
ROCHA, A (Magazos)
ROCHA, A (Landrove)
ROCHA, A (Chavín)
ROCHELA, A (Chavín)
Topónimo transparente. Tanto "rocha" como "roca" son sinónimos de "penedo". 
No caso da Rochela, atopamos a forma en diminutivo mediante o antigo sufixo -elo (< latín -ĕllŭs).
É interesante ver como a toponimia testemuña o uso do apelativo "rocha", sen uso na fala actual da comarca

ROUFELLE (Celeiro)
Alusión a unha *(uilla) Roufelii, forma en xenitivo de Roufelius, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica.


ROZADA, A (Boimente)
Lugar onde se houbo actividades de "roza" (operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo).

RUBÁS (San Pedro de Viveiro -lugar de Valdemirós)
Os topónimos Roibás, Rubiás e Rubás correspóndense coas formas en plural do adxectivo roibal/ 
rubial/rubal 'de cor que tende a roiba'.
Trátase do plural de "Rubal". O adxectivo "rub(i)al" ou  "roibal" refire a unha cor "tirando a roiba". Os topónimos "Rubiás", "Roibás", "Rubás" son relativamente frecuentes, incluíndo as variantes Rubiás, Rubial, Rubela.

Orixinariamente puido aludir á cor das terras ou a unha variedade de castiñeiro, maciñeira, pereira ou outras árbores. Como varietal de castiñeiro xa está atestada na Idade Media (cf. X. F. Fernández, 2022. "Do monte, das aveas, dos castiñeiros, dos pomares e doutras froiteiras:contribucións para a historia agraria de Galicia").

Este tipo de adxectivación é común na toponimia, tanto relativo a terras como tamén a varietais de  árbores, tal como acontece con topónimos como os Verdeás, Verdeal referidos á cor verde en xeral ou, máis probábel a varietais de castiñeiros e outras árbores, ou os Albar, Albarello referidos á cor branca. 

Alternativamente, podemos interpretar que  remitise a "(terras dos) Rubás",  terras pertencentes a unha familia co apelido Rubal. 

Existe outro núcleo de poboación de igual nome na Rigueira (Xove) e en Barreiros. 

RUBEIRA (Landrove)

RUBEIRA, A (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Adxectivo caracterizando unha terra como de color tirando a ruba. Ver RUBÁS para máis detalles.
Alternativamente, de rubir "subir", "aganchar". Rubeira significaría algo como "aganchadoira", "trepadoira".

SABOIA (Magazos)
Este lugar figura xa con este nome no dicionario de Madoz (cf. P. Madoz, 1845-1850. "Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar").

É un topónimo único en Galiza, e é moi probábel que se trate dun topónimo "importado", o mesmo que aconteceu con Pénjamo ou Malagón.
En efecto, o reino de Saboia, existiu e tivo relación coa nosa xeografía xa desde a Idade Media (e.g.  séc. XII, Mafalda de Saboia, muller de D. Afonso Henriques). Nos tempos de Carlos V, Saboia era unha zona xeográfica de colisión dos intereses cos de Francia. Puido por tanto tratarse dunha referencia bélica, o mesmo que debeu acontecer no caso das Alpuxarras (As Negradas, O Vicedo) ou Peníscola (Ortigueira).
O mesmo aconteceu no caso de Sabóia (Odemira), no sur de Portugal, que foi outra transferencia de topónimo, nese caso figura atestado, no foral concedido por D. Afonso III a Odemira en 1256.

Poderíamos pensar se garda relación co rei español Amadeu de Saboia, mais o feito de estar atestada no dicionario de Madoz, anterior a este rei, descarta esta relación.

Alternativamente, aínda que improbábel, podería tratarse dun alcume. A voz "saboia" é unha das rexistradas no galego, xunto con saboga e piarda, para un peixe pequeno. Porén, descoñecemos que se usase nesta zona, onde está rexistrado "sabogo", incluso o topónimo costeiro Taro dos Sabogos (S. Martiño de Mondoñedo, Foz).

SACIDO (Covas)
Referencia a un lugar no que abundan (ou abundaron) os salgueiros. A súa orixe
 etimolóxica é no latín vulgar *salicitu, formado a partir da base latina salice 'salgueiro'.
É un topónimo bastante frecuente, así o Nomenclator rexistra outros nos veciños concellos de Xove, de Burela e do Vicedo.

SANTEIRA, A (Galdo)
Este topónimo debe remitir ao alcume da antiga posesora do lugar. Esta é tamén a opinión do filólogo 
Antón Palacio (cf. A. Palacio, "Antropónimos en topónimos galegos" in Verba 75, 2017).

Tampouco se pode descartar que aluda a un lugar propiedade dun posesor chamado Senteiro (derivado de Sentarius). Lembremos a existencia do topónimo Santar (uilla Sentarii). Se for así, sería un caso análogo a terras chamadas "Balteira", aludindo a un posesor chamado Balteiro. 

SARNELAS (Vieiro)
Poderíamos pensar nunha reinterpretación dun "As Arnelas" (cf. "A Praia da Arnela").
Está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía. No entanto, rexístrao de tres formas, tanto como Sarnelas ("en el molino que llaman de Sarnelas"), máis adiante como "Arenelas" ("molino de Arenelas") e finalmente como "Arnelas" ("al sitio de Arnelas"). No Catastro de Ensenada para Stgo e Sta Mª de Viveiro (1753) está atestado como "sitio de Sarnelas".

SARTÁN, O (Celeiro)
O adxetivo "sartán" refire a un ‘terreo pouco fondo, con exceso de humidade, pouco produtivo e de mala calidade’ (cf. DdD). 

O Sartán trátase, por tanto, de "O (terreo) sartán". Pola comarca hai máis Sartán, como e.g. nas Negradas.

SEARA, A (Chavín)
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo".  
A voz "seara" designa ‘sementeira de cereal’, 'monte de rozas no que se cultiva centeo', así como o de "pedazo de terra cultivada".
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara.

Ambas as dúas formas,"Seara" e "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que, tanto na parroquia de Chavín (Viveiro) como na de Portocelo (Xove), na de Insua (Ortigueira), conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

SEIXO BRANCO
 (Vieiro -lugar da Silvarosa)
En xeral, a voz "seixo" designa un "tipo de rocha xeralmente branca e moi dura" (cf RAG).
Na toponimia, cando está en singular, remite a pedrafita ou penedo, que serve de marco. Como exemplo, atopamos no Catastro de Ensenada de Foz (1753), ao definir os límites desa freguesía: 
".. siguiendo por la vega de Escanlar a un Seijo blanco que en ella se halla .."

SENRA
, A (Chavín, Landrove)
Ver "SEARA".

SEQUEIRO (Covas)
Topónimo que  alude  á  antiga  presenza  no  lugar  dun  sequeiro,  lugar para  secar  produtos  agrícolas,  moitas veces castañas, que pode tratarse d
unha  construción ou tamén, en ocasións, dunha instalación ao aire libre.

SERNANDE (Chavín)
De (uilla) Sisenandi, referindo ao posesor medieval medieval da uilla ("casal, granxa"), chamado Sisenandus, nome de orixe xermánica.
A transformación de -sn- para -rn- é un fenómeno coñecido no galego e no portugués (cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa":382 in "Boletim de filologia", Tomo III).

É importante notar que, aínda que non corresponda na actualidade cun núcleo de poboación, é  probable que o fose, tal como acontece polo xeral neste tipo de topónimos, polo menos en Galiza.

SERRÓN, O (Covas, Galdo, Landrove)
Un "serrón" nestes casos é en sentido figurado, significando "montaña apuntada e larga".

SEUSVALADOS (Viveiro)
Deturpación dun topónimo "Susvalados",  forma composta de "su os valados", indicando un lugar pegado aos valados, ao pé dos valados, pola parte de baixo - apreposición "su" indica "situado a carón de, ao pé de".

É curiosa a reinterpretación que tivo lugar; este topónimo tamén é usado aínda coa forma correcta "Susvalados".

SILVAROSA, A (Covas, Vieiro)
Probablemente teña orixe no latín Silva hederosa, "bosque con hedras". De feito, na Fonsagrada o PTG rexistra un "Silvadrosa", moi probablemente con esa orixe (cf. Piel). Esta é tamén a opinión de Navaza para este topónimo (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia Galega").
Tampouco podemos descartar que se trate dun adxectivo con dobre sufixo abundancial, indicando un "lugar onde abundan as silvas". Aínda que os dicionarios non rexistran este termo (o habitual sería "silveira" ou "silveiral"), si rexistran "silvaral", polo que silvarosa quedaría igualmente explicado, sendo ambos, -al e -osa, dous sufixos abundanciais, o cal ocorre noutros topónimos.

SILVELA
, A (Faro)
O termo "silveira" neste caso non correspondería coa planta chamada actualmente "silva", senón co significado orixinario en latín de silvella 'pequena fraga'.

SIXTO, O (Viveiro)
Primeiramente indicar que, tendo en conta tanto a súa pronunciación real como a súa etimoloxía, debería ser escrito "Sisto", pois "Sixto" é con toda probabilidade,  
tal como veremos agora, unha ultracorrección por "etimoloxía popular".

En efecto, os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome tan pouco atestado.

Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva (cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que leva a rexeitar esta hipótese.

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOBRADO (Faro, San Pedro de Viveiro)
O apelativo "sobrado" refire no galego actual ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". Esta voz procedería do latín superatum, ou superadditum 'engadido por riba'.

Na toponimia, Sobrado alude á unha "(casa de) sobrado", ou sexa, casa de dous pisos.
En efecto, Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, concluíndo que se refire a un tipo de construción enteira, caracterizada por posuír dous pisos, en oposición ás "casas terreas" que soamente posúen un (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil"). 
Igualmente, no norte de Portugal tiña o mesmo uso, diferenciando "casas de sobrado" das "casas terreiras", dun único piso. Así, por exemplo,  aínda no S. XVI figura na documentación antiga do norte portugués :
 *  "Item huma caza de sobrado telhada com sua varanda pera o poente  .."
 *  "Item huma caza de sobrado colmassa .." (cf. Tombo da Igrexa de S. Miguel de Lousada de 1542)

Xa J. M. Piel interpretara "sobrado" dun modo similar, aínda que coa diferencia de a ver como casa de certo lustre, "residencia máis ou menos fidalgas", pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala). Cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953).
Algúns autores téñeno interpretado no sentido de 'sitio alto, eminente, que sobresae'. Así, I. Millán defíneo como "terra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987).
Finalmente, indicar que tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de suberatum, tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

É un topónimo frecuente en toda a contorna, presente en Ourol, Viveiro, Xove, Foz, Muras.

SOLLOSO, O (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)

Topónimo que remite a un (terreo) solloso ("soleado"), lugar abrigado onde dá o sol, situado no lado sur dunha montaña ou dunha encosta.
Aínda que máis improbable, tampouco se pode descartar unha orixe alternativa en relación a un elemento da hidronimia prerromana *sal- ou *sol- . De feito, existe o "río Solloso", afluente do Sor.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outros "Solloso" no Valadouro, no Vicedo e  nas Pontes.

SOUTO, O (Galdo, varios)
Do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". O dito popular "saír dun souto e meterse noutro" parece que refire á acepción orixinaria do termo.
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza.
O lugar d'"O Souto" pertencente a Galdo está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) como "San Miguel de Souto" (aínda se conserva a ermida desa advocación), e era unha parte separada con xuriscición independente. Deveu conformar un couto, de aí que un dos límites de "San Miguel de Souto", seguindo o citado Catastro, eran as "Portelas do Couto", que referiría a un dos puntos de entrada para este lugar.

SOUTO DA REDONDA, O (Viveiro)
O significado directo podería explicar este topónimo: un "souto" (ver "O SOUTO") de forma "redonda".
Porén, cremos que aplica mellor outra acepción do termo "redonda", co significado de "zona ou territorio que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros (cf. P. Martínez, 2010, na súa Tese de doutoramento).
Outra acepción posíbel do termo "redonda" é a que indica E. Rivas: "zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".

SOUTO DAS TRAVES (Valcarría)
Ver O SOUTO, e A TRABE.

SOUTULLO (Covas, Chavín)
Forma derivada de "souto", co sufixo diminutivo-despectivo -ullo (do latín -uculum), presente noutras voces como pedrullo (cascallo) ou cadullo (latín capituculum), así como en topónimos como "Montullo". 
O dicionario de Eladio Rodríguez recolle de feito "soutullo" como "souto pedregoso formado por altibajos y desigualdades".
Ver "SOUTO  para máis detalles.

SUASBARRAS (Covas, Valcarría)
Composto de "Su as Barras" 'ao pé das barras', 'pola parte de baixo das barras'. 
Canto a "barras", tería o significado de "bancos de area na entrada do río". Aínda que improbable, alternativamente tamén podería ser "parras, emparrados" (cf. DdD).

SUEIROS (Galdo)
Terreos da familia dun antigo posesor chamado (ou apelidado) "Sueiro",  antropónimo de posible orixe xermánica (HGN 259.1).

SUMORGADE (Boimente)
Forma composta de "su Morgade", indicando un lugar pegado a Morgade, pola parte de baixo (a preposición "su" indica "situado a carón de, ao pé de").
Para "Morgade", ver a entrada correspondente.


TAFONA, A (Magazos)
Este lugar vén recollido no Catastro de Ensenada para Magazos (1753) ao mencionar os límites da freguesía:
..."al rio da Cabandela y por este hasta la taona de Fco. Paz de Junqueira que sirve de moler casca o corteza para curtir pieles"..

Vemos, xa que logo, unha acepción nova para "tafona", que en xeral remite a un muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou múo), e tamén o de lugar onde se coce e vende o pan. Deriva do árabe tahuna "moa do muíño; muíño". É unha das poucas palabras patrimoniais de orixe árabe existentes no galego.

TARABELOS, OS (Chavín)
Talvez derivado do alcume dun posuidor: tarabelo significa, entre outros, "veleta", "toleirán", voluble. É a mesma voz que "trabelo", tendo este sentido figurado pola "mobilidade" da trabelo que tranca e destranca a porta.

Podemos interpretalo no sentido literal, como trabelos, o diminutivo trabes, remitindo a un conxunto de árbores propias para derivar delas uns trabelos (vigas pequenas).
Tamén Nicandro Ares derívao do diminutivo de "trabe" ou tamén do latín terebra 'trade' (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011). 
Porén, estas interpretacións derivadas de trabe non explican a coincidencia da súa ocorrencia en topónimos referidos a lugares altos, como a "Pena das Tarabelas" en Muras, onde o significado "outeiro, pena" si que é confirmado, ou "O Alto da Tarabela" en Riós.
Considerando o anterior, podemos pensar nunha orixe antigoeuropea (pre-céltica), da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". De feito, esta é a hipótese de E. Bascuas para este topónimo --aínda que tamén admite a posibilidade de ser un alcume, (cf. p. 281 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).

TARANCOS (Galdo)
Topónimo relacionado co termo galego "tara" 'releve rochoso'.
O filólogo E. Bascuas analizou os topónimos "Taranco", "Tarancón", que inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, e derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar", co sufixo prerromano -anko (cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia", 2006).
É un topónimo relativamente frecuente; así, existe "O Taranco" no Viveiró, en Frexulfe e en Silán.


TELLEIRA, A (Landrove, Magazos -lugar de Bimbial)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

TEMORAL, O (Chavín)
Forma derivada de "témora" (do latín tremula), lugar húmido que "treme" pola existencia de lama na terra.

Este topónimo foi analizado por Bascuas, e relacionao co galego "tremer", asignándolle a mesma idea de "tremedal". Cf. p. 102 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Talvez o topónimo "Temuído", existente na Balsa (Muras), teña similar orixe.


TEIXEIRO, O (Celeiro, Galdo, Boimente)
"O Teixeiro" de Celeiro é tamén chamado "A Pena do Teixeiro".
O apelativo "teixeiro" tén dúas acepcións. A primeira, talvez máis probable, é a de sinónimo de teixido, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata'). Alternativamente, é tamén un lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos"(cf. DdD).

TERCIAS, AS (Landrove -lugar da Croa)
Derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou tamén referido ao terzo da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
É un topónimo moi frecuente en Galiza, así atopámolo por exemplo en Mosende e Bares.


TILLEIRA, A (Boimente)
O Catastro de Ensenada para Chavín (1753) atesta este lugar ao mencionar os límites da freguesía:
     ..."Camino da Chavella y de alli al marco da tilleira al de cotelas"...
Este topónimo remite a un lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

TOMBA DA SERRA, A (Galdo -lugar das Penas da Serra)
O termo "tomba" neste caso podemos asumir a acepción de "lomba, ribazo", aínda que non podemos descartar a relativa a "tumba, túmulo".

TORA
, A (Covas)
O prestixioso E. Bascuas analizou este topónimo, dun tema hidronímico *tur- de orixe paleoeuropea (pre-céltica), derivada da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Bascuas rexeita a relación coa raíz homónima *tur- relacionada con orónimos (cf. p. 307 de E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
Cremos extremadamente improbábel a orixe no patronímico Theodora, que Nicandro Ares postula, pola extremadamente baixa presenza de antropónimos femeninos en núcleos de poboación. De feito, xa a postula con interrogantes (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I). 

TORRE
, A (Celeiro, Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín, Landrove, San Pedro de Viveiro, Valcarría)
O termo "torre" nestes topónimos non se refire estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.
Menéndez de Luarca (2000: 233-234) considera que case todos os 456 topónimos de "torres" poden ser atribuídos ao final da Idade Media (séculos XIV-XV), pois, aínda que algúns sexan de orixe máis antiga, serán reaproveitados con gran frequencia no final da Idade Media.

TRABE
, A (Galdo)
É probábel que os frecuentes topónimos "A Trabe" 
remitan a unha árbore corpulenta da que se pode obter unha boa trabe (viga), un uso como sinécdoque. Temos por exemplo en Valcarría un "Souto das Traves" que alude claramente a esta acepción de trabe.
Igualmente en portugués, "trave" significou "não só madeiro, mas também árvore que dá madeira”, cita Silveira toponimos como "Vale da Trava" e "Vale das Traves" (cf. J. da Silveira, 1940 “Notas sôbre a toponímia do concelho de Nelas”, O Instituto, vol. 97, nº 5). 
Así mesmo, para a toponimia leonesa, Pascual Riesco indícanos que "trabe" tamén se poder referir á ‘árbore productora de vigas’, poñendo o exemplo de Vila-Real
de Tras-os-Montes, onde "trabota" é un ‘castanheiro novo, delgado e direito’ (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Por outro lado, Bascuas apuntou que podería ter nalgúns casos relación co tema paleoeuropeo *traw-, presente en hidrónimos, cun significado por veces similar "a charca", e derivado da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'. No entanto, o termo "trabe" admíteo con dúbidas, ao non poder separar os casos relativos a hidrónimos daqueles, aínda que improbables potencialmente existentes, que derivarían do latín trabs/trabis 'viga', o significado "viga" en topónimos (cf. E. Bascuas, 2006.  "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia": 329). 
Se examinamos os topónimos "Trabe" existentes en Galiza, dáse cunha alta frecuencia en hidrónimos (Poza da Trabe, Río da Trabe, Val da Trabe, Val das Trabes, Fonte das Trabes), o cal parece afirmar a relación de "Trabe" con hidrónimos.

TRASPOSTA
, A (Viveiro)
Lugar situado "tras da posta". Unha "posta" era un lugar de parada situado nas estradas e camiños, onde antigamente remudaban os cabalos das dilixencias, correo, etc.

TRAVE
, A (Galdo -lugar da Trave)
TRAVES, AS (Valcarría)
Ver "A TRABE".

TRONOS (San Pedro de Viveiro)
O filólogo E. Bascuas analizou este topónimo, que inclúe con certas reservas entre os de orixe paleoeuropea (pre-céltica), e deriva da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Descarta calquer relación co apelativo "trono" por non ter sentido nun topónimo (cf. p. 342 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia", 2006).


TURBAÑO, O (Boimente -lugar do Buio)
Significado e orixe incerta. Pode provir do tema paleoeuropeo (pre-céltico) *turb- ou *turw-, relacionado con hidrónimos e derivado da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar" (cf. p. 324 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
É importante destacar que a terminación -año aponta a unha antiga terminacion -an-io, incluíndo o sufixo -io, frecuentemente relacionado con hidrónimos prerromanos. Isto reforza esta hipótese.
Porén, tampouco se pode descartar que derive do latín turba, ou incluso do galego "turbar".


UCHEIRAS
, AS (Valcarría, Boimente -lugar da Lama)
As ucheiras son as "pedras do forno". Talvez estea referido aos esteos (pedras laterais) dun dolmen, por veces tamén referido como furna ou "furna dos mouros".
Canto á etimoloxía, pode derivar do latín ostia 'porta', aínda que indicando "porteiras" nun significado distinto. 


VACARIZA, A (Vieiro) 
O Catastro de Ensenada para Stgo e Sta Mª de Viveiro (1753) atesta este lugar ao mencionar os límites da freguesía:
     ..."Camino Real da Silbarrosa al llegar al campo da Bacariza"...

O termo "vacariza" é recollido polos dicionarios de galego co significado de "curtidoría de peles" (cf. DdD).

VAL DE FLORES (San Pedro de Viveiro)
Aínda que descoñecemos documentación antiga que o probe, pode tratarse dun *"Val de Froila", pois moitos "Flores" existentes actualmente na toponimia galegas remiten ao patronímico de orixe xermánica Froila. Cf. aquí.
Nicandro Ares indica como posibilidade o patronímico Flores ou Flórez, derivado dun Florius. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011. Non se explica por qué non evolucionou para Choiro, tal como ocorreu nos casos análogos de Chorente, Chavín, Chorexe, etc. Talvez fose un nome reintroducido despois do paso fl->ch-, aínda que non hai probas ao respecto.


VALDEMIRÓS (San Pedro de Viveiro)
Este lugar está atestado no ano 1396 nos Documentos da catedral de Lugo:
      ".. fiigresia de San Pedro de Viveiro enno lugar hu chaman Vilar de Miroes, .."

Xa tres séculos despois figura como "Baldemirós" no Catastro de Ensenada para Viveiro (1752), ao relatar o único muíño existente na freguesía:
            ... "al sitio de Baldemirós" ..

Debe proceder por tanto dun Uillare Mironis, sendo Mironis a forma en xenitivo do nome persoal Miro, nome de orixe xermánica (que tamén tiveron algúns reis suevos).
O Nomenclator rexistra varios topónimos "Mirós" en Galiza: un en Cartelle (Ourense), outro en Riós (Ourense), outro en Valdoviño (A Coruña).

VALGUETA, A (Galdo)
Diminutivo de "valga" (do latín vallica), o cal pode remitir a unha valgada, un vale suave, un lugar en forma de val, entre dous montes.

VASOIRAL, O (Valcarría)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Chavín (1753) ao mencionar os límites da freguesía:
     ..."rio abajo a la Barcia do batan al rego do Basoiral y al dos malates"...
Igualmente no correspondente a Valcarría menciona como linde a "Pasada do Basoiral".

O significado do topónimo alude a un abundancial de "vasoira". É un unicum na toponimia. Debeu indicar, por extensión de "vasoira" para "xesta", un lugar poboado de xestas, un xestal.
Nicandro Ares dálle a obvia mesma orixe, aínda que a interpreta como "basura, vertedeiro" (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).

VELLEGAL, O (Chavín)
"Bellegal" ou "Vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto. Cf. DdD.


VENTOSELLE (Covas)
Derivado de (uilla) Uendosildi, que remite ao antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). O topónimo deriva da forma en xenitivo dun posesor medieval chamado *Uendosildus ou chamada 
*Uendosildi
É un nome de orixe xermánica, coa típica formación bitemática xermánica, neste caso a partir do tema vened-, do protoxermánico *wenedaz "escravo" e do tema -ildi de *heldjō "batalla" , con infixo -s- (tal como ocorre en Regisille, Vistresille, etc).

VICÁS, OS (Valcarría)
Ver "BICÁS".


VIEIRO (Vieiro)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como tamén de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
 No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que este derivado venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro" (cf. p. 139 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).
É interesante notar que esta interpretación é coincidente co uso en portugués antigo  (s.v. "vieiro", in Viterbo, "Elucidário", 1798).
En resumo, "Vieiro" debe indicar, por tanto, unha explotación mineira, neste caso probablemente  de ferro, dada a súa proximidade coa antiga explotación mineira da Silvarosa. 

Na nosa opinión, debe descartarse a interpretacón de Nicandro Ares como derivado de viarius "referido a vía, camiño, verea", así como a de asocialo ao antropónimo Viarius (cf. p. 835 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011).

VIGO (Landrove)
Este topónimo, frecuente en Galiza, provén do latín vicus 'aldea'
 e remite a un asentamento semiurbano ou rural sen fortificar (cf. F. Pérez Losada: «Entre a cidade e a aldea. Estudio arqueohistórico dos “aglomerados secundarios” romanos en Galicia»: 26-34, in Brigantium, 13).

A voz "vigo" non tivo continuidade no galego, por tanto estes topónimos deberon conformarse nun marco cronolóxico antigo, máis ou menos acotado. En efecto, deberon ser asentamentos anteriores ao século IX, xa que na documentación coñecida a partir desta data non parece atoparse referencias posteriores a vicus, senón que se fala de uilla ou uillare,e máis tarde tamén de casale
Por outra banda, a súa orixe non debe ser anterior ao século III, pois foi entón cando comezan a estenderse este tipo de asentamentos aldeáns polo Noroeste (cf. José C. Sánchez, 2008."Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media" : 78).
En resumo, o seu interese arqueolóxico pode ser importante, ao referenciar poboamentos abertos fundados nunha época coincidente co abandono dos castros.

O reparto maioritario destes topónimos nas provincias da Coruña, Lugo e no occidente asturiano é relacionado por algúns autores cos modelos sociais existentes antes da conquista romana. Ao sur de Galicia –con continuidade a Portugal– existen dende o século II a. C. grandes uillae de ata 20 hectáreas, integradas en redes comerciais que ligan co Mediterráneo e cunha acentuada hierarquización social (González Ruibal, 2006: 410-419). Por outra banda, ao Norte e tocando parte do occidente asturiano, atopariamos unha poboación non hierárquica, con pequenas poboacións e que evita a aparición de núcleos territoriais como os do sur (cf. A. Menéndez Blanco, 2015. "Toponimia ya arqueoloxía: dalgunos apuntes sobre’l sou usu complementariu a partir d’experiencias investigadoras na Asturias occidental": 92-93).

VILAMARCOL (Magazos)
Este topónimo foi estudado por J. Piel, que o deriva de Uilla Mercurii, forma en xenitivo de Mercurius,  o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval que tería sido establecida neste lugar. É un nome de orixe latina.


Alternativamente, Piel tamén indica a hipótese de Uilla Marculli, dun posuidor chamado Marcullus. No entanto, Piel cre que a primeira opción é máis probábel, por ser daquela Mercurius más frecuente (cf. J. M. Piel, 1984. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", in "Verba" 11).

VILAMEÁ (Valcarría)
Do latín Uilla Mediana, remitindo á súa situación
 equidistante de algo.
A equidistancia referida puido ser entre o castro de Lourido (preto do Polígono de Chavín e da igrexa) e mais o Castro de Arriba (este xa no límite coa freg. de Santo Isidoro do Monte). Ambos os dous castros quedan na freguesía de Chavín. É especialmente interesante o feito de que a forma un tanto estraña da freguesía de Chavín pode ser explicada polo agrupamento de tres castros: os dous mencionados e mais o castro que queda preto da Torre, xa na zona suroeste, preto da freguesía de Xerdiz.

VILAR, O (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín, Covas, Galdo, Magazos)
VILAR DE ARRIBA, O (Covas, Galdo)
VILAR DE ABAIXO, O (Covas, Galdo)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). 

É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.
Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Rivas Quintas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. DdD.

Para o caso d'O Vilar pertencente a Galdo, figura atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía, e rexistra a existencia dunha xurisdición independente para este Vilar.

VILANOVA (Galdo)
Este topónimo corresponde na actualidade cunhas terras situadas ao noroeste de Guistilán e ao oeste do Rego de Bravos.
O nome remite á antiga existencia dunha uilla medieval (granxa, expotación agraria) existente neste lugar, que nalgún momento sería unha uilla "nova". No 1309 está atestado este lugar como Villanoua, nun documento que o bispo afora a metade dete casal, situado nas parroquias de Galdo e Landrove,  en 250 marabedís anuais. No mesmo documento manda construír unha ponte no "río dos Antes", que se corresponde co actual rego de Bravos, ao seu paso polo dito lugar (cf. E. Cal, 1991. “De Viveiro en la Edad Media”: 98-103, in Estudios Mindonienses, nº 7).

VISO, O (Boimente)
O topónimo "Viso", frecuente en Galiza, alude a un lugar elevado, con boa vista, tal como na realidade acontece con este lugar.


VIVEIRO (Viveiro)
O topónimo "Viveiro" debeu aludir a un lugar onde había un viveiro de árbores ou plantación.
Aparece atestado nun documento do Tombo de Lourenzá do ano 969:
".. in terra Uiuario Veiga de Ferriol cum suis adiunctionibus..." (cf. CODOLGA).

VIZOSA, A (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
O dicionario define "vizoso" como "frondoso, fértil, vigoroso", o cal encaixa para un terreo.
Por outro lado, pode tratarse simplemente da referencia ao apelido dun antigo posesor. É unha construción típica na toponimia, que se adxectiva o nome para indicar o posesor. 
O apelido "Vizoso", xa figura atestado en Galiza no século XIV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). De feito, segundo o CAG, é un apelido frecuente na Mariña.

XANÍN (Galdo)
Debe tratarse simplemente dun hipocorístico (nome afectivo) de Xoán, remitindo ao antigo posesor deste predio.

Por outro lado, aínda que non corresponda na actualidade cun núcleo de poboación, non se pode descartar que proveña dun antigo (uilla/agru) Sanini, sendo Sanini a forma en xenitivo do nome dun posesor chamado Saninus, nome rexistrado na Idade Media en Galiza (cf. Toxostoutos). 

XARAL, O (Landrove)
Terras de "xabre" (terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). Na comarca, existen outros "Xaral" nas Negradas, nas Grañas do Sor, Muras, etc. Tamén "xuxarrido", de "xarrido" en Bares.

XARDÍN, O (Galdo)

Significado transparente; probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados). Posiblemente o sentido figurado fose positivo, de estar situado ao abrigo dos ventos e orientado para o sur.
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo
, 1979. "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II).

XIMARÁ, A (Vieiro)
XIMARÁS (Chavín -lugar das Cabeceiras de Chavín)
Topónimo orixinado en (uilla) Uimarana, remitindo ao nome do posesor da uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval Uimara, nome de orixe xermánica. Esta hipótese, aínda que poida resultar estraña a evolución, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra varios Ximará, como en Xuances, e moitos topónimos similares, como Ximarás en Muras, Alfoz e Cospeito. De orixe similar atópanse Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade
Pena de Ximarao, en Cedeira, etc.

O Catastro de Ensenada para Stgo e Sta Mª de Viveiro (1753) atesta A Ximará ao mencionar os límites da freguesía de Viveiro:
... "sitio do areal y de alli por dicho rio al de Jimara, a la Peña do Osso "...

XIMARREIRA
, A (Galdo)
Está atestado no Catastro de Ensenada para Galdo (1752) ao establecer os límites da freguesía:
                     .. "enel marco que se halla en el lugar de Jimarreira" ... 
Tendo en conta que o topónimo "As Ximarreiras" existente no concello de Xove corresponde a unha ladeira/encosta, parece plausible asignarlle un significado relacionado con "sima", no sentido de "precipicio".
Esta hipótese tamén parece confirmarse neste caso de Galdo, onde hai un terraplén moi próximo ao lugar.


XOTA
, A (Vieiro)
 A voz "xota" designa un vástago, un brote longo e dereito de árbore (cf. DdD), mais tería pouco encaixe nun topónimo, excepto t
alvez como alcume dun antigo posesor do lugar ("dereito como unha xota").
Podería tratarse dun hipocorístico de Breixota, tamén existente na toponimia ou tamén, máis probábel aínda, que proveña dun nome de posesor Xote, que sería reinterpretado a Xota por etimoloxía popular.
Se a orixe fose nun Xote, este nome de persoa xa figura atestado a comezos do séc. XI:

[...] Nando ts., Pelagio ts., Iusto ts., Leovigildo ts., Teodila ts., Iote ts., Sendeamiro ts. [...] (a. 1007, cf. CODOLGA)
[...] VIIIa porcione que comparavit de Iote et de suis filiis [...] (a. 10021, cf. CODOLGA)

Este nome Xote podería ser cognado do nome italiano Giotto, que figura latinizado como Iottus no século XIII.